Bipolar ou caleidoscópico?: A Asemblea do BNG contada aos nenos

Empezarei dicindo que teño a impresión de que nisto, como en tantas outras cousas, a diferencia entre o contado e a realidade é, por dicilo con mesura, considerábel. Máis aínda, teño a impresión de que case nada é o que aparenta. Nin as diferencias son as que parecen ser ou se escenifican nin as afinidades son as que se representan ou proclaman. É certo que calquera relato, para que funcione e levante pasións ten que ser simple, aparentemente moi claro, con brancos e negros, con bós que son sempre bós e malos que sempre son malos. Pero resulta que visto con certo desapaixoamento, nin iso é asi, nin as posicións de cada quen son prístinas, nin seguen trazos lineais ao longo do tempo senón máis ben bastante sinuosos e cheos de reviravoltas. Nin uns acertaron sempre e os outros se equivocaron sempre –e viceversa- senón que, aínda que hoxe non o pareza, todos os grupos hoxe en disputa partillaron decisións, representación institucional, candidaturas electorais con resultados intercambiabeis, etc de xeito que se fai por veces forzado –certo que nuns máis que noutros- desentenderse á hora de partillar tamén as consecuencias e os resultados, cos seus éxitos –transversais- e os seus fracasos –tamén transversais-. Xa se sabe que é humano, demasiado humano, asinar os éxitos e abxurar dos fracasos.

Pero o certo é que as consecuencias dalgunhas decisións tardan un tempo en manifestarse e iso pode facer que aparezan como responsabeis os que lles toca colleitalas, foran ou non os causantes, ao tempo que os que por acaso xa non están ao frente poden reclamarse exentos de toda culpa. En idéntico sentido, non por recoñecer a touro pasado as consecuencias nefastas queda un libre de responsabilidade de ter participado na toma de decisións que conduciron aos fracasos, a menos que medie un claro exercicio de autocrítica.

De igual xeito, algo de relativismo compre poñer nos factores que tecen a conformación de cada polo. As afinidades tampouco son permanentes, nin tan siquera moi estábeis e duradeiras. Hai, como lle gusta dicir aos estrategas, unha xeometría variábel que muda no tempo –as veces en moi pouco tempo- con grande flexibilidade, o que fai pensar que se trata máis de movimentos tácticos que cuestións de principios. Os movementos de Máis Galiza desde unha alianza con APU, impoñendo a exclusión de EI, na anterior asemblea até a alianza in extremis con eles de cara a esta última é tan só un clamoroso botón de mostra. Máis aínda, que eses movementos de marcos poidan facerse sen grande dramatismo existencial revela en si mesmo que as extremas non teñen grandes gábias separadoras. E isto é, xustamente, para min, a primeira constatación e a máis crucial para entender o BNG e a súa asemblea: máis que un substrato bipolar o que hai é unha estrutural fractal, caleidoscópica, de beiras moi difusas.

Hai que recoñecer que as distancias e as diferencias son grandes ou pequenas segundo se miren co microscopio ou desde un pequeno outeiro. Mirados con detalle e detenimento cada ser humano somos unha realidade singular e irreductíbel, diferente a calquera outro. Nese sentido quédase curta aquela consigna dos troskistas cando dician que “dous son partido e tres organización”. Ben mirado habería que ir máis alá e, na mellor tradición xudea, recoñer que cada un de nós somos un partido e para iso nen sempre coherente e cohesionado e, desde logo, non eternamente inmutábel. Como din os xudeos de si mesmos, onde hai dous xudeos hai dúas opinións e que dúbida cabe que nós somos fillos da tradición e cultura individualizadora/socializadora xudeo-cristiana.

Polo tanto, o que mantén unido a un determindado colectivo humano é a fortaleza dalgún obxectivo común compartido. Canto máis ampla e variada sexa a lista dos obxectivos maiores serán os motivos de discrepancia. Claro está que a loita política hoxe, nunha sociedade complexa como a nosa, non pode estar definida e guiada por un único obxectivo, poñamos por caso a soberanía do país, por iso os factores de diferenciación e confronto son múltiples. O importante nesa tesitura é saber se hai un obxectivo suficientemente poderoso, por exemplo o citado, cuxa posición central e hierárquica é claramente compartida, de xeito que poida actuar de cemento suficientemente forte como para evitar a disgregación. Tamén é certo que a súa capacidade unificadora non pode ser infinita, remata no momento en que a súa forza centrípeta deixa de ser quen de contrarrestar as forzas centrífugas das demais diferencias. Canto máis alargadas e profundas se vaian facendo esas outras diferencias máis difícil será manter unida esa multitude. Por esa razón resulta pouco verosímil na nosa sociedade actual a convivencia nunha mesma organización de persoas con ideoloxías claramente de esquerdas e persoas con ideoloxías claramente de dereitas. Por iso, no BNG, por moito que algúns o desexaran e o formularan publicamente como desideratum, nunca houbo ese tipo de perfil.

Efectivamente, algúns dirixentes con escasa formación política e no climax do pensamento único neoliberal da década pasada chegaron a ser cegados polo espellismo desa ilusión. E é certo tamén que ese delirio tivo consecuencias na percepción do BNG por parte dun segmento da súa base social e electoral, desafección que aínda perdura. Agora ben, ese espellismo desaparece coa crise do neoliberalismo en 2008 –de feito Quintana despregaría na campaña de 2009 un discurso contra o neoliberalismo e o capitalismo de casino, que resultaba pouco críbel despois do discurso anterior. A partir de 2009 a dirección do BNG desfai calquera equívoco posíbel nesa materia: somos nacionalistas  e de esquerdas, sen ambigüidades nin falsos acenos. Certo que unha parte da nomenclatura institucional aupada nese período non abandoou totalmente aquela ensoñación e, mesmo situados persoalmente na esquerda, viven aínda coa ilusión do miragreiro que sería se a auga e o aceite puideran realmente misturar.

Feita esa contextualización, paso a facer a miña radiografía do BNG e da  súa XIII asemblea que tanta tinta leva gastado xa na imprensa e na internet.

Podes ler o resto do artigo no blog de Xavier Vence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.