Crecemento ou decrecemento?

CC-BY juanedc

Se algo se ten avanzado na loita contra o cambio climático e na cada vez más ampla aceptación de que o mercado non nos afasta da desfeita ecolóxica senón todo o contrario polo que é necesario un forte impulso público e a grande escala. Velaí, por caso, que xurdan dende diferentes ámbitos políticos (como sucede coa Unión Europea) iniciativas públicas de creación de grandes infraestruturas físicas para a produción de enerxías renovables, limpas (GREEN NEW DEAL) que permitan un crecemento verde.

 

De que tipo de crecemento estamos a falar

Nesta estratexia de entrada topamos cunha dobre contradición: crecemento e verde. Unha contradición que xurde dun interrogante: de que tipo de crecemento estamos a falar?. Do mesmo que en todas estas últimas décadas?, acaso dun crecemento capitalista?. Cabe, por caso, seguir co mesmo modelo sen frear o actual ritmo de crecemento no consumo de enerxía (1,4% de taxa media entre 2010 e 2019, 4,9% no 2021 e 2,1% no 2022) A resposta non poder ser mais que negativa por que o actual modelo apóiase nun crecente e intensivo consumo de enerxía de tal xeito que si se reduce este pararíase o crecemento económico (PIB).

Diante desta evidencia xurde outra pregunta: é posible no curto, incluso no medio prazo unha substitución do actual modelo enerxético por outro baseado nas enerxías limpas e que sexan quen non so de cubrila actual demanda senón os incrementos que virán si seguimos co actual modelo de crecemento?. As evidencias dos últimas anos dinnos que non é posible xa que a pesares dos importantes aumentos na produción e consumo de enerxías renovables estas nin sequera son quen de cubrilo incremento da demanda enerxética o que significa que os obxectivos de descarbonización da economía nin se cumpren nin se cumprirán de non cambialo rumbo.
 

Crecemento versus enerxía

Segundo cálculos propios a actual relación a nivel mundial entre o crecemento do PIB e o da demanda de enerxía é de 1 a 0,85, unha coase equivalencia. Que previsións de crecemento se están facendo?. Algunhas das previsións mais aceptadas sinalan que o PIB mundial pode chegar aos 227,9 billóns de dólares no ano 2050 o que supón, en términos nominais, un crecemento acumulado do 127,9 billóns. Tendo en conta que en 2022 chegou aos 100 billóns este crecemento supón unha porcentaxe do 127,9%: mais do dobre, Si durante este tempo a demanda de enerxía se mantivera nos parámetros actuais no ano 2050 sería un 108,8% superior a do ano 2022: duplicaríase. Neste marco a pregunta resulta obvia: sería posible, neste tempo, descarbonizar totalmente a economía mundial e cubrir a demanda enerxética so con enerxía limpas (verdes)?. Segundo o Informe 2022 do IPCC, se a demanda de enerxía mantén o ritmo actual non será posible cubrila totalmente con enerxía limpas de tal xeito que as emisións se eliminen e se reduzan a cero
 

Crecemento versus materiais

Pero, saltéonos os informes dos científicos, e aceptemos que si poderemos facelo, que conseguiremos que no ano 2050 toda a enerxía consumida proceda de fonte limpas. De seren así xurde outra pregunta: cales serán as necesidades de materiais precisos para poder dispoñer non so das infraestruturas eléctricas necesarias (paneis solares, turbinas eólicas, baterías...) senón para tamén cubrila demanda de baterías e cargadores por parte de industrias como, por caso, a dos coches eléctricos?.

No caso das infraestruturas eléctricas sabemos que para a súa construción son necesarias grandes cantidades de minerais cuxa extracción xa está xerando fortes impactos ambientais (incluso guerras) e que en moitos casos son recursos non renovables. Un solo aeroxerador para a súa construción precisa de toneladas de cobre, aluminio, terras raras, zinc, molibdeno e aceiro. Un panel solar precisa de quilos de silicio, aluminio, aceiro, cobre, plata, cinc, terras raras e cadmio. No caso dos coches eléctricos unha bateria de coche eléctrico precisa de quilos de silicio, aluminio, aceiro, cobre, cobalto, prata, cinc, e terrras raras.

