A deformación educativa

O Consello de Ministros vén de aprobar una nova reforma do sistema educativo, a sétima dende que se reinstaurou a democracia herdeira directa da democracia orgánica das Cortes franquistas. E como non podía ser menos caeu sobre a comunidade educativa a sétima e definitiva plaga, como as que as Sagradas Escrituras sinalan que Deus enviou aos exipcios para forzar a liberación dos xudeus. Se tiveramos que elixir entre as plagas que padeceron os exipcios concordaríamos que a Lei Wert semella aquela na que “Moisés toma cinzas dun forno e as espalla, creando un salpullido que á vez, produciu úlceras”. (Ex. 9:8-10).

Xa de por si, dicir que unha lei educativa no tramo obrigatorio, ou sexa, aquela que sustenta a base académica e formativa das persoas “forma para o emprego e dota aos alumnos e alumnas dos coñecementos básicos necesarios para o traballo” é un auténtico disparate. Basean o argumentario na importancia que ten para a obtención dun posto de traballo aos dezaseis anos o estudo das matemáticas e da lingua. Pasaron xa varios días dende o Consello de  Ministros e aínda ningún membro do goberno nin dos responsables políticos do partido que o sustenta foron quen de xustificar varias preguntas que os que teñen fillos, os mestres, a comunidade educativa en xeral se preguntan a día de hoxe:

Garante por lei o goberno un orzamento ou inversión por alumno en cada nivel educativo? Cal é a ratio máxima por profesor en cada nivel educativo? Cal é a inversión da administración no mantemento e construción de novos centros? Como afronta o goberno a necesidade de implantar e introducir as novas tecnoloxías no sistema educativo?

O goberno, na súa política de sementar pequenos ou grandes conflitos que oculten a realidade, promove o conflito relixioso nas aulas e o suposto conflito lingüístico para ocultar a paulatina privatización dos recursos públicos que terían que adicarse a un ensino universal e gratuíto por outro no que os concertos e as privatizacións primarán sobre o interese xeral. Unha vez estoupada a burbulla inmobiliaria hai que buscar recunchos de negocio e continuar co desmantelamento e saqueo do Estado. Eses nichos de negocio están agora no sector sanitario e no sector educativo.

Con todo, o tema relixioso non é menor. Que a fe, que non deixa de ser algo do eido privado, aínda que con carácter optativo entre a formar parte do currículum académico supón un retroceso de 30 anos na sociedade española. Os que falaban da dogmatización, da imposición das ideas, da ideoloxización dos cativos cando se aprobou a asignatura de Educación para a Cidadanía, fan una mostra de forza e de submisión a una “seita organizada” que vive do Estado e dos españois sexan ou non afíns ás ideas que promulgan. Ideas como a pobreza, a caridade, a solidariedade, a abstinencia sexual das que fan bandeira, son as que recomendan aos demais pero que para nada practican.

Resulta sintomático que o Presidente da Conferencia Episcopal  fale de que o ensino precisa que o feito relixioso se espalle en rede por todas as asignaturas porque ningunha delas ten sentido, nin a propia existencia da sociedade occidental actual, sen o coñecemento do feito relixioso. Supoño que se referirá ao sacrificio de Miguel Servet cando falou da circulación sanguínea, a Galileo Galilei cando falaba do movemento da terra arredor do Sol, por non falar da oposición que a igrexa fai da Teoría da Evolución chegando ao paroxismo de sacarse da sotana a Teoría do Creacionismo. Si o futuro da ciencia española pasa pola imposición no sistema educativo desta teoría creacionista o mellor é pechar o chiringuito. A voracidade da igrexa non ten límites. Non chega cunha lei feita ao ditado hai que volver ao nacionalcatolicismo e ás escolas do crucifixo.

Pero se lamentable é a imposición do feito relixioso máis lamentable é a actitude do principal partido da oposición. Plantexar que de non retirar dita lei a mesma a derrogará unha vez volva ao poder entra dentro do xogo político. Pero non é unha mostra máis de que a educación non deixa de ser una baza política para todos os grupos con responsabilidades de goberno actuais ou que o exerceron nos últimos trinta anos. O patético é que despois de gobernar España nos períodos 1982-1996 e 2004-2011 veñan coa ameaza de denunciar os Tratados co Estado Vaticano, cando a denuncia deses tratados e a supresión dos privilexios económicos, fiscais mesmo educativos que ten a igrexa católica en virtude deses tratados terían que ser suprimidos con carácter inmediato. Tiveron tempo dabondo de facelo e non o fixeron. Ao mellor, de telo feito no seu momento non estarían na situación de descrédito na que se atopan na actualidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.