Entre a incerteza e a urxencia, un relato

No esforzo por interpretar este enredo de mundo e de vida están sempre presentes as respostas dos vellos paradigmas. A socioloxía, non só a que está ocupada en desenvolver ferramentas para cuantificar e desentrañar os segredos da sociedade e dos individuos como obxectos de consumo; investigación instrumental que sempre ten compradores, tamén a máis arriscada en explorar os procesos de cambio nesta sociedade na que, a velocidade acelerada de tales cambios, fai observar unha realidade que move permanentemente as bases sobre as que asentar o futuro. O magma líquido de Bauman. Demasiada literatura para explicar e criticar o pasado ou a actualidade que se converte en pasado á mesma velocidade, pero moi pouca que nos serva para construír o futuro.

A incerteza que xa está incorporada como unha característica desta sociedade na que as novas xeracións se constrúen a si mesmas á intemperie

A incerteza que xa está incorporada como unha característica desta sociedade na que as novas xeracións se constrúen a si mesmas á intemperie, desconectadas da tradición, sen espazos colectivos de socialización e aprendizaxe e sen máis contraste de ideas que a circulación espontánea nas redes a velocidade punta de cachapiollos e xerando un pensamento por necesidade sincrético. Incluso, iso que chaman “a xeración de pensamento colectivo en rede”; expresión que xa forma parte da linguaxe máis técnica. Nisto os circos profesionais acostuman a ser bastante papóns. Porén, ao contrario do que se cre; algúns estudios indican que canto máis se comparte información e máis axentes se agregan ao debate, menor é a calidade do coñecemento xerado. Non podemos esixirlles nin agardar que sexan capaces de definirse a través das constantes mutacións profesionais e buscar un lugar desde onde manter os vínculos co pasado.

A realidade non encaixa de todo nos vellos paradigmas cando se trata de cambiala; de construír unha estratexia para alcanzar os ideais de xustiza e democracia. Sérvenos para analizar os partidos, pero os vellos paradigmas non parecen valer para xogar nesta liga

Supoño que para unha visión panorámica do mundo, a óptica metodolóxica marxista sigue sendo a que ofrece mellor definición nas imaxes. Porén a realidade non encaixa de todo nos vellos paradigmas cando se trata de cambiala; de construír unha estratexia para alcanzar os ideais de xustiza e democracia. Sérvenos para analizar os partidos, pero os vellos paradigmas non parecen valer para xogar nesta liga. Os meus amigos futboleiros acostumaban a dicirme de Louis van Gaal que tiña un esquema ríxido de xogo, que encaixaba aos xogadores como pezas dese esquema sen marxe para a creatividade individual. Eu non entendo moito de futbol e non sei se era así, pero sérveme para ilustrar a estratexia política dalgunha esquerda. Non falo da socialdemocracia que está: desorientada, sen identidade, parece dubidar se meterse a puta ou a monxa, intenta construír un discurso propio cunha linguaxe impropia que non pareza de dereitas nin de esquerdas, parece querer cubrir todo cun vacuo verniz tan superficial e incoloro que lle borra tódolos perfís. 

Interpela ao mercado e aos banqueiros para que sexan bos é proclama a necesidade do crecemento económico coma unha anunciación retórica e voluntariosa que aposta a que nolo creamos para poder ser. O neoliberalismo impuxo absolutamente a súa ideoloxía e a súa linguaxe e a socialdemocracia pretende, volvendo ao simil futboleiro, gañarlle o partido xogando coas súas normas, no seu campo embarrado e procurando durmir o partido para non arriscar. Mentres tanto o público vai marchando do estadio e a dereita gaña polo gol que marcou no partido de ida.

O neoliberalismo impuxo absolutamente a súa ideoloxía e a súa linguaxe e a socialdemocracia pretende, volvendo ao simil futboleiro, gañarlle o partido xogando coas súas normas, no seu campo embarrado e procurando durmir o partido para non arriscar

As organizacións políticas e sindicais de esquerdas, acompañan a esta sociedade cunha maquinaria demasiado pesada e cos calcaños espetados no chán para freala; loxicamente non lles gusta a dirección que colle e séntense  incapaces de mudar a traxectoria. Iso fai que o discurso sexa sempre á contra e se perciba pola sociedade como conservador. Mentres tanto a dereita controla a sala de maquinas e goza con natural sentido da propiedade da sala VIP.

A realidade é a que é, non digo eu que sexa doado establecer unha  diagnose no medio de tanto barullo e en movemento, pero hai que facelo. Pasou o momento da produción e xa esgotamos ate o aburrimento a fase de reprodución. Esta crise xeral ponnos definitivamente na fase da bifurcación, na fase de cambio.

As organizacións políticas e sindicais de esquerdas, acompañan a esta sociedade cunha maquinaria demasiado pesada e cos calcaños espetados no chán para freala

A urxencia da acción unitaria contra o saqueo e para inverter as políticas de desmantelamento, non debería pospoñer a construción dun novo relato da esquerda. Moi ao contrario; debería formar parte da dinámica construtora do relato que ilusione. Combater o medo e a incerteza coa acción unitaria da sociedade mais consciente e centrar as enerxías en pensar o proxecto dun país que se constrúe desde a súa identidade cultural e política. É necesario que cada quen deixe de mirar para a súa organización partidaria. O terreo móvese debaixo dos pes e produce vertixe, pero se non se abandona a loita partidaria pola hexemonía e se afronta a cooperación para iniciar un proxecto común. Un proxecto común que implique a todos e a cada un dos proxectos na construción de algo distinto. Canalizar o descontento e integrar a mobilización social dispersa no proxecto que a propia cidadanía constrúa para que o sinta seu e se apropie del.

