Cunqueiro, desde Ortigueira a Vigo

Álvaro Cunqueiro Dominio Público Praza Pública

Hemeroteca

Hai uns días tiven que visitar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Un hospital novo, cun impoñente edificio de cristais azuis e que foi bautizado co nome dun escritor -algo exótico para un centro sanitario- moi querido en Vigo, onde se asentou e viviu moitos anos.

O autor de Merlín e familia chegou á cidade olívica en maio de 1937, unha época convulsa en España, coa Guerra Civil en pleno auxe. Viña de Ortigueira, onde se refuxiara en outubro do 36. Un comando falanxista asasinara o 12 de setembro a cinco persoas en Mondoñedo. Cunqueiro, escritor en lingua galega, membro do Partido Galeguista e que fixera proclamas públicas en favor do Estatuto de Galicia... Tiña todos os números para ser detido e quen sabe que máis lle podería ter ocorrido. Decidiu poñer terra por medio e marchar a Ortigueira, unha vila conservadora, onde foi acollido como profesor nunha academia de bacharelato dirixida por un cura vilalbés, Jesús Márquez Cortiñas, e na que fixo amizade co xefe comarcal da Falanxe, Feliciano Crespo Bello, unha garantía de supervivencia.

Os motivos de ir a Ortigueira, a súa primeira etapa post-sublevación militar, eran pouco coñecidos, mesmo por investigadores avezados da obra do mindoniense, ata que Carlos López-Keller Álvarez (neto do erudito ortigueirés e académico correspondente da RAG,  Laureano Álvarez) o aclarou nidiamente nun artigo publicado no 2020 na revista de estudos locais Terras do Ortegal: o pai de Álvaro, o boticario mindoniense Joaquín Cunqueiro, era amigo de Daniel Pernas Nieto, presbítero natural de Abadín (pero que fora veciño de Mondoñedo) e naquelas datas capelán do Hospital-Asilo de Ortigueira, que intercedeu ante o titular da academia para facerlle un oco no seu plantel de profesores ao (falso) licenciado en Filosofía e Letras. Os dous mindonienses -escritor e crego- vivirían incluso no mesmo hotel de Cuba da vila norteña.

Cunqueiro deu en Ortigueira con Laureano Álvarez, conmilitante seu no Partido Galeguista, pero por riba de todo atopou tranquilidade. Aquí prologou -en castelán, como ben apunta López-Keller- o libro de poemas Fala das Musas, de Pernas Nieto, tal vez como agradecemento ao cura polo salvoconduto á zona segura de Ortigueira. Trátase dunha obra de limitada calidade literaria -tal vez a peza de maior altura sexa o prólogo cunqueirán- saído dos talleres da imprenta Fojo desta localidade en decembro de 1936, e cuxa significación histórica reside en ser o primeiro libro editado en lingua galega en Galicia despois da sublevación franquista.

Á capital do Ortegal Cunqueiro chegara con fama de recoñecido poeta: xa publicara Mar ao norde (1932) e Cantiga nova que se chama Riveira (1933). Mais alí o literato sufríu un profundo cambio ideolóxico, afiliándose á Falanxe (da que sairía en 1943), e pasando a ser redactor dun semanario falanxista local de nova creación, Era Azul. Para os interesados no labor docente de Cunqueiro no curso 36/37 -das escasas ocasións nas que exerceu este digno labor-, dicir -sexamos benévolos- que foi moi irregular. Non estaba feita a portentosa imaxinación de Cunqueiro para instruír nenos de 10 a 17 anos nos rudimentos de francés e e outras materias. Algunha alumna súa que aínda vive -poucas quedan- lémbrao como mal profesor, amigo de “irse por los cerros de Úbeda” e de mandar, iso si, recados con cumpridas poesías a fermosas mozas da localidade.

Charlas culturais, participación como actor en obras no Teatro da Beneficencia da vila, paseos baixo as brétemas do Ortegal... E louvanzas -co fervor do converso- ao novo réxime nos artigos do semanario Era Azul impresionaron favorablemente a Jesús Suevos, xefe territorial da Falanxe en Galicia e director do requisado xornal El Pueblo Gallego de Vigo, que o mandou chamar. Alí chega Cunqueiro en maio do 37, onde daría comezo unha longa relación coa cidade viguesa, así como unha carreira xornalística de intensos altibaixos. En Ortigueira deixa unha noiva -hai fotos da parella- e un préstamo de varios miles de pesetas -eran cartos- do pai da moza, un importante empresario local. Nunca os devolvería.

Cunqueiro, xornalista, escritor, controvertido... Maxistral sempre!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.