0 Gardados para despois

Juan Carlos Fernández Naveiro

Quen teme a filosofía?

Un grito percorre á comunidade dos filósofos: Quen teme a filosofía? É a pregunta perplexa dun colectivo que ve ameazado o seu futuro profesional e a supervivencia das facultades de filosofía, e que ve cuestionado o seu traballo de tanto tempo contra o tópico de que a filosofía non serve para nada. Até o de agora era a ignorancia o que se opoñía á filosofía, a ignorancia e o economicismo reinante. Pero agora, se se mantén a LOMCE nos termos actuais, será o propio sistema, a cultura oficial, quen confirme a validez do tópico e desacredite finalmente o traballo dos filósofos. De aí a desolación da filosofía, e a pregunta de quen debe cargar coa responsabilidade de semellante desatino. Que lle teme entón á filosofía?

Se se mantén a LOMCE nos termos actuais, será o propio sistema, a cultura oficial, quen confirme a validez do tópico e desacredite finalmente o traballo dos filósofos

Á filosofía témenlle algúns dos discursos de éxito na sociedade actual: o discurso da redución da complexidade da vida a consignas e fórmulas baleiras, e o da fragmentación dos saberes en compartimentos sen relación. A filosofía témea tamén o discurso da manipulación das conciencias e da docilidade social, en definitiva o discurso do poder. Sempre foi así, e agora quere poñerse negro sobre branco na lei que regule o sistema educativo.

A filosofía témea tamén o discurso da manipulación das conciencias e da docilidade social, en definitiva o discurso do poder. Sempre foi así, e agora quere poñerse negro sobre branco na lei que regule o sistema educativo

Unha redución do 66% na asignación horaria das materias de filosofía vai contra todas as recomendacións internacionais e a práctica dos países con mellores índices de éxito educativo. Xunto á desaparición da ética e da educación para a cidadanía, a devaluación da historia da filosofia a unha simple optativa é especialmente grave, e sen embargo está invisibilizada por outras problemáticas, como o modelo lingüístico e o status da relixión, con máis presencia mediática e sen dúbida maior rendibilidade política. Esquécese que só a filosofía pode procurar unha visión integradora do coñecemento humano e das relacións entre ciencia, política e historia no devir das sociedades.

O retroceso xa se viña producindo tras cada reforma educativa. Cando a literatura universal é case unha reliquia nos plans de estudo e os programas de historia están cada vez máis condicionados polas identidades nacionais e os intereses políticos, xa só quedaba a filosofía para comprender a evolución do pensamento humano. Agora iso só será para os privilexiados e para os escasos entusiastas vocacionais.

Marta Nussbaum, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2012, alertou hai pouco de que unha educación na que as humanidades non ocupen o seu lugar producirá “xeracións enteiras de máquinas utilitarias”

A filósofa Marta Nussbaum, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2012, alertou hai pouco de que unha educación na que as humanidades non ocupen o seu lugar producirá “xeracións enteiras de máquinas utilitarias”. Quizá se trate diso. Sen filosofía non haberá claves de acceso ao mundo da cultura e seremos máis dóciles e conformistas. Seremos cada vez máis o soño perfecto de calquera réxime totalitario.

Acerca de Juan Carlos Fernández Naveiro

Doutor en Filosofía, catedrático de Filosofía en Ensino Secundario (2008), profesor-titor de Filosofía e Antropoloxía no Centro Asociado da UNED en Lugo.