A economía galega (IV)

Este artigo forma parte dunha serie titulada A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro. Podedes ler os artigos anteriores nestas ligazóns (I, II e III)

Entón, seguimos sendo periferia, si ou non?

Algúns autores e escolas teñen caracterizado como simplista unha análise que pretende resumir a dous polos a complexa relación das economías no espazo

Dende a publicación do Atraso Económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras, así como de varios traballos do profesor López-Suevos, a economía galega está ligada ao concepto de periferia económica (diferente do de periferia xeográfica). Os conceptos de centro e periferia en economía están moi vinculados ás teorías do subdesenvolvemento e do desenvolvemento desigual xurdidas a mediados do século pasado, onde se pretendía explicar a situación económica e a capacidade de desenvolverse dos territorios en función da súa inserción na lóxica espacial do sistema económico. Nese sentido, os autores nomeados anteriormente usaron tal conceptualización para remarcar o carácter periférico da nosa economía, naquel entón no marco da economía española, onde as rexións de vella tradición industrial, Euskadi e Catalunya, xunto coa capital madrileña ocuparían a posición de centro. A economía galega teríase desenvolvido de xeito extravertido (versus autocentrado), atendendo ás necesidades do centro co que mantería unha relación de dependencia e, por tanto, de desigualdade (subministro de man de obra barata, materias primas e mesmo aforro). A maiores, botando man do occitano Robert Lafont, Beiras utilizaba o concepto de colonialismo interior que agravaba aínda máis as condicións da periferia ao carecer as rexións de aparello estatal e dese xeito reforzárense os factores de dominio político e cultural sobre os territorios periféricos.

Na actualidade os termos centro e periferia seguen sendo comunmente utilizados nas áreas científicas da economía rexional e da xeografía económica. Mais, nin o respaldo teórico responde ao mesmo que usaron no seu momento Beiras ou Suevos, nin a fasquía que toma a dialéctica centro-periferia é a mesma. Mesmo algúns autores e escolas teñen caracterizado como simplista unha análise que pretende resumir a dous polos a complexa relación das economías no espazo. Porén, aínda sendo esta unha cuestión de interese académico moi estimulante para quen lles escribe, non entraremos agora na mesma por ser un debate inconcluso e que soborda o obxecto deste documento.

Unha gran parte dos estudos actuais sobre desenvolvemento rexional se diferencian dos baseados nas teorías do subdesenvolvemento en que estes últimos partillaban un certo determinismo en relación á imposibilidade ou incapacidade dos territorios para mudar a súa situación e desenvolverse

Si destacaremos que unha gran parte dos estudos actuais sobre desenvolvemento rexional se diferencian dos baseados nas teorías do subdesenvolvemento en que estes últimos partillaban un certo determinismo en relación á imposibilidade ou incapacidade dos territorios para mudar a súa situación e desenvolverse (e por tanto á perpetuación da dialéctica centro-periferia). Xa dende finais do século pasado moitos dos traballos máis destacados nesta área baséanse na idea de que cada territorio conta con recursos distintivos, económicos, culturais e institucionais, sobre os que apoiar a súa capacidade de desenvolvemento económico e que é necesario artellar estratexias para activar o potencial de cada un deles. Isto non quere dicir, ao noso ver, que o modo de inserirse na lóxica económica internacional non sexa tamén importante, e moito, pero non ten por que ser unha gaiola de ferro, como amosan os casos de moitas rexións europeas que foron quen de saír dunha situación teoricamente periférica (O Mezzogiorno italiano, Irlanda, Finlandia, etc).

Tendo o anterior en contra, cal sería entón a nova fasquía dos territorios periféricos? Pois ben, na liña dos estudos do profesor Xavier Vence e un servidor e doutros autores, o mapa económico Europeo estaría dominado por unha serie de rexións altamente desenvolvidas do centro e norte de Europa xunto coas capitais dos diferentes Estados europeos, tanto do Norte como do Sur. A verdadeira fronteira económica viría da man xa non da existencia de actividades industriais senón da capacidade innovadora dos territorios, manifestada entre outros trazos nun tecido económico onde predominan as actividades de alta intensidade en coñecemento e tecnoloxía. Pola contra, a periferia europea –na que atoparíamos a Galicia- estaría integrada por rexións con menor capacidade innovadora e onde dominan, no ámbito industrial, actividades de intensidade tecnolóxica media e baixa así como servizos pouco avanzados e intensivos en man de obra de baixa cualificación (Vence e González, 2009).

A periferia europea –na que atoparíamos a Galicia- estaría integrada por rexións con menor capacidade innovadora e onde dominan, no ámbito industrial, actividades de intensidade tecnolóxica media e baixa

Neste liña discursiva, podemos observar no seguinte mapa que se inclúe no informe elaborado pola Unión Europea (2013), Regional Innovation Scoreboard 2012, que Galicia aparecería entre as rexións de moderada-baixa innovación (isto é, nunha escala de 1º ao 10º sendo o 1º rexión líder en innovación, Galicia estaría no grupo 7º). Este medida da actuación innovadora constrúese como  un indicador composto a súa vez por outros que captura aspectos que van dende a cualificación dos recursos humanos, as actividades de innovación das empresas e das universidades e os resultados das mesmas en termos de introdución de innovación, patentes concedidas, etc. Este mesmo informe dá conta dunha lixeira mellora da posición galega entre 2007 e 2011, xa que no primeiro ano ocupaba un chanzo máis baixo na clasificación antedita, o cal ben podería ser resultado do incremento no esforzo en innovación realizado por empresas e administración pública nos anos previos ao estoupido da crise.

Vindeira entrega: “O noso talón de Aquiles: cada día somos menos e con menor peso especifico”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.