As sombras das novas tecnoloxías

Vixilancia CC-BY-SA Sharpi1980

Con este pequeno texto só pretendo poñer o foco nalgúns dos maiores riscos da actual dixitalización que, polo ben das maiorías, deben evitarse o que esixiría mudalo rumbo actual, algo só posible con unha maior participación pública

Camiñamos deica unha dixitalización masiva e os países que non emprendan esta senda irán quedando atrás. Poida que moi atrás e por moito tempo. Dito o anterior compre tamén subliñar que non hai unha única senda para a dixitalización. Mais aínda que a senda actual, que nos marcan as tribos da IA (Intelixencia Artificial) quen en Occidente xiran en torno as todopoderosas GAFAM (Google, Amazon, Facebook, Apple e Microsoft) e en Oriente en base as BAT (Baidu, Alibaba e Tencent), non está pensada para beneficio das maiorías, pois dispara a desigualdade ao tempo que agocha moitas incertezas e grandes riscos polo que compre pensar en corrixila (AMY WEBB: "Los nueve gigantes")

Neste marco con este pequeno texto só pretendo poñer o foco nalgúns dos maiores riscos da actual dixitalización que, polo ben das maiorías, deben evitarse o que esixiría mudalo rumbo actual, algo só posible con unha maior participación pública.

1. As novas tecnoloxías, que alimentan o que algúns autores/as chaman "o capitalismo da vixilancia", son instrumentos de acumulación de ganancias do capital nesta fase da mundialización neoliberal. Instrumentos que teñen un sistema de funcionamento e crean un modo de acumulación que agochan enormes riscos para as persoas e para os países. Non son neutrais nin moito menos pois son unha parte relevante da actual lóxica de dominación do capitalismo mundial. Non son, por tanto, entes autónomos que apareceran e alcanzarán a súa actual dimensión independentemente das dinámicas sociais. Por caso cada vez é mais evidente que as tribos das novas tecnoloxías precisan para os seus negocios "un capitalismo sen leis -laborais, fiscais, ambientais...- nin control público", un capitalismo cuxo paradigma é a mundialización neoliberal.

2. A extensión da iA, ao través da tribo das GAFAM, está provocando en occidente grandes retrocesos en dereitos laborais que tanto esforzo custaran conseguir. Retrocesos que afectan, por caso a xornada (os traballadores están agora a disposición dos directivos, empresarios e clientes as vinte e catro horas do día), ao número de empregos (estanse suprimindo un crecente número de postos de traballo tanto no ámbito privado como público), a saúde laboral (está suficientemente comprobado que a continua exposición a aparatos informáticos que emiten ondas deteriora a saúde dos traballadores), a negociación colectiva (ao fomentar o traballo na casa restan poder negociador aos traballadores) e aos salarios (co traballo a domicilio os empregados asumen parte dos custes salariais fixos e variables) (GRUPO MARCUSE: "La libertad en coma")

Guerra cognitiva Dominio Público

3. Retrocesos que atinxen tanto os dereitos e liberdades fundamentais como a propia intimidade -a invasión informática é a turrada mais recente e mais profunda contra a intimidade dos individuos e as familias: os cidadáns dos pobos de España pasamos de media 167 días ao fronte dunha pantalla, os/as nenos/as de entre 12 e 17 anos pasan mais horas en internet que no colexio-. 

Hoxe en día e por distintos medios -chip electrónico, pegada dactilar, identificación electrónica, teléfono móbil, dispositivo GPS, altofalante intelixente, televisión e vídeo conectados, cámara de seguridade, pulseira de actividade, monitor inalámbrico,…- imos deixando, dende que nos levantamos deica nos deitamos, pegadas informáticas de todas as nosas actividades cotiáns: os lugares que visitamos, as persoas coas que falamos, o que compramos e comemos, o transporte que utilizamos, as nosas citas médicas, os viaxes que facemos, onde traballamos ou si estamos desempregados, as nosas contas bancarias, as caras dos/as nosos/as familiares e amigos/as, quen é a nosa parella, os nosos gustos sexuais…. Pegadas que se almacenan en "nubes" cuxo control e xestión se están deixando, tanto por parte dos axentes privados como públicos, en mans duns xigantes internacionais (GAFAM, BAT) que adquiren así un enorme poder que, de ningures, está ao servizo de ben común. Poder que, por caso, utilizan para parasitar as relacións humanas e introducir nelas escalas de valores que de ningures son as nosas senón que son os seus valores, as súas ideas a súa visión do mundo como tribo (GAMAFIA). Valores que, por caso, non priorizan o ríspeto a privacidade dos seus clientes, a igualdade de xénero e de raza, a liberdade de opinión.... As GAFAM son basicamente unhas compañías que están orientadas ao lucro, cotizan en bolsa e deben dar resultados en Wall Street. As BAT débense ao goberno chino que é quen decide que é o mellor para o seu pobo. (CATHY O´NEIL: "Armas de destrucción matemática")

