De confluencias, Podemos e En Marea

O ano que acabamos de pechar deixounos unha serie de palabras que sintetizan ben o que foi o acontecer político dos últimos meses: casta, nova política, os de abaixo, desborde, gran coalición, pactos, diálogo, bipartidismo, momento histórico... e por suposto confluencia.

Di o dicionario da Real Academia Galega que confluír é o proceso polo que persoas ou cousas procedentes de distintas direccións van dar a un mesmo sitio. As últimas citas electorais demostraron que tamén os partidos (a fin e o cabo, persoas) son quen de confluír cando teñen un obxectivo común.

As eleccións municipais de maio foron o primeiro ensaio dunha verdadeira confluencia no noso país, momento en que se articularon unha serie de propostas que desbordaron a mera unión de siglas para dar cabida a outros sectores da cidadanía e que finalmente acadaron o poder en moitas cidades. A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Cádiz, Madrid ou Barcelona, son exemplos de sobra coñecidos, que pese a encadrarse nesa etiqueta común de cidades do cambio, son froito de procesos moi distintos onde o grado de participación versus pacto de cúpulas foi ben diferente.

Apenas uns meses máis tarde dese primeiro éxito, parecía que a meirande parte da chamada esquerda social asumira que había que tomar exemplo das mareas municipalistas e que a suma das forzas era necesaria para multiplicar as opcións de cambio. Deste xeito, Podemos xunto con Esquerda Unida e Anova, traballaron por conciliar proxectos diferentes baixo o teito común de En Marea. Unha ferramenta útil que ó centrar a ollada nos puntos compartidos en lugar de nas diferenzas, rexistrou un grandísimo resultado electoral que puxo enriba da mesa unha posibilidade certa de mudar o goberno da Xunta de Galiza. O obxectivo ben valía a pena.

Sen embargo, o certo é que o proceso non foi todo o exemplar que desexaríamos, alén da complicación que entraña a confluencia de sensibilidades distintas en si mesma, neste caso sumouse o escaso dos prazos, de xeito que en lugar dun verdadeiro proceso construído conxuntamente por actores sociais e políticos atopámonos cunha coalición electoral opaca e pouco participada, onde o espazo da cidadanía foi asumido por plataformas con moi escasa lexitimidade representativa e onde o discurso nacionalista reclamou para si un papel excesivamente protagonista. Isto engadiu elementos de tensión no funcionamento interno da campaña electoral, por cuestións que a cidadanía consideraría ridículas. Mais o feito de que esta vez se superasen, non nos garante que poida ocorrer o mesmo no futuro.

Recoñecer que as cousas non se fixeron de todo ben non quere dicir, sen embargo, que a fórmula acadada por En Marea xa non sexa válida, senón que de cara ó novo envite electoral debería ser emendada. Se Podemos naceu en España para o 20D, En Marea debería ter nacido para protagonizar o cambio de goberno na Xunta de Galiza.

Por iso, en lugar de marcar territorio e pelexar pola capitanía da unión é hora de sentarse a falar sobre os erros e os acertos. O calendario electoral manda, e a falta dunha data concreta para as eleccións autonómicas, hai que poñerse a traballar xa. Erguer un proxecto común leva tempo, polo tanto é hora de escoitar ás bases, hora de entender que esta vez a escusa dos prazos non vai ser suficiente para impor un pacto de cúpulas que deixe perder a ilusión da cidadanía que quere cambio e renuncie a centrar o debate nos temas que nos interesan. Hora de que todos os que queiran formar parte da suma comprendan que a nova política non pode ser só retórica senón que implica outra forma de facer as cousas, con todos e todas, dende abaixo, e non dende a atalaia das cúpulas partidarias. Porque os cidadáns e as cidadás deste país non vamos aceptar que se volva impor a diferenza entre nós e eles, senón que a partir de agora representantes e representados formamos parte dun esforzo colectivo de cambio. Hora de que todos os que cremos na confluencia aprendamos a sumar, e sobre todo asumamos a responsabilidade necesaria para construír un proxecto común e decente que se preocupe das persoas. Hora de que nos miremos máis no espello de verdadeiros procesos de confluencia cidadá como o que supuxo a Marea Atlántica.

Neste momento, Podemos Galicia debe aproveitar a súa capacidade para mobilizar e aglutinar as forzas do cambio, e por iso mesmo, reivindicar o seu espazo dentro da unidade que sexamos quen de construír, porque neste proceso pode que non sobren siglas, pero de seguro que non van sobrar mans.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.