Amancios de aquí e de acolá

O MD Anderson Cancer Center ©

Despois de percorrer tres países e pertencer a 10 institucións académicas, teño a inmensa fortuna de ter o meu laboratorio emprazado no meirande centro de investigación médica do mundo, en Houston, no estado de Texas dos Estados Unidos. Alí aglutínanse nun radio non máis de 6 km, máis de 60 institucións médicas, hospitais, universidades, e centros de investigación onde traballan máis de 100 mil profesionais, e ó redor de 35 mil estudantes fórmanse en disciplinas relacionadas coa saúde. Neste campus xéstase un produto interior bruto de 25 millóns de dólares anuais. Cada ano aténdense máis de 8 millóns de pacientes, en hospitais cubertos coas máis innovadoras metodoloxías que encabezan as listas dos mellores dos EUA. 

Sábese que os máis innovadores tratamentos contra o cancro ou outras enfermidades realízanse nestes hospitais das mans dos máis prestixiosos doutores, e algúns dos máis punteiros descubrimentos en investigación biomédica así coma a súa aplicación clínica, cócense primeiro en Houston. Para os investigadores as limitacións son escasas, e as oportunidades para realizar os proxectos científicos son enormes.

Como se creou en Houston esta pequena cidade que alberga meca dos avances biomédicos?

Empresarios texanos do petróleo coas súas doazóns millonarias foron construíndo o que representa a meirande confluencia de filantropía médica do mundo

O centro fundouse no ano 1941, grazas á xenerosa doazón dun banqueiro e tratante de algodón, Monroe Anderson. Para evitar que as taxas do estado lle disolveran a súa empresa, creou unha fundación e fixo unha doazón de medio millón de dólares para que se construíse o que agora se coñece coma o mellor centro oncolóxico dos EUA. Só pediu dúas cousas, que se construirá en Houston e que levara o seu nome, o MD Anderson. No ano 2006, esta fundación filantrópica empezou unha campaña co obxectivo de recadar 1 billón de dólares en seis anos procedentes de doazóns privadas. Superaron esa cantidade en 3 anos. 

Outro poderoso empresario petroleiro, Anthony Petrello despois de nacerlle a súa filla con parálise cerebral, empeñouse en xuntar 7 millóns de dólares en doazóns privadas para crear un centro que investigue as causas neurolóxicas dos danos cerebrais nos bebés. No seu propósito atopouse cun xeneroso aliado, o señor Duncan. Dan Duncan, procedente dunha humilde familia nunha aldea de Texas converteu a súa pequena empresa con dous socios, un tractor, e 10.000 dólares, nunha multimillonaria empresa enerxética. Pero a súa fama empezou cando se converteu no filantrópico máis xeneroso de Texas. No 2006, regalou 135 millóns á universidade de medicina de Baylor, para establecer o Centro de Cancer Dan Duncan. E seguíronlle as doazóns de 35 millóns ó MD Anderson, 75 millóns para investigar trastornos neurolóxicos pediátricos, e no Hospital Infantil de Texas, que conta con máis de 130 científicos que lideran investigación punteiras en doenzas de orixe neuroxenética. Petrello ten a esperanza que aínda que as investigacións están lonxe de poder salvar á súa filla, poderán axudar a outros cativos que sufran danos cerebrais.

Outro millonario, Lester Smith, leva 20 anos pelexando cunha traxedia persoal, padece cancro de próstata e vexiga, os mesmos anos que leva distribuíndo a súa fortuna en doazóns á investigación coa esperanza que esta enfermidade teña cura. A familia Smith fixo una doazón de 40 millóns de dólares ós laboratorios da facultade de medicina de Baylor e 20 millóns para MD Anderson para acelerar as investigacións que se desenvolven na procura de tratamentos para o cancro. Do mesmo xeito que 15 millóns a clínicas do distrito para que puidesen tratarse alí desta devastadora enfermidade as persoas sen recursos, ou organizan eventos para a recollida de doazóns filantrópicas. 

Estas accións axudan ó aceleramento nos avances de da medicina, de novos descubrimentos ou nos diagnósticos máis precisos

A estes seguíronlle moitos outros, sobre todo empresarios texanos do petróleo, que coas súas doazóns millonarias foron construíndo o que representa a meirande confluencia de filantropía médica do mundo. Os nomes Duncan, Smith, ou Anderson poden verse esculpidos en grandes carteis nas fachadas dos edificios de investigación e hospitais en Houston, moitos deles construílos na súa totalidade grazas ás achegas dos seus benfeitores. Enormes retratos e esculturas das familias adornan os interiores representando o profundo agradecemento polas súas xenerosas doazóns filantrópicas. Non se esconden, son idolatrados cun grande respecto polas súas multimillonarias doazóns ós hospitais, que xeraron unha cultura filantrópica apegadiza no corazón de Texas. 

