Cinco instantes dunha vida

“Son lo que son: simplemente unas fotos”.  Así se explicou Núñez Feijóo hai uns días cando foron publicadas unha imaxes de 1995 nas que aparece fotografiado, en diversos momentos e situacións, á beira de Marcial Dorado, famoso delincuente que agora cumpre condena por narcotráfico.
Acerta. Non son máis que fotos. Pero a fotografía, que comezou como un oficio artesanal hai máis de cento cincuenta anos, converteuse nun dos  medios principais para documentar a nosa vida colectiva a persoal. A historia de España no século XX está relatada nas imaxes captadas por Publio López Mondéjar. As fotografías de Manuel Ferrol e Virxilio Vieitez reflicten con fidelidade a historia recente de Galicia. Aí están, fixadas para sempre, as vidas dos nosos pais e os nosos avós. Non sería doado comprender o drama da emigración sen as imaxes que eles souberon capturar.

Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes: o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible

As fotos persoais teñen tamén un grande valor documental. Agora, coas cámaras dixitais e os móbiles, é moi doado deixarse retratar. Pero ata hai ben pouco a xente só  facía fotos nos momentos importantes da vida: nos bautizos, nas vodas, nas festas familiares. Había que capturar o instante e fixalo para sempre. Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes: o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible.

En política é moi importante a imaxe. Os asesores aconsellan aos líderes para que ofrezan sempre o mellor perfil. As aparicións públicas son preparadas como unha montaxe teatral. Mais, con todo, tamén se pode construír o relato dunha traxectoria pública a través das fotografías. Debuxan con bastante exactitude a forma de actuar, a maneira de entender a vida e o exercicio da política. Podemos facer un exercicio práctico con cinco fotografías de Alberto Núñez Feijóo,  actual presidente da Xunta.  

Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos

1.Interino. En 1988, tres anos despois de comezar a traballar como interino na Xunta, presentouse ás eleccións sindicais por Afica (Agrupación de funcionarios interinos e contratados administrativos). Foi delegado sindical ata o ano 1991, cando comezou a súa carreira política, apoiado por Romay Beccaría, que o nomeou secretario xeral da Consellería de Agricultura. Aquel mozo sindicalista de 27 anos (que aparece nunha foto da época con Carlos Negreira e outros compañeiros) organizou folgas e protestas para reclamar “o acceso á función pública de todos os funcionarios interinos e contratados administrativos, asegurando en todo caso a estabilidade no posto de traballo”. En resumo, como xa dixemos noutra ocasión , Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos. Agora, lonxe dos seus tempos reivindicativos, utiliza o poder como presidente da Xunta para aplicar severos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais, para reducir os salarios e precarizar as condicións de traballo dos funcionarios ao tempo que fomenta o desprestixio dos servizos públicos.

Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles

2. Viaxes e festas. En 1995, cando xa era o número dous da Consellería de Sanidade, deixouse fotografar, en amistosa compañía, a bordo do iate Oratus, propiedade de Marcial Dorado, un coñecido contrabandista que levaba un tren de vida moi por enriba das posibilidades dos seus veciños honrados. O barco foi intervido en 2009 por Aduanas, despois dunha operación por branqueo de diñeiro, e o seu propietario está no cárcere. Segundo a prensa tamén viaxaron xuntos a Cascais, a Ibiza e a un lugar onde había neve (“Creo que no fui a Andorra; creo que no, lo que sé es que había nieve, parece ser que eran los Picos de Europa”, dixo en público). Parece ser que tamén participou en festas no chalé do traficante.  Agora xa non viaxan xuntos.  Agora o presidente da Xunta vai con frecuencia  a Salvador de Bahía (Brasil) onde, segundo afirma, pensa retirarse cando se xubile. Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles.

3. Os incendios. No verán de 2006 déronse en Galicia unhas condicións extremas de calor e vento que provocaron unha tremenda onda de incendios. O conselleiro Suárez Canal, acabado de chegar ao posto, pasou moitas noites sen durmir. As brigadas traballaron incansábeis para combater o lume, que saltaba dun lugar noutro como se non fose rematar nunca. Moita xente veu chegar as lapas á beira das súas casas. Vivíronse momentos de angustia. Núñez Feijóo, que daquela estaba na oposición, fixo unha foto na que aparecía, de branco inmaculado, agarrado a unha mangueiriña, simulando atallar o lume. Durante o seu mandato a política forestal non mellorou e recibiu numerosas críticas dos traballadores, dos grupos ecoloxistas e da oposición. En 2010 houbo outra extensa onda de incendios. A Xunta optou pola ocultación de datos e só informaba dos lumes de grandes dimensións, pero non puido ocultar a morte de dous homes nun incendio en Fornelos.  Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal.  Un ano despois nada mudou:  as fragas seguen expostas ao mesmo risco de arder.  A Xunta ten, polo momento, un grande aliado: a chuvia que non cesa desde hai sete meses.  Mais cando veñan  a calor e o vento non vai chegar a nada a mangueira.

Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal

4. No Vaticano. A primeiros de 2010 Núñez Feijóo visitou ao Papa de Roma. Foi acompañado polo arcebispo de Santiago e pola súa suposta compañeira sentimental, a xornalista Carmen Chiny Gámir. O visitante deixou facer numerosas fotografías do momento. En moitas delas aparece Chiny cunha cruz sobre o peito. Na actualidade xa non hai tal relación; a parella rompeu e ela  vive en Madrid, onde exerce como xefa de prensa da secretaria de Estado de Presupostos (Marta Fernández Currás, antes Conselleira de Facenda en Galicia). Neste tempo en que resulta  tan difícil atopar traballo non deixa de sorprender que haxa persoas que o consigan con tanta facilidade.

5. Banqueiros. A mediados de 2010 Núñez Feijóo promoveu reunións e encontros cos principais dirixentes das Caixas galegas. Gayoso e Méndez, máximos dirixentes de Caixanova e Caixa Galicia durante décadas, accederon á petición do presidente da Xunta e iniciaron o proceso de fusión. Saíron nas portadas dos xornais co sorriso nos beizos. Todos sabemos o que pasou despois. Novacaixagalicia transformouse en banco, que tivo que ser rescatado con diñeiro público. Galicia quedou sen Caixas de Aforros e sen a súa obra social, os responsables do desastre deixaron os cargos con indemnización multimillonarias, e milleiros de persoas estafadas polo fraude masivo das participacións preferentes recorren Galicia e perden a paciencia reclamando xustiza. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, considera que este é o maior fraude da historia de Galicia e que a grande maioría dos afectados foron enganados polas entidades comercializadoras. Mais agora o presidente non ten tempo para recibir aos afectados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.