Celadores, satélites e libros raros

O ano do tigre © Rodolfo e Priscila

Souben de Jesús Méndez Senande por un artigo de José De Cora que non podo datar e que me facilitou o meu entrañable compañeiro Víctor José Méndez, celador do Hula e neto deste radioafeccionado; que se comunicaba dende o seu coche moito antes da chegada dos móbiles. Facíao grazas ao repetidor de O Páramo, de feito xa tiña licenza en 1968, ano no que nacín e coñecín o mundo dentro e fóra dunha casa de labregos nunha aldea illada de Pol. De nacer en Kentucky ou Texas a súa historia sería levada ao cinema e un actor como Tom Hanks interpretaría o seu papel. Naceu en Castro de Rei en 1941, ós 14 anos quedou cativado por este xeito de comunicarse e chegou a contactar con máis de 300 países. Xuntou na súa colección privada aparatos moi interesantes, algúns deles mercados nunha feira en Alemaña; e manifestou intención de doala se constrúen un museo da radio na zona. 

Máis adiante, desilusionado polo abandono das antenas afirmou que hai que diferenciar tecnoloxía de política; en clara referencia ó acordo de colaboración entre Franco e Hitler, que permitiu ao almirante Dönitz establecer na provincia de Lugo unha rede de captación de mensaxes, coa colaboración da empresa Telefunken, e así descodificar comunicacións de radio. Ás xigantescas e máis coñecidas antenas de Cospeito e Abadín, hai que sumar as de Pedrafita e Outeiro de Rei, que permanecían misteriosamente esquecidas, tal como comenta Javier Rivera nun artigo de Elprogreso do 8 de febreiro de 2021. 

Antena instalada polos nazis en Cospeito © https://www.lasegundaguerra.com

Para Víctor, seu avó Suso é un pozo de sabedoría, alguén a quen quere e admira; para min, un referente, unha inspiración, no seu afán por ir o máis lonxe posible e ver o que pasa ó chegar alí, parafraseando a Paul Auster. 

Teño nas mans un libro que garda tamén relación co Hula, porque unha das autoras, Xiana Arias, é filla doutra compañeira, Rosa Rego. O primeiro que destaca é o deseño da tapa, contratapa e das lapelas, que en conxunto e despregadas debuxan un mosaico de liñas e letras grandes que conforman a última palabra do título, O ano do tigre, sobre fondo amarelo; nunha demostración de respecto e sensibilidade pola arte, nun vezo para abrir e ler. Os outros autores son Lucía Aldao, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos. A editora, Berta Dávila, defíneo como un libro breve e raro; algo que eu xa celebro, canso de tanta estandarización e reducionismo temático e formal. Un texto que, prosegue, acabou sendo un lugar atemporal que recolle diferentes maneiras de imaxinar o mundo posible a través da literatura. Neste punto, xa rendido, ábroo, paso tres páxinas de fondo negro e entrégome a ler; para proxectar o que imaxino posible, guiado polas autoras e disposto a enfrontarme ó tigre, ó futuro. 

Sen dúbida estes relatos curtos foron escritos para Jesús Méndez Senande, que imaxinou que era posible comunicarse co mundo no ano do tigre de 1962, e xa antes, desde un lugar do planeta afogado pola ditadura e as necesidades. Namentres o xeito de traballar no rural era case medieval, el pensaba nos satélites e calculaba a órbita para poder conectarse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.