Pero non só no Centro Médico de Texas, a filantropía médica considerase coma unha das accións altruístas entre os ricos cada vez máis frecuente. Este ano o gran Michael Jordan, posiblemente o mellor xogador de baloncesto de todos os tempos, fixo unha doazón de 7 millóns de dólares para que se abrise un centro médico para a xente con poucos recursos na súa cidade natal en Carolina do Norte. E xa non falar da meirande fundación filantrópica dos Estados Unidos, creada por Bill e Melinda Gates que fixeron doazóns de máis de 36 billóns de dólares en proxectos relacionados coa saúde global, educación e pobreza en países en vías de desenvolvemento. 

A sociedade americana aprecia e acepta as doazóns filantrópicas coma un feito xeneroso por parte dun grupo selecto, anque cada vez máis numeroso, de multimillonarios que por unha razón ou outra, tomaron esa iniciativa. 

En España empezouse a falar das doazóns ós hospitais públicos de Amancio Ortega. El, coma a maioría dos ricos, as súas orixes foron humildes, dende vender uns cantos albornoces ata amansar unha fortuna de case 70 billóns de euros, a segunda de Europa. No 2012 doa 20 millóns a Cáritas, e nos anos seguintes fai doazóns de ata 310 millóns á hospitais públicos españois que os inverteron en equipamentos de radioterapia e de diagnóstico do cancro. Tamén a fundación Ortega apoia ás causas sociais, aportando axudas para crear un centro para os enfermos con parálise cerebral, ou a construción de escolas infantís. Por estas accións, a Don Amancio chovéronlle máis críticas que eloxios.

Aquí e acolá, houbo beneficiarios das doazóns filantrópicas, os hospitais e os centros de investigación e a sociedade. Estas accións axudan ó aceleramento nos avances de da medicina, de novos descubrimentos ou nos diagnósticos máis precisos. A gratitude e o enxalzamento que reciben de volta os filántropos e minguante dependendo do país, polo que pode que igual de diferente que sexa a mentalidade da sociedade para aceptalo de boa gana ou non. 

Acadar avances en investigación biomédica é complicado e caro. Se nos temos que limitar á financiación dos gobernos, seguiríamos con moito atraso sen producirse os avances médicos que a sociedade precisa. Especialmente coa reducida financiación da investigación biomédica no estado español

Hai que entender que acadar avances en investigación biomédica é complicado e caro. Se nos temos que limitar á financiación dos gobernos, seguiríamos con moito atraso sen producirse os avances médicos que a sociedade precisa. Especialmente coa reducida financiación da investigación biomédica no estado español. Por desgraza as políticas científicas non fan unha aposta pola investigación punteira. É un pouco ridículo que os partidos políticos critiquen as doazóns á sanidade de Amancio Ortega, con obxectivos electorais, cando non fan o esforzo por pelexar pola subida do investimento en investigación científica e mantéñena afogada por debaixo da media europea, pero isto parece que non preocupa nin interesa comentar, ó mellor non da votos. Non se pode confundir as accións, o pago dos impostos correspondentes coas doazóns altruístas, a primeira ten que exixirse, a segunda eloxiarse.

Sen dúbida, poucos deberían de ser os prexuízos, cando alguén con cartos e pola motivación persoal dada, chegan ós nosos laboratorios ou hospitais cun cheque na man con moitos ceros, ós nosos ollos só tería que significar unha cousa, que as limitacións para realizar o noso traballo reduciranse, e iso é maxestoso. Os profesionais da saúde, da ciencia e investigación, que nos erguemos e vamos traballar cada día coa ansia e ilusión de atopar a cura dalgunha doenza, avanzar no diagnóstico das enfermidades, ou mellorar a vida das persoas, non nos queda outra que agradecer este tipo de doazóns. Aceptamos os cartos, agarramos coa soberbia se é que a temos, e somos respectuosos/as e agradecidos/as pola xenerosa acción. 

Tárdame ver coma un grupo de millonarios empeza coa tradición de organizar eventos para recadar diñeiro para a sanidade e á investigación científica. Por fin apostaríase por apoiar o avance médico de aquí, non o que chega de fora

Tipos coma Amancio hai moitos acolá nos EUA, onde son glorificados e aplaudidos, anque polo mesmo feito aquí son criticados. Non se pode negar esta realidade, e pode que tan só sexa un problema de mentalidade dunha sociedade que está pouco afeita e non acepta que a sanidade e a investigación se financie con algo máis que con fondos públicos. Esta actitude non é realista á hora de facer investigación de excelencia, estamos a perder o carro se non lle abrimos as portas á financiación privada ou á filantropía, e aínda máis cando a investigación científica non é prioridade para os gobernos. 

Ogallá as tendencias de financiar a sanidade e a investigación fosen contaxiosas entre os ricos. Tárdame ver coma un grupo de millonarios empeza coa tradición de organizar eventos para recadar diñeiro para a sanidade e á investigación científica, ó mellor se remexían máis conciencias neste país e por fin apostaríase por apoiar o avance médico de aquí, non o que chega de fora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.