A eiva da democracia: O clientelismo político

De cando en cando escóitase iso de que a democracia non é verdadeiramente democrática, que o réxime político que todos pensamos é o mellor dos réximes, igual non é tan bo. O certo é que ata o século XIX coas protestas e demandas a prol da igualdade e da xustiza social, e na actualidade, tras a caída do muro de Berlín, e tras a desaparición dos sistemas comunistas, non se consolida verdadeiramente o xeito de goberno democrático.

Mais a democracia como concepto e como idea ten unha serie de características que a definen e identifican. Pero é ben distinto falar da democracia como concepto normativo que como concepto empírico. Debe ser a análise empírica a través da operacionalización con indicadores que se poidan aplicar aos sistemas políticos existentes a que fixe un mínimo de características que debe ter un país para ser considerado democrático. Para superar esta dicotomía entre o normativo e o empírico un politólogo que nos pode botar unha man é Robert Dahl, que mediante dous termos, democracia (ideal) e poliarquía (real), nos permite aclarar ben esa pregunta que o gran politólogo Sartori formulaba: Como é que os ideais se vinculan coa realidade, como é que un deber ser se converta nun ser?

O certo é que os distintos politólogos andan inmersos na problemática da clasificación dos sistemas políticos e  por iso non deixan de emerxer termos ambiguos que pretenden superar aquela tipoloxía de Linz de autoritarismos e democracias, colarse no medio e por tanto falar de pseudo-democracias réximes híbridos, sistemas cuasi-democráticos..., estaremos de acordo en que non é o mesmo a democracia de Chile que a de España  a de Rusia que a de Francia e un longo etcétera. A clasificación anual de Freedom House o certo é que tampouco nos vale de moito, si nos dá un idea, pero moi empobrecida.

Unha das lacras que vai pegada á democracia e que é fonte da argumentación daqueles que, como diciamos ao principio, din que a democracia non é democrática, é a do clientelismo

Unha das lacras que vai pegada á democracia e que é fonte da argumentación daqueles que, como diciamos ao principio, din que a democracia non é democrática, é a do clientelismo. O clientelismo perverte e degrada elementos tan fundamentais da democracia como son os bens públicos, a igualdade, a autonomía, a libre elección a participación, a ideoloxía... O clientelismo non deixa de ser o intercambio de votos por favores, que pouca diferenza ten coa corrupción, intercambio de diñeiro por favores. Nun escenario no que se dean partidos clientelares e partidos programáticos, a elección de votar polo partido clientelar sempre é máis favorecedora que a de votar polo programático, xa que ademais de conseguir os bens que serían comúns a todos (que levan no programa tanto os partidos clientelares como programáticos) conséguense bens de carácter privado, non esquezamos, intercambio de votos por favores. Esta é a triste realidade

En Galicia o clientelismo político é xa un sinal de identidade, un risco definitorio. Unha característica máis. Falemos mellor de caciquismo, é un termo ao que estamos máis acostumados

En Galicia o clientelismo político é xa un sinal de identidade, un risco definitorio. Unha característica máis. Falemos mellor de caciquismo, é un termo ao que estamos máis acostumados, ata semella que xa lle temos apego (a palabra é de orixe caribeña, significa Xefe ou Señor da Tribuo). Os caciques compran lealdades malversando fondos públicos para fins privados, nunha rede impenetrable de corrupción e influencias. Di Castelao no seu Sempre en Galiza que “os caciques nacen e medran en calquer clima do mundo, como os pelos da barba”, e non lle falta razón. Os pobos do rural, as vilas meirandes e as cidades máis urbanitas galegas rebordan de caciques.

A terra por antonomasia da boa praxe cacicquil é a do Ourense cuasi-monárquico e dinástico ou hereditario de Baltar. O certo é que sempre hai listos que se aproveitan da inocencia da xente, dos nosos maiores e non tan maiores. Algúns ata dirán aquilo de que o cacique favorece a democracia, que é o xerme da participación democrática, leva a política as casas. E quedarán tan panchos con tan irrebatible argumentación. Mais caen no erro da defensa do non defendible. Na defensa da política do amiguismo fan valer esa máxima de que “o que importa é ter amigos onde hai que telos”.

O cacique na relación cos seus clientes, no intercambio de favores por votos, válese do máis variopinto de favores: dende proporcionar emprego ou influír na contratación do seu cliente, favorecer aos amigos nos concursos públicos, amañar rúas e aceiras próximas a casa dos clientes... As persoas así beneficiadas apoiarán sen reservas a quen lles están a favorecer.

Argumentan estes “carrexadores” de votos que a xente se deixa moito de votar, que están pouco informados e que eles fan por tanto un labor social digno de admirar

Outro fenómeno moi unido a práctica caciquil é a da carretaxe de votos. O cacique vai casa a casa collendo aos seus clientes, dándolle a papeleta do partido clientelar e levándoos votar ao colexio electoral. Argumentan estes “carrexadores” de votos que a xente se deixa moito de votar, que están pouco informados e que eles fan por tanto un labor social digno de admirar. O cacique descoñece o elemental principio democrático de que o voto é LIBRE e SEGREDO. Tal vez non descoñezan o concepto pero si argumentan aquilo de que “ao veciño non lle importa a Democracia, o que lle importa é ter a rúa ben asfaltada, un punto de luz” etc.

As prácticas caciquís semella que nunca terán remate, non se albisca unha saída ao final do túnel

As prácticas caciquís semella que nunca terán remate, non se albisca unha saída ao final do túnel. A España e Galiza actuais non distan moito daquelas da Restauración de finais do século XIX e principios do XX onde o caciquismo agromaba en todo o seu esplendor. Ambos os dous países  seguen a estar anquilosados nun tradicionalismo decadente de política barata, de amiguismos e favoritismos. A Galiza moderna que tanto presumían algúns que xa facía tempo chegara das mans de sabe Dios quen, nunca chegará ata que esa praxe que nos é tan familiar  desapareza das nosas rutinas. Perseguir, condenar e concienciar son tres palabras claves para supera unha eiva da Democracia, o CLIENTELISMO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.