A expropiación de dereitos consolidados

Hai un principio xurídico, de ampla aceptación entre os defensores dos Dereitos Humanos, que prescribe a prohibición do retroceso social. Un libro de Christian Courtis (Ni un paso atrás. La prohibición de regresividad en materia de derechos sociales) recolle unha abondosa documentación sobre esta materia. Entenden os xuristas que as sociedades avanzan cara adiante e que os dereitos e conquistas sociais deben considerarse irreversibles (o voto, a protección social, a educación, a sanidade, a xubilación, etc). Por esa razón os gobernantes deberían ter como obriga principal da súa actuación a continuidade e mellora destas conquistas colectivas.

Esta teoría defende que os bos resultados macroeconómicos deixan sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade

Mais non é así. Os actuais gobernantes, imbuídos pola ideoloxía ultraliberal, son defensores da chamada “teoría do derramo”. Esta teoría (presentada como unha verdade científica cando non é máis que un cruel enunciado ideolóxico) defende que os bos resultados macroeconómicos deixan sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade. A experiencia non confirma este aserto; en realidade o vaso non acaba nunca de encher e aínda menos de derramar o seu líquido. En Hispanoamérica, nos anos oitenta e noventa, enriquecéronse os ricos, pero os pobres quedaron instalados na pobreza. Agora, no sur de Europa, como consecuencia da crise económica, medraron de maneira obscena as grandes fortunas mentres hai unha crecente porcentaxe da poboación ao borde da miseria. Podemos recordar a Emilio Botín, poucos días antes da súa morte, anunciando enfático: “Nos entra dinero, nos llega dinero por todas partes”.  Mais este enriquecemento, sen a intervención política, non se transforma automaticamente en desenvolvemento social.

A situación que vivimos nos últimos dez anos en España (os recortes, a restrición de dereitos, a perda de protección social, o desmantelamento da sanidade e da educación,a suspensión do dereito á dependencia, etc.) non é consecuencia da crise nin da “herdanza recibida”. É o froito de decisións políticas promovidas desde instancias internacionais (FMI, BCE) e aplicadas con crueldade polos gobernantes do Partido Popular que fan recaer as consecuencias da crise sobre as clases máis desfavorecidas e vulnerables, protexendo e mellorando, mentres tanto, os intereses dos máis ricos e poderosos. Camiñamos así cara un abismo social; lévannos, sen que lles trema o pulso, cara a un novo mundo feudal (como anunciou Antón Losada nun libro recente). Están procedendo a unha expropiación programada de dereitos que críamos consolidados e devolven a sociedade a unha situación preconstitucional, coa xustiza transformada en caridade e os dereitos convertidos en beneficencia.

Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos Leis (RDL), que van do Consello de Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento

Para levar a cabo esta política regresiva o PP empregou, de xeito implacable, o rodillo parlamentario. Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos Leis (RDL), que van do Consello de Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento. O artigo 86 da Constitución di que esta fórmula só debe empregarse “en casos de extraordinaria e urxente necesidade”. Esta ferramenta lexislativa tan poderosa (o Goberno lexisla directamente sen debate nin emendas no Congreso),  foi utilizada de maneira compulsiva polo PP. En 2012 publicou un total de 26 RDL: un auténtico récord. Agora, sen rematar a lexislatura, anda preto dos oitenta. Trátase, con toda evidencia, dun fraude democrático, dunha burla ao Parlamento e á propia cidadanía.

Este foi o procedemento utilizado para impor o RDL 16/2012 (asinado polo rei cazador de elefantes) que, con todo cinismo, din que vai dirixido a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario cando, en realidade, trátase dun atentado frontal contra o mesmo (suprimiu o dereito á saúde de todos os cidadáns e recuperou a figura do “asegurado”, provocou a exclusión sanitaria dun millón de persoas, impuxo copagos abusivos e retirou da cobertura sanitaria máis de 400 fármacos). Xa o contei noutra ocasión, pero cómpre lembrar a cronoloxía. Esta lei foi publicada en abril de 2012, aos tres meses de tomar posesión o goberno de Mariano Rajoy.  Non é posible elaborar unha lei tan complexa en tan pouco tempo. Así pois, este texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, prometían o contrario. Trátase dun engano programado, unha mentira colectiva coa que defraudan, sobre todo, aos seus propios votantes, que lle deron a confianza para aplicar outras medidas (as que prometían) ben distintas das que levaban escritas na súa “axenda oculta”.

Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recada e para que se emprega o recadado

Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recada e para que se emprega o recadado. É necesario controlar o BOE para publicar leis favorables ao pobo. No mes de marzo a organización Médicos del Mundo presentou no Parlamento de Madrid unha proposta para derogar este RDL como primeira medida en materia sanitaria cando haxa un cambio de goberno. Asinaron todos os grupos políticos agás o PP e Ciudadanos. Xa sabemos con quen non se pode contar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.