Cada día vexo máis humanos estúpidos con teléfonos máis intelixentes

Cada día vexo máis humanos estúpidos con teléfonos máis intelixentes. Isto non é unha novidade para moita xente que o leva afirmando dende que podemos aloumiñar as nosas pantallas do móbil. Estamos conectados 24 horas ao día, durante 7 días á semana, os 365 días do ano (a non ser que caia en bisesto) sexa a través dun móbil, unha tableta ou unha computadora. Isto é bo ou é malo? Depende. De momento non podemos saber se isto prexudica ou beneficia as persoas até que pase un tempo e poidamos ver os efectos reais na sociedade. Hai que ter en conta un factor ben importante e é que a maioría das persoas que usan trebellos electrónicos non son nativos dixitais.

Nicholas Carr alértanos de que tal vez estamos privando aos nosos cerebros da súa funcionalidade que é a almacenaxe de información e dámoslle esa privilexiada función aos nosos trastes á batería

A chegada da Era da información mudou por completo a nosa forma de aprender e comprender o mundo que nos rodea. Nun só clic podemos acceder a calquera tipo de coñecemento sexa na biblioteca alexandrina do século XXI como pode ser a Wikipedia ou falar de primeira man cunha persoa que está no epicentro dun conflito. O que non me queda moi claro é se de verdade estamos a adquirir coñecementos ou a perder os que xa sabemos.

En The Shallows: What the Internet Is Doing to Our Brains (Superficiais: que está facendo Internet coas nosas mentes) de Nicholas Carr alértanos de que tal vez estamos privando aos nosos cerebros da súa funcionalidade que é a almacenaxe de información e dámoslle esa privilexiada función aos nosos trastes á batería. Expón un exemplo bastante esclarecedor: “Cando un obreiro que se dedica a cavar gabias cambia o seu pico por unha escavadora, os músculos do seu brazo debilítanse, por máis que el multiplique a súa eficacia. Un intercambio moi similar a este podería estar acontecendo cando automatizamos o traballo da mente”. Cada vez buscamos máis información de nada e sabemos menos de todo.

Non temos un horario fixo para traballar e estamos dispoñíbeis todas as horas do día para calquera imprevisto que xurda

Ao mellor estoume enganando ao pensar que a meirande parte das persoas con smartphone están unicamente á procura de máis coñecementos que adquirir, ao mellor as persoas están conectadas para interactuar entre elas. A función vital que nos define como seres vivos e non como virus pode ser a causa pola que estamos pendentes sempre de levar o móbil no peto do pantalón.

O trunfo dos teléfonos intelixentes ben da man das redes sociais que nos permiten estar conectados día e noite con outras persoas sexa a través de redes máis persoais como Facebook e Twitter, nas que somos espectadores como Youtube, para buscar o amor da nosa vida como Tínder ou nas que as nosas actitudes e experiencias son incríbeis como Linkedin. Temos o móbil enriba porque non nos podemos perder nada e tampouco podemos castigar ao resto da humanidade sen saber que facemos a cada minuto. Somos animais tremendamente sociais.

O mal uso destes trebellos está a provocar insomnio, problemas oculares, de atención nos máis cativos, acoso na rede e tendencia cara unha sociedade máis individualizada

Esta hipersocialización e conexión a rede está a mudar moitas das nosas costumes e formas de relacionarnos. Non temos un horario fixo para traballar e estamos dispoñíbeis todas as horas do día para calquera imprevisto que xurda como contestar un chío á medianoite (inclúome neste grupo). Está case normalizado ter o móbil ao carón do café cando ficas con alguén, tampouco é estraño contestar un correo electrónico “importante” nun xantar ou ter mellor trato cun descoñecido no Twitter que co veciño do lado. Parece que as máquinas non dependen de nós senón que é ao contrario. A igual que as aves migramos de router en router alimentando aos nosos trebellos móbiles das saudábeis ondas wifi.

Mudar os nosos hábitos a tempo pode mellorar a nosa saúde e relacións persoais con tan só unha pouca forza de vontade como deixar o móbil ben gardado en certas ocasións ou medir o tempo que pasamos enchufados

Podo parecer bastante duro con este tema e a xente pode quedar estrañada sabendo que dende o meu móbil administro a redor de corenta millóns de contas de Twitter, un cuarto de páxinas de Facebook e así outro tanto en diferentes redes sociais, mais as miñas críticas non son cara a tecnoloxía senón cara as persoas que fan un mal uso dela. Ninguén nos ensinou a facer un uso razoábel delas e aí é onde quero facer fincapé para que as xeracións que nos preceden non cometan os mesmos erros. Non hai que condenar estas novas plataformas senón que hai que aprender a convivir con elas como o que son, ferramentas. Podemos ver que o mal uso destes trebellos está a provocar insomnio, problemas oculares, de atención nos máis cativos, acoso na rede e tendencia cara unha sociedade máis individualizada. A nosa cabeza precisa concentrarse á hora de realizar unha tarefa e non pode estar facendo mil cousas a vez como contestar ao whatsapp, comprobar os rechouchíos feitos, pasar horas e horas no Candy Crush ou ver os gústame en Instagram, e todo isto mentres estudamos, traballamos ou estamos con alguén.

Na escola as aulas de TIC non poden estar feitas para que os cativos fuchiquen nas computadoras, debe ser unha materia máis para a súa mellor aprendizaxe e para que fagan un bo uso da tecnoloxía

Como dicía, a Era da información abre as portas do coñecemento infinito mais sempre e cando se faga un uso responsábel das ferramentas que o fan posíbel. Mudar os nosos hábitos a tempo pode mellorar a nosa saúde e relacións persoais con tan só unha pouca forza de vontade como deixar o móbil ben gardado en certas ocasións ou medir o tempo que pasamos enchufados. Recalco unha idea que para min é fundamental que está en educar correctamente as crianzas no uso desta temática. Na escola as aulas de TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación) non poden estar feitas para que os cativos fuchiquen nas computadoras e aprendan a escribir en Word e pintar co Paint, debe ser unha materia máis para a súa mellor aprendizaxe e para que fagan un bo uso da tecnoloxía. Aínda que nos pareza moi atractiva a idea de iniciar aos máis pequechos na tecnoloxía con apps para o seu divertimento, o meu consello é que fomenten a súa imaxinación facendo que se espalle creando mundos imaxinarios na vida real e non se estanquen en aplicacións onde está todo predeseñado.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.