Como artellar unha Marea Galega e non afogar no intento

Resulta difícil lembrar un suxeito político que xerase en Galicia tanta expectativa antes de existir como a marea galega da que tanto se fala ultimamente, sobre todo desde que os resultados electorais do 24 de maio desaloxasen ao Partido Popular de todas as alcaldías urbanas, agás Ourense (en minoría) e das principais vilas do país. Desde una posición favorable á constitución deste suxeito político, vou revisar algunhas das medidas que podemos tomar para que o barco non afunda antes de saír do porto, por seguir coas metáforas náuticas.

1. Hai que querer. Isto parece evidente, pero foi neste mesmo xornal onde puiden ler nunha ocasión o interesante concepto de “pactos para que si” e “pactos para que non”. É dicir, cando as organizacións políticas propoñen coalicións ou candidaturas de unidade popular, é importante que sexan ofertas feitas co obxecto de que a contraparte as tome en positivo e non para marcar posicións de cara a concorrer en solitario ou nunha coalición diferente á declarada. Por exemplo, o sucedido nas eleccións europeas coas distintas organizacións de obediencia nacional galega foi un exemplo perfecto de escenificación de “pactos para que non”. Ben, pois nesta ocasión é preciso que todos os pactos sexan para que si.

2. Hai que pór a negociar aos que queiran. Nas distintas organizacións políticas actuantes en Galicia, hai distintas correntes, sensibilidades e talantes. Se envías a negociar a persoas intransixentes que confunden o servizo á cidadanía cunha pelexa de galos e que non se fían das demais pois é posible que a cousa non funcione moi ben. A non ser que sexa un “pacto para que non”. Nese caso, ese tipo de persoas son perfectas para facer o papel de emisario.

3. A cidadanía ten que xogar un papel protagonista. Se estudamos os resultados das candidaturas chamadas “mareas” resulta especialmente destacable o sucedido na Marea Atlántica da Coruña, encabezada por un independente e na cal un grupo de “persoas sen carné” dirixiu a campaña e a estratexia, e na cal non só estaban os partidos do espazo AGE senón tamén Compromiso por Galicia, Podemos e Equo. Compárense os seus resultados cos de Vigo, onde a Marea era unha coalición de facto entre Esquerda Unida e Anova. Por non falar dos resultados obtidos en solitario por BNG, CxG, Equo, Gañemos...

Como facelo? Programas sometidos ao debate público, asembleas abertas locais e sectoriais, etc. Tamén creo que as primarias deben ser unha ferramenta a utilizar, seguramente pactando os números 1 das distintas circunscricións pero deixando aberto o resto da lista e garantindo postos ás minorías. Habería que descartar as primarias con listas en prancha: na práctica, listas pechadas nas que o gañador leva todo. Tamén debería haber urnas telemáticas e presenciais e estas poderían combinarse co pagamento dunha pequena cantidade para financiar a campaña.

4. Non se poden pór portas na Marea. Ou dito doutro xeito, ten que ser ampla e caber todo o mundo, se acaso coa excepción de persoas que defendan a necesidade de accións armadas, o cal nin sequera debería ser preciso explicitar. Sendo máis precisos, ten que entrar todo o que está entre BNG e Podemos. É dicir, ademais destes dous, terían que estar Anova, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Equo,  Ecogaleguistas, etcétera. E loxicamente as “mareas municipalistas”, os sindicatos de clase, ONGs progresistas e demais. No seu día fíxose algo parecido: chamábase Plataforma Nunca Máis.

