As touradas desde a trincheira constitucional

Lamentábel, aínda que previsíbel, a decisión do Tribunal Constitucional anulando a decisión do Parlamento catalán sobre a prohibición das touradas. Si, certo, todos sabemos o papel que a cultura xoga na interpretación xurídica, sabemos que non existe neutralidade no dereito senón que este é resultado da ideoloxía dominante e da súa visión cultural en particular. Porén, ás veces, cansa que nolo pasen permanentemente por diante para demostrar quen exerce de soberano. Non me sorprende o fastío do pobo catalán que ve como, día a día, estanse a frustrar as súas lexítimas arelas para construír un futuro.

España pretende a uniformidade, non entende os feitos diferencias, non acepta a diversidade, pretende ser unha nación destruíndo outras. Na práctica non se pode defender máis identidade que a española. As demáis identidades son, para o españolismo, molestas, tribais, étnicas ou perturbadoras. Para impór a homoxeneización sempre se botou man da lexislación. E se para isto hai que obrigar a ter un espectáculo salvaxe e cruel, pois se obriga. A falla de respecto co carácter plurinacional fai parte irremediábel do nacionalismo español. España cansa!

Nesta sentenza o Tribunal Constitucional non corrixe a vulneración de dereitos fundamentais ou de liberdades públicas, tarefa que debería ser prioritaria; está a decidir sobre un modelo cultural; está a difundir unha particular idea do que se debe considerar ben cultural merecedor dunha protección excepcional. Argumentar que un espectáculo destas características, tan controvertido e cuestionado, debe ser competencia exclusiva do Estado é facer malabarismos xurídicos. Hai que chegar a forzar de tal xeito a interpretación para incardinar este suposto no artigo 149º da Constitución que o esforzo só se comprende desde unha óptica política de disciplinamento de Catalunya.

O artigo 149º constitúe a favor do Estado unha morea de competencias exclusivas que deixan pouco marxe ás Comunidades Autónomas para desenvolver políticas de seu. Moitas destas competencias están redactadas con ambigüidades ou xeralizacións o que provoca que sempre sexa doado inclinar a balanza, no caso de conflito, a prol daquel. A toma de partido pola competencia estatal  foi unha constante que vai restrinxindo as posibilidades dunha lectura ampla e xenerosa das competencias autonómicas. A cercenación do Estatut de Catalunya amosou xa con contundencia até que límites estreitos se estaba disposto a consentir un recoñecemento diferente ao español.

Redactados constitucionais como cando se di que corresponden en exclusiva ao Estado as “Bases e coordenación da planificación económica” serven para impedir unha política de iniciativas e decisións que as Comunidades Autónomas tentan desenvolver para diversas realizacións coas que procuran progresar no seu autogoberno. Ou o de que o servizo da cultura é unha atribución esencial estatal acaba definindo un monopolio, de facto, para someter as expresións e manifestacións culturais diversas que colisionen coa identidade hexemónica española. Pois ben, e malia todo, resulta moi difícil entender xuridicamente que as touradas se entendan tan amparadas como para anular a decisión do parlamento catalán. O Tribunal tivo que lles conceder unha relevancia de tal magnitude económica, cultural, ou social para chegar a tal conclusión que non é doado de xustificar, e, aínda así, só se pode encaixar tal interpretación a duras marteladas. Estamos a ver, desde hai tempo, que todo é posíbel nos recortes competenciais autonómicos. Máis que recentralización isto semella unha reconquista de atribucións.

Os poderes do Estado optaron por aplicar, sen agachadas, un fundamentalismo constitucional cego á pluralidade nacional e que acaba sendo, na súa aplicación, un xeito de imperialismo constitucional ao servizo da tiranía das maiorías. Cómo non vai caír no descrédito un Tribunal Constitucional que se erixe en salvagarda do esencialismo identitario español! Que grande distancia coa elegancia e a sutileza dunha Corte Suprema canadense. Considerar as touradas unha actividade valiosa e merecedora de ser protexida en forma de dereitos, de tal xeito que se impón a obriga de as celebrar independentemente da decisión dun parlamento representativo acabará elevando a tal categoría a todas as manifestacións culturais españolas que se teña a ben ensalzar. Dar valor constitucional a expectativas tan pouco valiosas ou tan escasamente xustificadas, para así poder asimilar culturalmente a outras colectividades nacionais acaba sendo unha defensa de situacións privilexiadas que resultan insoportabeis e irracionais xurídica e politicamente. As touradas acaban, deste xeito, merecendo máis protección que a lingua, a cultura ou as mostras de identidade colectiva das nacións do Estado que, sen embargo, vemos como se están a limitar a decote. Quen aínda considere que a hixiene democrática deste Estado non pasa por romper coa dominación sobre as comunidades nacionais debería reformular a súa concepción de democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.