A República catalá contra a forza bruta

Para encarcerar a Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, a maxistrada Lamela, da Audiencia Nacional, ideou unha nova versión delictiva no marco do delito de sedición. A Comisión de Defensa dos Dereitos da Persoa do Colexio da Avogacía de Barcelona considerou un feito non axustado a dereito a creación do “alzamento tumultuario pacífico”, que tería carácter delictivo “se persigue unha finalidade política non prevista na Constitución vixente”. Esta noción de “violencia sen violencia” ou de “tumulto pacífico” é tamén adoptada pola Fiscalía Xeral no escrito do 3 de outubro sobre os feitos do día do referendo de autodeterminación.

O fiscal Padín completaba estas teses afirmando que o día do referendo nin a actuación da Guardia Civil nin a da Policía Nacional afectaron a normal convivencia cidadá. A invención desta nova idea de violencia e a tese de exculpación da actuación das forzas de seguridade do estado trascende estes ámbitos xurídicos. A versión oficiosa que comparten PP, Ciudadanos e o PSOE, agora que se fai balance destes meses de alto voltaxe político, asume plenamente o núcleo da formulación da Fiscalía e da Audiencia Nacional. Expresión desta impostura é a negación política do exercicio de violencia de estado.

Sucedeu cun Dastis cualificando de fake news ás imaxes de brutalidade policial do día 1 de outubro, contra a mesma realidade factual e diante a incredulidade e o asombro do xornalista da BBC. E sucede agora cunha tentativa clara de desacreditar ás diversas persoas con responsabilidade política que apuntaron a ameazas graves do estado, con escenarios de “sangue e morte nas rúas” (Marta Rovira) se persistía a declaración de independencia. Aquí, a falta de probas materiais, un ten que decidir se acredita no que din os da Gürtel e os sobres, os do rescate bancário que non tiña que custar “nin un euro ao contribuente” e o señor dos “hilillos de plastilina”, ou ben na veracidade das palabras de varios consellers da Generalitat, de xornalistas como Bea Talegón ou da CUP cando constata que había un interese de Estado en desatar un escenario de violencia social.

O avogado Jordi Domingo comentaba nunha entrevista que a unidade territorial do Estado español goza dunha protección superior incluso á que ten a vida como ben xurídico. O delito de rebelión pode ser castigado con penas de ata trinta anos de cárcere, unha previsión máis alta que a dos tipos básicos de homicidio e asasinato. Á luz desto, que non ten parangón na Europa contemporánea, tamén hai que pensar sobre estes “escenarios de violencia social” e sobre o “sangue e morte nas rúas”. Non é neglixible o que transpira esa concepción da unidade territorial a ultranza: recorda esa afirmación imperial, ese xugo á vida dos outros. Son fondas as raíces desta cultura política. No pasado recente que aínda rabexa, corenta anos de franquismo, de estado orgánico nacionalcatólico; case nada. E no máis remoto, que sigue vivo naquelo de “un nación de 500 años de historia”, un estado que forxou a unidade territorial a sangue e lume e que só perdeu as colonias por derrota militar. Sábeno ben os filipinos, os cubanos e os bereberes do Rif, entre outros.

A Ciudadela foi unha fortaleza que se edificou para controlar Barcelona despois da Guerra de Sucesión (1714). O derribo das súas murallas comezou cunha protesta popular no 1840 e Espartero ordenou, daquela, o bombardeo da cidade para frear a rebelión. Os barceloneses protestaban porque entendían a Ciudadela como un símbolo de dominación que foi construído sobre terrenos usurpados ao pobo pola tiranía que se impuxo con Felipe V. Un dos referentes da historiografía catalana actual, Josep Fontana, adoita citar a frase dun grupo de rebeldes que, en preguntarlles polos motivos da protesta, responderon: “Lo hemos hecho porque somos libres, porque somos catalanes”. Pasaron máis de centocincuenta anos. Contra as tiranías, a forza bruta e as guerras. Nós, sentíndonos herdeiros daqueles barceloneses, proclamamos a República catalana. Xa nunca nada será igual. Porque queremos vivir en paz. “Porque somos libres, porque somos catalanes”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.