As bestas

Un momento da película 'As bestas' ©

Ultimamente estou a ler moitas críticas sobre As bestas e non podo deixar de reparar en que moitas das voces que se escoitan son as de urbanitas coma min que, unha vez máis, nos aprestamos a defender da aldraxe as desvalidas xentes do rural

Ultimamente estou a ler moitas críticas sobre As bestas e non podo impedir que me veña á cabeza aquel dito de “Quen se pica, allos come”, nin deixar de reparar en que moitas das voces que se escoitan son as de urbanitas coma min que, unha vez máis, nos aprestamos a defender da aldraxe as desvalidas xentes do rural.

Lonxe de min tentar ditar unha sentenza definitiva sobre o filme, mais si quixera compartir, con quen teña a ben lerme, algunhas reflexións de espectadora. Se alguén me pedise un resume, eu non empezaría dicindo “é unha película sobre un crime que se comete no rural galego”. É máis, nin sequera sei se diría algo así. Hai tantas cousas na obra que non sabería moi ben por onde empezar. Sobre todo, coido, é unha película sobre como os seres humanos nos relacionamos coa natureza e co entorno. Aí me sitúa a min o impactante inicio do filme.

Un momento da película 'As bestas' ©

É a ollada que se constrúe n’As Bestas unha ollada prexuízosa e cousificadora, como din algunhas voces críticas? Non o sei, igual éo máis a nosa, que ve na película o que teme ver, o que non quere ver

 

É a ollada que se constrúe n’As Bestas unha ollada prexuízosa e cousificadora, como din algunhas voces críticas? Non o sei, igual éo máis a nosa, que ve na película o que teme ver, o que non quere ver. Que vin eu? De entrada, un caso de acoso, coma moitos outros que teñen lugar na nosa contorna: sen ir máis lonxe, aquí, na periferia compostelá dende a que escribo, viviu a miña amiga A. unha experiencia dese tipo hai un par de décadas. 

Dende logo, non me sinto representada por Xan. Moito menos por Antoine. Pero si que me interpelan. Ambos os dous. Por iso “As bestas” é unha gran película. Porque nos interpela

É unha peli maniquea, de bos e malos, como apuntan outras opinións? Non o creo. A min, particularmente, Antoine resúltame bastante antipático, un ‘sobrado’, un tipo con pouca capacidade para atopar códigos de comunicación cos seus veciños. E no maxistral man a man dialéctico que ten con Xan –o clímax do filme, coido- a lóxica do francés sae derrotada ante un paisano que ten como obxectivos vitais ser taxista en Ourense e que a súa nai deixe de fozar no esterco. E aí eu empatizo a tope con Xan, que queredes que vos diga, aínda que só sexa porque eu, viguesa, coñezo xente así: taxistas ourensáns que mudaron o sacho polas almorrás. De aí vén a familia de taxistas de confianza aos que recorro en Vigo, cando preciso. Dese combate argumental, Xan sae claramente vitorioso, pero seica ninguén o quere recoñecer. E logo non seremos nós os que non queremos ver a derrota do francés ecocool ante un argumentario que podería ser o de un de tantos votantes do PP?

E o filme fálanos tamén de algo que aínda non vin amentar: como nos relacionamos coas persoas discapacitadas. Aí tamén preferimos mirar para outro lado e eludir a reflexión de como e por que Lorenzo chega a facer o que fai. Preferimos non ter que responder á pregunta de ata onde chegaría eu para protexer un irmán discapacitado. Eu si me fago esa pregunta, porque o teño. O que non teño son respostas.

Un momento da filmación de 'As bestas' ©

Remato xa, convidándovos a facervos outra pregunta: se vistes “The banshees of Inisherin”, sentiriásdevos aldraxadas se fósedes irlandesas? Porque eu, que debo andar moi despistada, case nin me decatei de que a acción transcorre nunha illa da costa irlandesa.

Dende logo, non me sinto representada por Xan. Moito menos por Antoine. Pero si que me interpelan. Ambos os dous. Por iso “As bestas” é unha gran película. Porque nos interpela. E remato xa, convidándovos a facervos outra pregunta: se vistes “The banshees of Inisherin”, sentiriásdevos aldraxadas se fósedes irlandesas? Porque eu, que debo andar moi despistada, case nin me decatei de que a acción transcorre nunha illa da costa irlandesa. Para min é, unha obra sobre a asombrosa capacidade intrínseca que temos os seres humanos de expresarnos e comunicarnos por medio da violencia. E, neste sentido, resultoume unha película moitísimo máis perturbadora e desacougante ca “As bestas”. Porque é en Irlanda pero podería ser en Ons. Ou non? Pois iso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.