Compromiso local coa saúde

© Xunta

A sanidade e a saúde é, sen dúbida, unha das áreas que máis axuda a conseguir a mellorar a calidade de vida da cidadanía, pero o certo é que no ámbito local as competencias son escasas, ou iso parece atendendo ao que establece a lexislación vixente. 

Mentres que se segue incluíndo como competencia propia dos municipios a salubridade pública, a de sanidade desaparece

E o certo é que, mentres que se segue incluíndo como competencia propia dos municipios a salubridade pública, a de sanidade desaparece. Ante este escenario, que claramente encorseta e limita aos concellos, debemos expornos e repensar a prestación de actuacións no ámbito da promoción da saúde, abarcando novos espazos de actuación máis aló do sanitario e educativo, como os equipamentos deportivos e culturais, ou implicando en maior medida á administración local na recuperación das aulas dos centros educativos como lugares nos que implementar políticas de promoción da saúde, (incorporando esta ao currícolo docente mediante delegación de competencias da Comunidade Autónoma), así como os centros socioculturais dependentes do Concello ou, mediante convencios coas mutuas, os propios centros de traballo. 

Por tanto, o desenvolvemento de políticas en saúde pública promovidas desde as administracións e, de forma específica, desde os concellos, non é cuestión menor. De feito, o desenvolvemento de programas preventivos ou de implantación de medidas de vida sa e saudable tiveron efectos constatables a través de diferentes experiencias pertinentemente documentadas, como en Carelia do Norte (Finlandia), onde a mortalidade cardiovascular ten experimentado un descenso do 73% desde 1972, de cancro de pulmón dun 71% e da mortalidade por cancro por outras causas rexistrou unha baixada do 44%. 

A partir de aí, e coas evidencias científicas na man, ábrese un escenario onde poder poñer en marcha unha serie de programas educativos, formativos e preventivos encamiñados a que cada sector da sociedade, en función do risco estimado, poida articular medidas encamiñadas a mellorar a súa calidade de vida. Así, actuar en espazos públicos para evitar as caídas en poboación maior –polo menos un 30% das persoas maiores de 65 anos e un 50% das maiores de 80 caen polo menos unha vez ao ano-, ou impulsar medidas para mellorar as condicións da vivenda –a situación da vivenda pode provocar problemas de aillamento, de humidades e pobreza enerxética que, á súa vez, dan lugar a problemas de saúde do sistema circulatorio, respiratorio, dixestivo, osteoarticular e dermatolóxico-, deben ser prioridades nesta área. 

Actuar en espazos públicos para evitar as caídas en poboación maior ou impulsar medidas para mellorar as condicións da vivenda deben ser prioridades nesta área

O mesmo acontece cos accidentes no fogar, con 1.800.000 ao ano en España, dos que 400.000 se saldan con hospitalización (dos que o 36% queda con secuelas permanentes) e 16.000 mortes provocadas por ditos accidentes (4% da mortalidade total). Para reducilos ao máximo, o Concello conta con ferramentas a desenvolver, como axudas para a rehabilitación, a promoción do exercicio físico e a formación.

Outras tarefas que deben asumir a administración municipal pasan por revisar sistematicamente os programas para previr enfermidades de transmisión sexual entre adolescencia e mocidade, e os programas de promoción da saúde nas escolas para mellorar os comportamentos relacionados co abuso de substancias, condutas sexuais e nutrición, así como por apoiar intervencións escolares con actividade física para desenvolver hábitos de vida saudables ou mesmo estratexias de ordenación de usos do solo e urbanismo para promocionar a actividade física.

Unha alimentación desequilibrada e non sa e a falta de exercicio teñen incidencia na saúde, como en determinados tipos de cancro, en enfermidades cardiovasculares ou en diabate tipo 2. Para a mellora da saúde neste eido resulta necesario, pois, o cambio de dieta e a realización de exercicio físico. Así, implantar nos comedores escolares a dieta atlántica ou apostar polo comercio de proximidade poden axudar a acadar este obxectivo.

A mellora de calidade do auga e do aire, ou xestionar os accidentes de tráfico provocados no ámbito municipal son competencia local

A mellora de calidade do auga e do aire, ou xestionar os accidentes de tráfico provocados no ámbito municipal son competencia local, polo que a institución municipal pode, e debe, velar por acadar dita mellora e polo calmado do tráfico a través da implantación de diferentes medidas (peonalización, limitación de velocidade, implementación de sinais adaptadas…).

Asumamos, pois, as competencias que nos outorgan para, dende as administracións máis próximas á cidadanía, os concellos, apostar e amosar un verdadeiro compromiso local coa saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.