Comenencia nos medios sobre as cifras do paro

A raíz da publicación dos datos oficiais de paro do mes de decembro, un importante xornal galego valoraba esta semana, con titular destacado en letra grosa e maiúscula, a situación do desemprego na comunidade. Dicía textualmente: «Galicia creou 53 empregos ao día no 2015 e rematou con 23.110 parados menos». A seguir, en letra pequena, recollía que decembro danaba este dato ao subir o paro en 3650 persoas.

Unha das grandes canles de televisión estatal felicitábase, o mesmo día, polo descenso do paro no Estado o derradeiro mes do ano. Documentaba a noticia con entrevistas na rúa a tres afortunadas persoas que atoparan emprego este pasado mes, os tres de camareiros. 

Velaí os sinais inequívocos, para estes medios, de que estamos saíndo da crise a velocidade de vertixe!

Que din os datos?

Os datos oficiais do paro, porén, amosan unha realidade ben distinta. En decembro, Galicia rexistrou de novo un aumento do paro; é máis, a nosa comunidade encabeza a suba no conxunto do Estado. Segundo os datos publicados ese mesmo día, no mes de decembro había 228.808 persoas desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego (106.824 homes e 121.984 mulleres). Dese total, 11.360 son menores de 25 anos (o 5 % das persoas desempregadas).

O paro rexistrado incrementouse por cuarto mes consecutivo en Galicia: había 3.650 persoas máis en paro ca no mes de novembro, o que equivale a unha suba do 1,62 %. Pola contra, na media estatal baixou un 1,34 % (en cifras absolutas, son 55.790 persoas paradas menos). A suba céntrase nos homes (4.115 máis fronte a 465 paradas menos) e nas persoas de 25 ou máis anos (3.918 máis fronte a 268 menos menores de 25 anos).
O paro rexistrado sobe en todos os sectores de actividade agás no colectivo sen emprego anterior (336 persoas paradas menos). Hai 2.095 persoas paradas máis na construción, 1.318 na industria, 459 no sector primario e 114 nos servizos.

Por certo que a análise da contratación sobre os datos globais estatais reflicte demasiados contratos temporais: en decembro rexistráronse 64.241 nas oficinas dos servizos públicos de emprego (o 93,58 % do total) fronte a só 4.405 indefinidos (o 6,42 % do total). A contratación indefinida baixa tanto na comparación mensual (874 contratos indefinidos menos fronte a 1.450 contratos temporais máis) coma na anual (39 indefinidos menos fronte a 9.591 temporais máis).

Falla de rigor

Dito isto, un só pode preguntarse a que se debe esa falla de rigor. A quen pretenden agradar? A que intereses serven e que esperan conseguir con ese maniqueísmo informativo? Non se pode obviar que, só catro días antes, o Goberno da Xunta subvencionaba un feixe de medios, entre eles o xornal a que me refería máis arriba, con cantidades insultantes de cartos públicos (en total, 1.700.000 euros repartidos entre os principais medios galegos); non era a primeira vez no ano, en todo caso, si a derradeira do 2015. A ese lote de millóns, entre outras subvencións, súmanse outros 25 máis en gastos de publicidade contratada pola propia Xunta ao longo do ano.

E isto non é máis que un pequeno exemplo do que está a pasar nos medios de comunicación chamados «de masas», sexan audiovisuais ou prensa escrita, que presumen arreo de independencia para, despois, serviren día si e día tamén os intereses concretos e partidarios dos poderes que os subvencionan; esquecen o rigor da información para convertérense en transmisores da comenencia, e ao cabo —hai casos— rematan sendo mercenarios, presos da solvencia que lles outorgan as subvencións.

Por certo, non podo rematar sen lembrar o tremendamente críticos que estes mesmos medios se amosan acotío: ven o argueiro no ollo alleo e non ven no seu o fungueiro… En definitiva, fiel reflexo da realidade do noso país. Así nos vai!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.