Tendo en conta estas necesidades de materia o Banco Mundial calculou que para construír as infraestruturas de enerxías renovábeis que permitan reducir a cero as emisións en 2020 serían necesarias, entre outras, “34 millóns de toneladas de aceiro, 50 de cinc, 162 de aluminio, 4.800 de ferro...” (JASON HICKEL: “Menos es mas”). Tamén sería preciso incrementar de forma extraordinaria as existencias doutros materiais estratéxicos (algúns non renovables) como, por caso, o neodimio (200%), a prata (+38%), o itrio (+920%) e o litio (+2700%). Pero isto é so para a produción de enerxía eléctrica, que pasa cos coches eléctricos?, coa substitución de motores de combustión por eléctricos?. Pois que que segundo os expertos o esforzo extractivo tamén terá que seren extraordinario xa que se calcula que substituír o parque automobilístico actual esixirá fortes incrementos, por caso, no consumo de neodimio (+70%), disprosio (+70%), cobre (+200%), cobalto (+400%)....

Diante destas descomunais demandas de materiais para cubrilas necesidades tanto das fontes renovables como dos coches eléctricos cabe facerse varias preguntas tendo en conta que cada central renovable e cada coche eléctrico precisa de moitos mais minerais que, por caso, as centrais de gas e carbón e que os automobis actuais. A primeira sería si é posible acadar tal ritmo extractivo tendo en conta as experiencias que temos acumuladas de crises ecolóxicas (deforestación, destrución de ecosistemas, perdas de diversidade..), incluso de guerras (A Republica Democrática do Congo, O Sahel, Sudán,...), provocadas polas industrias extractivas?, e que pasará a partires do 2050, ou moito antes, si seguimos incrementando o uso de enerxías renovables e de coches eléctricos?.

Como alternativa hainos quen defenden a necesidade de incrementar a produción de enerxía nuclear. Pero tendo en conta as experiencias cabe preguntarse a que ritmo?, como evitar os indiscutibles riscos que agochan?, que pasa con resíduos?...

 

E posible un crecemento verde?

Frente a todas estas dúbidas (?) resulta lóxico preguntarse si social, ecolóxica e incluso tecnicamente é razoable, incluso viable manter o actual ritmo de crecemento na demanda de enerxía, incluso si fora posible que toda ela procedera de fontes renovables?. Tendo en conta tanto as necesidades de materiais estratéxicos que esixen como o impacto ecolóxico que, especialmente nos países do Sur, xa está provocando a súa extracción e produción (bosques, mares, rios, solos, especies...) estamos seguros de que o planeta terra poderá soportalo?, non estaremos desbordando os seus límites, a súa capacidade de resiliencia?, non estaremos igualmente camiñando ao colapso ecolóxico definitivo?.

Moitos estudios apuntan a que no actual sistema capitalista é imposible disociar o crecemento económico (PIB) do crecemento no consumo de materiais e enerxía. Nun sistema cuxa razón de seren é a procura da máxima ganancia, para o que ten que incrementar continua e exponencialmente o consumo e a produción, é posible un crecemento verde?. Hoxe temos abondosas probas de que dende fai mais de corenta anos (co triunfo dos dogmas neoliberais) crecemento económico (PIB), benestar social e medio ambiente non sempre camiñan na mesma dirección porque o actual modelo de crecemento agocha uns custos sociais e medioambientais enormes. A realidade é que na actualidade os custos globais do crecemento económico xa son maiores que os beneficios colectivos. 

Por todas estas razóns cada día somos mais os que pensamos que non é posible un crecemento verde. Que o colapso ecolóxico non se evita senón se pon freo ao ritmo de crecemento da demanda de enerxía e de materiais.
 

O Cumio do Clima aposta pola redución dos combustibles fósiles

Neste marco que aposta polo decrecemento como cabe avaliar as conclusións do Cumio do Clima recentemente celebrado en Dubai?. A espreita de coñecer mellor os contidos do acordo (compromisos, prazos, sistemas de seguimento e vixilancia do cumprimento....) non se pode negar que o envoltorio (“inicio do fin da era dos combustibles fósiles”) presenta unha faciana positiva. Pero tamén uns resultados moi escasos por que en realidade non se avanza nun compromiso, serio e tanxible, de freo ao modelo actual de crecemento baseado nun consumo intensivo e exponencial de enerxía que dispara o crecemento das emisións de gases de efecto invernadoiro e que agravan o cambio climático (secas, inundacións, choivas torrenciais, olas de calor, suba das temperaturas dos mares e océanos, desxeo de glaciares,...) provocando grandes desastres ambientais polo que o risco dun colapso ecolóxico segue aí.

Como acertadamente sinalan non poucos expertos o resultado salva o COP28 pero non o Planeta que precisaría dunha vontade política que neste cumio non apareceu.

 

LECTURA RECOMENDADA: “Raíces económicas del deterioro ecológico y social” Jose Manuel Naredo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.