4. Sinalaba antes que estas novas tecnoloxías no eran neutras. Probas e evidencias desa non neutralidade témolas, por caso, tanto no xeito en que son implantadas canto na súa resistencia a calquera tipo de control público ou cidadán. As tribos da IA (GAFAM) aínda que fan bandeira de liberdade política -"o mundo dixital non está suxeito as leis terreais (...) é o espazo sen goberno mais grande do mundo". E. Schmidt e J. Cohen fundadores do GOOGLE- tamén a fan de actuar libres da lei -"a regulación é sempre unha forza negativa que impide a innovación e o progreso (....) a alta tecnoloxía funciona a tripla de rápido que as empresas normais. As Administracións Públicas funcionan a tripla de lento que as empresas normais. Así que o noso ritmo e nove veces maior que o do Estado (....) por iso o que nos interesa é asegurarnos de que os Gobernos non estorban nin ralentizan as cousas" E.S e J.C-. Velaí que, utilizando estes argumentos, que son un paradigma neoliberal, as tribos da IA exerzan enormes presións políticas para que os gobernos non limiten nin circunscriban as súas actividades. 

"E importante que entendamos que os capitalistas da vixilancia se senten impelidos a buscar a alegalidade pola lóxica mesma da súa propia creación. Google e Facebook exercen vigorosas presións políticas para anular as proteccións á privacidade en liña, limitar as regulacións, debilitar ou bloquear toda lexislación que potencie a privacidade e frustre calquera intento de circunscrición das súas prácticas, por que tales leis supoñen ameazas existenciais ao fluxo libre, sen fricción, do excedente conductual (.....) a canteira extractiva debe estar desprotexida e dispoñible a custo cero para que esa lóxica de acumulación funcione" (SHOSHANA ZUBOFF: "La era del capitalismo de vigilancia").

5. Evidentemente que esa oposición ao control público por parte das tribos da IA tamén se estende as súas obrigas fiscais polo que son expertas en elisión fiscal. Asi as GAFAM teñen adoptado maioritariamente o sistema de o café dobre irlandés e o sándwich holandés que lles permite, mediante a creación do sociedades filiais en Irlanda e Holanda, aproveitarse da baixa presión fiscal nestes dous países utilizando ademais como intermediarias a sociedades off-chore establecidas en paraísos fiscais tipo Illas Bermudas (EVA TUSONI: "El sistema fiscal aplicado a las GAFAM"). Esto supón que si a maioría destas grandes sociedades teñen, por caso, o domicilio central en California (Estados Unidos) a pesar diso tributan noutros estados con moita menor presión fiscal.

6. O enorme auxe que na última década teñen acadado as novas tecnoloxías xustifican o tremendo poderío económico, por caso, das GAFAM (Google, Amazon, Facebook, Apple e Microsoft) cuxo tamaño conxunto en Bolsa superou no ano 2021 os 10,4 billóns de euros. Velaí que sexan consideradas as estrelas da bolsa, quen lles permite estar obtendo uns beneficios anuais superiores ao 20% e uns rendementos en bolsa que chegaron a superar o 30%. Un poderío que, a pesar diso, entraña notables riscos dada a crecente presenza dos fondos de inversión de carácter especulativo que inflan as cotizacións orixinando novas burbullas que de explotar causarían no sistema económico mundial un impacto aínda superior ao que provocou a picada da burbulla punto.com a principios do anos 2000. Algo que dados os desplumes do índice NASDAQ -quen mellor recolle a evolución das GAFAM- non resulta tan descabellado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.