Casas sen xente. Exemplos europeos para a vivenda baleira

Na pasada década construíronse en España máis de catro millóns e medio de vivendas, pero vendéronse menos de tres. Os tres millóns e medio de vivendas que están hoxe baleiras constitúen case a sexta parte dun parque inmobiliario sobredimensionado e desequilibrado que toca -na estatística- a unha vivenda por cada dous habitantes, pero que só conta cun 10% de vivendas de aluguer e cun 0,5% de unidades de protección oficial nese mesmo réxime, ambas as dúas porcentaxes escandalosamente inferiores á media europea.

A produción inmobiliaria española é unha obscena celebración do dereito á propiedade privada e ao enriquecemento persoal

A produción inmobiliaria española é unha obscena celebración do dereito á propiedade privada e ao enriquecemento persoal. Unha festa patrocinada pola promoción gubernamental da depredación do territorio, do pelotazo e do endebedamento de todo aquel que puxese un pé nunha sucursal bancaria. A vivenda, na España real, non foi nunca un dereito; naqueles alegres anos da burbulla, a dirixencia política, económica e mediática alimentou esa construción mental franquista que é a aspiración xeral á vivenda en propiedade e promoveu o sector inmobiliario como elemento de especulación e reserva de valor. Agora, de resaca, pásanos a factura da festa mentres a banca nos bota das casas e retén millóns de vivendas baleiras a prezos ficticios.

Non pretende ser esta unha análise profunda sobre a realidade da vivenda baleira, pero se botamos unha ollada rápida aos países do noso entorno podemos coñecer distintas abordaxes interesantes a esta problemática. Alén de múltiples medidas máis conservadoras baseadas no incentivo e o subsidio ao aluguer, na maioría dos países europeos existen políticas valentes construídas sobre a base de estudos minuciosos e periódicos das súas bolsas de vivenda deshabitada. Pero España carece, xa para comezar, de datos precisos neste eido.

Nas cidades con máis dun 10% de vivendas baleiras, o goberno alemán procede á demolición de aquelas que non se poden alugar, estratexia que tamén aplica Suecia

Alemaña obriga os propietarios a rehabilitaren e alugaren certas vivendas baixo pena de multa, apropiación temporal ou expropiación definitiva. Nas cidades con máis dun 10% de vivendas baleiras, o goberno alemán procede á demolición de aquelas que non se poden alugar, estratexia que tamén aplica Suecia. O país escandinavo, que leva demolidos milleiros de inmobles nas últimas décadas, contempla tamén a aplicación de descontos no aluguer para atraer novos habitantes e a reutilización de vivendas para novos usos. Dinamarca multa aos propietarios que manteñen deshabitadas as súas casas durante máis de seis semanas. Holanda permite a ocupación das vivendas que levan máis dun ano baleiras, e os propietarios deben garantir que non voltarán deixalas en desuso para as recuperaren. O Reino Unido conta cunha axencia de mediación entre as partes implicadas nesta problemática, adquire casas desocupadas para as destinar a aluguer social, penaliza aos propietarios que manteñen inmobles baleiros a vontade e obriga -cun bo feixe de excepcións- a alugar ou vender as vivendas que levan máis de seis meses baleiras.

En Francia, os inmobles que levan desocupados máis de dous meses son taxados cun imposto que vai aumentando co tempo e que se destina á rehabilitación pública de vivenda

Especialmente elaborado é o regulamento francés. Ademais da concesión de axudas e vantaxes fiscais para a rehabilitación de vivendas en aluguer, nas grandes cidades galas con forte presión demográfica, elevado número de vivendas baleiras e maior demanda de aloxamento, os inmobles que levan desocupados máis de dous meses son taxados cun imposto que vai aumentando co tempo e que se destina á rehabilitación pública de vivenda. Esta taxa non afecta ás vivendas que están habitadas polo menos trinta días consecutivos ao ano, ás que están á venda ou aluguer a prezo de mercado e non atopan comprador ou inquilino, ou ás que requiren reformas moi custosas. A lexislación francesa contempla tamén a apropiación por períodos de entre un mes e doce anos das vivendas propiedade de persoas xurídicas que levan máis de dezaoito meses baleiras.

As experiencias europeas amosan que non deberíamos desbotar entón instrumentos activos como a expropiación

A banca española faría ben en liberar a bolsa de vivenda que mantén desocupada á espera dunha hipotética recuperación do mercado mentres bota persoas á rúa e lle limpamos entre todos as súas porcalladas. Isto é ciencia ficción na actual correlación de forzas e co poder financeiro manexando á súa vontade a ministros, conselleiros e medios de comunicación, pero, de lles disputarmos a hexemonía e conseguirmos dar o golpe de timón, teremos que implementar medidas para lle darmos finalmente á vivenda a función social que merece, poñendo ese inmenso stock de vivenda baleira ao servizo da cidadanía onde sexa precisa a provisión de primeira vivenda, e demoléndoa onde non exista tal necesidade. As experiencias europeas amosan que non deberíamos desbotar entón instrumentos activos como a expropiación. Poderíamos facelo incluso seguindo as súas regras: a prezo de mercado; cal é este valor para un ben que non ten compradores?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.