É necesario que cada quen deixe de mirar para a súa organización partidaria

E falando de relato, porque non podería ser este:

Comezaba o ano 2013, despois dunhas eleccións autonómicas que, por previsibles, non foron menos frustrantes. A dereita, amparada na crise e no absoluto poder mediático, executa sen piedade as políticas da Troica; devastando o sistema público e social, producindo uns niveis de paro e de pobreza sen precedentes e destruíndo os sinais de identidade, a lingua e a cultura propias. Unha maneira de desarmar o pobo, de desposuílo da autoestima e do seu orgullo de ser, ademais de levantar unha útil fumareda. Unha auténtica barbarie etnocida. Na sociedade, a corrupción fora asentando coma un orballo que crea lentura e apodrece todo; medraba o pesimismo, a desafección política, a emigración e os excluídos. Os instrumentos políticos tradicionais, aínda que tiveran unha dignísima historia de loita, estaban mergullados nas dinámicas impostas polo propio modelo e mostrábanse incapaces de xerar a ilusión dunha alternativa; colleran cheiro ao mofo e eran rexeitados indiscriminadamente.

Nas coudullas e por entre os sucos da sociedade xermolaba a rebeldía, medraban como millacas asociacións da cidadanía que expresaban a indignación. Indignados e orfos de instrumentos políticos  nos que organizarse para integrar todas as demandas

Nas coudullas e por entre os sucos da sociedade xermolaba a rebeldía, medraban como millacas asociacións da cidadanía que expresaban a indignación e esgotaban as súas forzas berrando no inmenso barullo que os tapaba e os esquecía. Múltiples asociacións para defender os servizos públicos, os medios de vida, a lingua, o patrimonio cultural, o medio natural e a sostibilidade, a banca ética, o consumo responsable, os sectores produtivos primarios, os sectores produtivos industriais, asociacionismo veciñal nos barrios urbanos, asociacionismo en defensa do mundo rural... Indignados e orfos de instrumentos políticos nos que confiar e nos que organizarse para integrar todas as demandas.

Os discursos da esquerda nas eleccións autonómicas de outubro de 2012 apelaban á cidadanía pero, era só unha apelación, non se daban as condicións nin se fixo co tempo, coa solemnidade e a credibilidade requiridas, para que puidera plasmarse e algún proxecto que espertara a ilusión cómplice da alternativa.

A mocidade inqueda atopaba respostas na literatura revolucionaria de principios do século pasado. Acaso pola necesidade de conexión coa tradición perdida, acaso buscando unha profundidade que non atopaban na sociedade de individuos consumidores que coñecían, acaso pola ausencia de referentes válidos e liderados nas xeracións cansas e decepcionadas que os precedían; atopaba os liderados na profundidade humanística da intelectualidade octoxenaria.

Un grupo de xente moza, Investigadora en precario do Sistema Universitario Galego ou ás portas do mundo profesional pechado que só as entreabría en condicións de explotación salvaxe, coinciden en Compostela nunhas xornadas sobre O proceso contrarreformista do PP que organizaba a Plataforma Unitaria en Defensa dos Servizos Públicos.  Entre café e café van destilando unha análise e un entusiasmo que conclúe coa decisión de cambiar a melancolía pola acción.

Comezan un traballo de conexión con todo o territorio, Con toda a diversidade de asociacións, organizacións e empresas comprometidas co desenvolvemento integral do país, de todos os concellos de Galiza e convocan a unha gran xuntanza no Pazo de Congresos de Santiago. A xuntanza convócase para o sábado día dous de marzo, na data simbólica do Banquete de Conxo; 257 anos despois de que obreiros, artesáns e estudantes compartiran mesa e mantel nun xesto transgresor do sistema social imperante.

Desta gran asemblea naceu A (GAT) a Gran Alianza da Terra. Todo o asociacionismo sectorial e transversal de Galiza e, por requirimento deles todas as organización sociais e políticas de esquerdas asinaron o gran pato de constituír a GAT

Desta gran asemblea naceu A (GAT) a Gran Alianza da Terra. Todo o asociacionismo sectorial e transversal de Galiza e, por requirimento deles todas as organización sociais e políticas de esquerdas asinaron o gran pato de constituír a GAT. O máis significativo é que no gran movemento social integráronse os partidos de esquerdas e os políticos que aportaron a súa experiencia e bagaxe, someténdose ás dinámicas asemblearias cidadáns e aos procesos de eleccións primarias abertas para formar as candidaturas. A gran revolución comezaba en Galiza. En todos os Concellos de Galiza se crean asembleas locais e comezan os traballos que, unha comisión de xente socialmente recoñecida, coordinou para elaborar o gran programa municipal da GAT, a forza maioritaria nas eleccións municipais de 2015 que gobernaría as principais cidades máis as deputacións…

Comezou a gran transformación territorial; a creación dun dispositivo audiovisual integrando e coordinando as iniciativas locais de radio e televisión, que facilitou a comunicación e que Galiza se vise e se recoñecese a si mesma orgullosa; a creación dun sistema financeiro propio e a activación do seu sistema produtivo … O efecto expansivo disto non puido detelo nin a caverna mediática que, neste dispositivo audiovisual dinámico e creativo, atopou unha contestación eficaz ao seu discurso atemorizador e fascistoide.  Pouco a pouco, foi implantándose en todo o Estado esta alianza da esquerda coa cidadanía e comezaba a pensarse nas eleccións ao parlamento estatal …

Pouco a pouco, foi implantándose en todo o Estado esta alianza da esquerda coa cidadanía e comezaba a pensarse nas eleccións ao parlamento estatal

O relato, á marxe da súa calidade literaria, a min gústame moito. Soñar non ten cancelas, pero ás veces pode abrir unha porta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.