A conexión Álvarez del Vayo

Julio Álvarez del Vayo condecorando a soldados da Batalla do Ebro Dominio Público

Finalmente, será o Estado quen asuma os custes da preservación da sepultura do ex ministro da IIª República, Julio Álvarez del Vayo, en Xenebra, a piques de caducar a concesión que de non se resolver remataría cos restos, tamén os da súa muller e filla, nun osario. Unha mostra do abandono en que se atopa a memoria de tantos republicanos comprometidos no exilio coa defensa dos valores democráticos pero tamén da reacción a tempo, in extremis neste caso, para procurar unha mínima dignificación destas lamentables situacións que deberan encararse de xeito sistemático e prolongado. 

Figura tan rica e polémica como complexa, á fronte do Ministerio de Estado (Asuntos Exteriores) en varias etapas, tanto cos gobernos de Largo Caballero como de Negrín, Vayo sentía unha profunda estima polo noso Lois Tobío, un dos seus mais estreitos colaboradores naquela altura, de asedio rebelde á República. Nas súas memorables “Décadas”, o Lois conta como Vayo pensara en mandar a Castelao como embaixador a Arxentina, tal como pedían os emigrados de alá. Castelao dixéralle que aceptaba sempre e cando Tobío o acompañase e o ministro respondeulle que non podía prescindir del estragándose finalmente a operación. No seu lugar iría Ossorio y Gallardo. En 1938, Vayo nomeou a Tobío secretario xeral do Ministerio, o posto de maior relevancia no departamento tralo propio ministro e o subsecretario.

E por Vayo sentía tamén unha profunda admiración Pepe Castedo. Non consta que se chegaran a coñecer pero para Castedo, segundo manifestaba aos seus mais achegados, era quen mellor simbolizaba a firmeza na loita antifranquista. A relación de Vayo coa China Popular puidera ter influído na propia decisión de Castedo de tomar rumbo a Oriente en 1964, un feito certamente infrecuente naquela época por parte de exiliados que non estiveran radicados na Unión Soviética, os mais habituais ata a ruptura de relacións entre Moscovo e Beijing. Vayo, desterrado consecutivamente nos EUA, México e Suíza, visitou China en 1957, 1961 e 1967. Desas visitas xurdiron libros como “Reportaje en China. Presente y futuro de un gran pueblo” (Grijalbo, México, 1958) ou “China vence” (Ruedo Ibérico, París, 1964), xustamente cando na capital gala residía Castedo. 

Rendido ante a figura do Grande Temoneiro, Vayo foise convertendo nun referente dos movementos maoístas nos anos sesenta en España. Logo contribuiría a fundar o FRAP (Frente Revolucionario Antifascista y Patriota), que presidiría ata a súa morte, acontecida uns meses antes do fusilamento dun dos seus militantes mais emblemáticos, o vigués Xosé Humberto Baena. Vayo e Castedo ben puideron coincidir en China en 1967, ata onde chegara o noso auto reivindicado ferrolán en 1964, pois polo seu status paradiplomático era habitual o convite ás recepcións organizadas para cumprimentar a visitantes estranxeiros destacados.

Queda aínda moito por dignificar de todas estas figuras, tan ignoradas, insuficientemente recoñecidas ou directamente maltratadas. Todos eles teñen en común a militancia antifascista e a defensa coherente e certamente sacrificada dos valores democráticos. Unha débeda que nos custará saldar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.