Obviamente, non se pode caer na inxenuidade: un sector do BNG non quere ir co que eles consideran españoleiros. só así se entenden declaracións nas cales se “dá a benvida ás forzas españolas que rompan con Madrid” como o crego que absolve os pecadentos arrepentidos. O mesmo tipo de reticencias haberá en CxG (con menor intensidade, seguramente). Igualmente haberá resistencias doutro tipo no sector máis ortodoxo (PCE vello) de Esquerda Unida, que non quererá xuntarse con socialdemócratas nin con nacionalistas aos que consideran un movemento burgués. Non as haberá en Anova, pero porque xa sufriu a escisión do colectivo Cerna no seu momento. Por último, no relativo a Podemos, tampouco parece moi respectuoso defender que a Unidade Popular se faga baixo as siglas Podemos-Otra Cosa.

5. Marea Galega, polo tanto grupo parlamentar galego. Dando por boa a hipótese dunha candidatura de unidade na que participasen as devanditas forzas, as seccións galegas dos partidos estatais deben entender que ao ecosistema político propio do noso país lle corresponde un grupo parlamentar propio, sen ningunha obediencia concreta máis alá do que podería ser, por exemplo, votar a favor da investidura como presidente de Pablo Iglesias. Por outra parte, pretender que forzas coa traxectoria do BNG tragasen con ese sapo só se entendería no caso dun “pacto para que non”. Nese caso, recomendo volver ao punto 1. Porén, un grupo parlamentar galego non significa facer unha política isolacionista.

Fago miñas as reflexións de Anxo Quintana, impulsor da plataforma Somos Nós, porque creo que expresan ben a idea: “Iso non implica que a voz propia sexa unha representación illada e allea ao que sucede no Estado. Ao contrario, ten que ter vontade de chegar a acordo con outros grupos e así determinar a vontade colectiva do Estado para que esta teña en conta a Galiza e se faga de acordo cos intereses da maioría social. Estes obxectivos deberían ser suficientes para chegar a algún tipo de acordo.”

6. Sexamos optimismas e armémonos de argumentos. As forzas da razón e sobre da emoción deben estar do noso lado. Neste mesmo xornal hai bastantes artigos que van nesta liña e poden servir de complemento ao que aquí tentei expresar, como este de Marilar Aleixandre ou estoutro de Antón Baamonde. O éxito de moitas iniciativas municipalistas alternativas estivo en convencer á xente de que si se podía, comunicando en positivo e desde a alegría. Ultimamente é frecuente empregar a a saga Canción de Lume e Xeo de George RR Martin e a serie da HBO baseada nas novelas para sacar leccións políticas. Porén, para min unha das importantes non ten que ver estritamente coa política. É a que lle dá o espadachín de Braavos, Syrio Forel, a Arya Stark acerca do que debe dicirlle ao deus da morte cando vaia por ela: “hoxe non”. Digámoslles aos poderosos que hoxe non, que non nos resignamos a que este país sexa un xeriátrico inzado de eucaliptos no que a mocidade emigrou a Londres, que nunca nos tomamos en serio iso de que Galicia es una mierda, salvo en verano que puedes ir a la playa.

Remato cunha explicación persoal e un argumento potente a favor da Marea. A explicación persoal é que eu participei nunha candidatura de partido (a de Compromiso por Galicia-Santiago) e fun dos que rexeitou participar nunha candidatura de unidade na que si se integraron outras forzas e que hoxe preside a cámara municipal. Os motivos para rexeitar aquela proposta seguen sendo válidos a día de hoxe, aínda que seguramente non foi a decisión máis acertada. Pode haber quen pense que iso me quita lexitimidade para apostar por unha Marea Galega. Respecto a quen o pense pero precisamente, das experiencias pasadas se aprende.

O argumento final está, precisamente, moi relacionado cos riscos de concorrer en solitario. Un bo motivo para facer forza en común é que podemos gañar e así facer unha sociedade máis xusta e un país máis libre. Non se trata de ter un par de deputados ou deputadas en Madrid, por moi bo traballo que fagan, senón de quedar por diante do PSOE e disputarlle á dereita o liderado electoral, polo menos nas circunscricións de Pontevedra e da Coruña. Trátase de contar cun grupo parlamentar potente. Haberá Marea?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.