Ciao arquitecto. Adeus, Luisiño!

Luis Suárez xogando co Inter de Milán © Inter

Se non sapete cosa fare date palla a Suarez” Helenio Herrera.


O meu amigo Rubén García-Loureda ven de me contar que morreu o noso Luisiño Suárez e que o FC Internazionale Milano (a súa Casa, como o Dépor era a Casa de Arsenio Iglesias) puxo no seu twitter de relembranza as acaídas verbas de Helenio Herrera, o mister co que Luisiño foi o único galego Balón de Ouro e mellor futbolista europeo: “Se non sabes que facer dálle o balón a Suárez”.

Claro é que o Rubén e máis eu falamos de ouvidas. Das que sentimos contar a carón nosa polos pais, nais e achegados, na Coruña e na Galicia toda (velaí as homenaxes neste domingo do Celta e do Racing). Daquelas mozos e mozas dos anos 50 e 60, privados de súpeto do xogo do Luisiño (eles que foran antes privados de tantas cousas), que só pertenceu ao Dépor unha única tempada (1953-54) antes do traspaso do de Monte Alto ao Barça.

Un once do Deportivo con Arsenio, Pahíño ou Luís Suárez CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Velaí que me haberán permitir a lembranza dunha conversa que tiven co meu pai, Juan Antonio, a primeiros deste século “Foi moi bo para o noso Deportivo que Fran ao final quedara aqui. Na nosa época ninguén evitou que Luisiño Suárez fora para o Barça”. Sen dúbida meu paiciño falaba, con licenza do grande Chacho, de dous dos mellores xogadores galegos da historia do fútbol, Luis Suárez Miramontes e Fran González Pérez. Sexa como for, non falou de ningún terceiro naquela conversa. 

Na Europa dos 50 e 60 o coruñés serviu como xogador sete tempadas no Barça (1954-1961), nove no Inter (1961-1970 e tres na Sampdoria xenovesa (1970-1973). Co Inter (mal que nos sinta, a súa Casa) gañou dúas Copas de Europa e tres campionatos italianos.

Esa etapa na selección estatal danou inxustamente a súa imaxe e arrefriou o recoñecemento que o Dépor como clube, A Coruña como cidade e Galicia como País adebédanlle ao noso Luisiño. Velaí que sexa urxente reparar esta inxustiza co nosso único Balón de Ouro

Despois Luis Suárez foi adestrador seis meses do Dépor (1978-79) e chegou adestrar á selección estatal, primeiro sub 21 e despois a absoluta (1988-1991). Nesta andaina, como como tantos galegos e cidadáns do Estado español que non desenvolven a súa actividade ou non son visíbeis en Madrid e no palco do Bernabeu, foi inxustamente criticado pola prensa da capital do Estado, liderada na altura polo asturiano José María García.

E, ao mellor, esa etapa na selección estatal danou inxustamente a súa imaxe e arrefriou o recoñecemento que o Dépor como clube, A Coruña como cidade e Galicia como País adebédanlle ao noso Luisiño. 

Velaí que sexa urxente reparar esta inxustiza co nosso único Balón de Ouro.

 

Ciao, arquitecto. Adeus Luisiño! 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.