As ringleiras da pobreza

CC-BY-SA Praza Pública

A primeira necesidade é respirar, ben certo que sentirse digno ocupa un lugar preferente. As persoas dignas vense ás veces na obriga de pedir axuda, cando o seu esforzo non abonda para satisfacer as necesidades básicas

A primeira necesidade é respirar, ben certo que sentirse digno ocupa un lugar preferente. As persoas dignas vense ás veces na obriga de pedir axuda, cando o seu esforzo non abonda para satisfacer as necesidades básicas. Non se precisa moito, realmente; unha vivenda austera, comida, roupa … un libro da biblioteca. Este pouco non sempre está ao alcance, depende de diversas conxuncións: unha sociedade integradora; a opción persoal escollida, porque vivir de xeito alternativo é lexítimo; e os propios condicionantes, entre eles o contexto ou a natureza individual, as limitacións físicas e a diversidade mental i emocional. Desintegrarse debe ser un proceso moi duro, terrible. Verse de súpeto sen aquilo que nunca faltou, ocupar un lugar nas ringleiras da necesidade e escoitar que falan de ti como se foras un mantido; si, como se parasitaras o sistema. Un comentario que amosa a indignidade dos beizos que o pronuncian, evidenciando a ética, despreocupación ou ausencia de reflexión, dunha parte da sociedade que o permite co seu voto. A desigualdade é a esencia íntima das mal chamadas democracias, permite que a clase poderosa perpetúe o seu poder; non é tanto unha cuestión de dereitas ou esquerdas, senón certa mestura de cultura de fondo, de cualidade idiosincrática, co contexto que hoxendía nos condiciona. É dicir, os de arriba contra os de abaixo; sendo os primeiros persoas de diferentes ideoloxías e espectros, algo así como os integrados, que permiten que o sistema funcione, versus os desherdados que poden ser unha carga; unha loita polas uvas da ira. Desde o centro esquerda acougan ó IBEX con metáforas que non resoen mal entre parte dos seus; a dereita e a extrema dereita vense respectables por posicionarse fronte aos antisistema, os comunistas e outros vagos. Articular unha resposta coherente , resistente e viable, é o reto para promover unha alternativa que cambie esta dinámica desoladora. A solidariedade dos cidadáns é a única esperanza, tamén a proba da febleza do mundo en que vivimos. 

Articular unha resposta coherente , resistente e viable, é o reto para promover unha alternativa que cambie esta dinámica desoladora. A solidariedade dos cidadáns é a única esperanza¡

Finalmente, o monólogo daquela viúva en Cinco horas con Mario retrata unha realidade inda vixente, actualizada, claro; nacionalcatolicismo de marca, tatoo e smartphone. Os votos dan o poder, pero non lexitiman políticas carentes de ética e de respecto polos dereitos humanos básicos; certo é que Ayuso, alomenos, non di o contrario do que pensa, inda máis, pon as cartas enriba da mesa. Contra isto: calma, educación e humanismo. A beleza resiste ata na explosión e inzado da fealdade, mesmo na guerra, cando entre destrución, morte e desolación, un neno abre un libro e fuxe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.