A posibilidade dun cambio histórico

Pleno do Parlamento galego © Parlamento de Galicia

O termo "histórico" é un dos que mais se utiliza na conversa pública. Até o punto de que, en moitas ocasións, perde o significado básico que debería proporcionar: describir un acontecemento pouco habitual na vida das sociedades ou das persoas. Tantos eventos son catalogados como históricos que, finalmente, ten lugar un efecto indesexado: a práctica banalización de semellante atributo.

En poucos días podemos asistir ao que sería un indiscutíbel feito histórico. Nunha dupla dimensión: o remate do goberno do PP na Xunta e a conformación dunha maioría parlamentaria alternativa encabezada polo BNG

Poren, en poucos días podemos asistir ao que sería un indiscutíbel feito histórico. Nunha dupla dimensión: o remate do goberno do PP na Xunta e a conformación dunha maioría parlamentaria alternativa encabezada polo BNG. O primeiro só ocorreu -como consecuencia directa do resultado electoral- nunha ocasión, cando Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta no ano 2005. Antes e despois desa data, o dominio da dereita nas institucións do autogoberno galego foi unha constante (só interrompido entre 1987 e 1989 por unha moción de censura promovida polo PSdeG, CG e o sector de AP que encabezaba Xosé Luis Barreiro). A segunda circunstancia sería totalmente inédita: o nacionalismo galego nunca accedeu á presidencia da Xunta nas décadas de funcionamento desta institución.

A viabilidade dun cambio no goberno galego require dunha composición parlamentaria na que o PP (só ou acompañado de "Democracia Ourensana") non acade os 38 escanos e BNG, PSdeG e, eventualmente, Sumar dispoñan, como mínimo, desa forza numérica. Para que esta situación se abra paso terán que converxer un conxunto de fenómenos que presentan evidentes dificultades: un nivel de participación relativamente elevado, perda significativa no apoio electoral ao partido de Rueda e Feijóo, medre na contía de votos obtidos polo PSdeG (a partir da mobilización de sectores proclives á abstención) e tradución efectiva en escanos dos votos que podan obter as candidaturas de Sumar nas circunscricións de Coruña e Pontevedra para evitar un beneficio indirecto do PP.

Terán que converxer un conxunto de fenómenos que presentan evidentes dificultades: un nivel de participación relativamente elevado, perda significativa no apoio electoral ao partido de Rueda e Feijóo, medre na contía de votos obtidos polo PSdeG e tradución efectiva en escanos dos votos que podan obter as candidaturas de Sumar nas circunscricións de Coruña e Pontevedra

Aínda sen coñecer o mapa concreto, si podemos asegurar que non se repetirá a dimensión da vitoria obtida por Feijóo no mes de Xullo de 2020. O contexto da cita deste 18 de Febreiro ten algunhas novidades destacadas. Por exemplo: non se vai votar coa presión directa da pandemia de Covid e as lóxicas tendencias conservadoras que suscitou o medo ante unha situación descoñecida. Ou tamén: non estamos ante unha elección que xire arredor da figura presidencial de Feijóo. Non existen, agora, fortalezas específicas derivadas da xestión do goberno de Rueda durante os últimos meses. A decisión tomada polo PP pretendendo focalizar a campaña, nunha grande medida, na temática da amnistía e da situación en Cataluña, exemplifica a pouca confianza que teñen os dirixentes deste partido nas virtualidades das súas políticas gobernamentais.

Se as urnas propician o nacemento dun goberno alternativo, de coalición, haberá un importante catálogo de prioridades enriba da mesa. Entre elas, conviría citar dúas que non están tendo a relevancia que merecen no debate público: as necesarias mudanzas no funcionamento da CRTVG e a reforma da actual lei electoral. Nestes dous ámbitos non está en cuestión a maior ou menor suficiencia de recursos orzamentarios para enfrontar a adopción de novas normas e/ou medidas senón a existencia dunha vontade favorábel ao fortalecemento dos parámetros definitorios dun sistema democrático de calidade.

Se as urnas propician o nacemento dun goberno alternativo, de coalición, haberá un importante catálogo de prioridades enriba da mesa. Entre elas, conviría citar dúas que non están tendo a relevancia que merecen no debate público: as necesarias mudanzas no funcionamento da CRTVG e a reforma da actual lei electoral

No caso da empresa pública de comunicación hai diagnósticos acaidos sobre sobre as feblezas e ameazas que ven padecendo nos últimos tempos e tamén son coñecidas as propostas rexeneracionistas formuladas polos profesionais da Compañía e por diversos analistas especializados no universo mediático. Asemade, pódese engadir o balance de acertos e erros rexistrado durante o mandato do goberno bipartito (PSdG-BNG) entre 2005 e 2009.

No relativo á lei electoral, unha nova maioría parlamentaria debería revisar a normativa vixente -que ten mais de 30 anos de vida- para dotar dunha maior proporcionalidade á relación entre o volume de poboación das circunscricións e o número de deputados e deputadas elixidas en cada unha delas. Ademais de modificar o límite provincial do 5% instaurado por Manuel Fraga e suprimir a inelixibilidade establecida para alcaldes e alcaldesas (norma que provoca a surrealista circunstancia de que a máxima autoridade dun concello poda figurar nunha lista ao Congreso pero non poda facelo -de non mediar a previa dimisión- nunha candidatura á Cámara do Hórreo).

A reforma do actual Estatuto de Autonomía constitúe, certamente, unha materia pendente da máxima importancia para acadar unha mellora substantiva no autogoberno. Poren, a maioría cualificada esixida para que o Parlamento poda acometer ese obxectivo (2/3 do total de escanos) e a constatada negativa do PP a unha iniciativa desta envergadura, inviabiliza a expectativa dunha mudanza no curto prazo. En todo caso, a existencia dunha maioría parlamentaria que fora quen de ofrecer á sociedade galega unha proposta congruente de novo Estatuto colocaría ao PP nunha incómoda situación defensiva que, a medio prazo, non podería manter con garantías de éxito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.