De que vai Agora en Común?

*Artigo de Antón Fernández de Rota e Emmanuel Rodríguez

Algo irrompeu na escena, como o fantasma daquel vello manifesto, asediando o capital, pero tamén trastornando as regras do xogo dos seus antagonistas. Agora en Común está en boca de todos, pero que é?

Se hai algo que está claro é que se irá transformando velozmente, materializándose de distintas maneiras nos distintos territorios, como unha hidra de mil cabezas. Nalgúns lugares triunfará na súa forma orixinal, noutros é posible que sexa cooptado por partidos de esquerda ou faccións de partidos que vexan nela a posibilidade de sacar tallada.

De concretarse a modificación da Lei Electoral coa que acaba de ameazar o PP, e que daría un plus de representantes ao partido con máis votos nas Xerais, as propostas confluentes volveríanse aínda máis necesarias. En calquera caso, Podemos, por si mesmo e coas súas alianzas territoriais, non pode máis que competir por un segundo posto, arriscándose a quedar por debaixo do bipartidismo e así perder a xogada. Se do que trata é de gañar, hai que pensar como constituír algo máis amplo que aspire de verdade a ser primeira forza política.

Podemos, por si mesmo e coas súas alianzas territoriais, non pode máis que competir por un segundo posto, arriscándose a quedar por debaixo do bipartidismo e así perder a xogada

A día de hoxe Agora en Común non é un partido político, e posiblemente non o sexa nunca. A intención é outra: sacar á luz o que xa está aí, expresando o descontento e a forza da sociedade mobilizada.

Agora en Común tivo dous detonadores. Por un lado, o modelo de primarias proposto por Podemos, co consecuente malestar xerado. Non é un asunto menor, ou un mero problema interno a unha formación política, senón a constatación dunha deriva na que o "partido do cambio" se foi apartando cada vez máis da filosofía inicial: esa que, dende @s indignad@s ata as vitorias municipalistas do 24 de maio, iluminou as novas formas de facer política.

Tres erros no modelo de primarias. O primeiro: "aplanchar" a diversidade, dinamitando moitos dos seus activos internos e posibles incorporacións ao proceso. O segundo: evitar o voto por circunscricións provinciais, desapegándose polo tanto do territorio e dunha construción do partido descentralizada, asentada nas redes, os movementos e os partidos-instrumentais locais. E o terceiro: avanzar no propio desmantelamento da idea de partido como partido-movemento e partido-instrumental, supeditando a idea da institución como "caixa de ferramentas" a un centralismo logocéntrico; ou dito doutra xeito, Podemos decidiu seguir xirando, como un astro errático, en torno ás formas de partido clásicas.

A curva descendente só puido ser revertida polas vitorias dos municipalistas en Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza, Coruña, Compostela, Ferrol, Cádiz e tantas outras cidades

O segundo detonante ten que ver coas pasadas eleccións municipais. Por entón a marca-Podemos comezaba a amosar límites evidentes. A curva descendente só puido ser revertida polas vitorias dos municipalistas en Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza, Coruña, Compostela, Ferrol, Cádiz e tantas outras cidades. Non cabe dúbida da importancia do factor-Podemos para as vitorias das candidaturas municipalistas. Pero tampouco pode negarse que, se chegaron ás alcaldías, non foi por repetir a fórmula de Podemos -de resultados modestos nos parlamentos autonómicos-, canto por innovar con confluencia máis amplos, vencellados aos movementos locais. Esta nova experiencia política é a que inspira Agora en Común para intentar traducila ao ámbito, certamente distinto, dunhas eleccións xerais. Sexa como sexa, os tres erros das primarias de Podemos mostran a incapacidade da súa directiva para aprender destas leccións, refuxiándose en posturas máis conservadoras: todo por non arriscar a súa posición de dirección política.

Pero aínda con todo, Agora en Común non é unha alternativa a Podemos. Menos aínda unha alternativa electoral. Distintos medios quixérono presentar como un ataque ao partido de Pablo Iglesias, mesmo como un cabalo de Troya de IU para salvar as súas naves. Nada máis lonxe da realidade. A análise é unánime nun punto: sen Podemos non se pode gañar. O paradoxo é que Podemos só non é suficiente. A solución: a potencia que hoxe desborda por moito o que contén a súa marca e o que queda reflectido no modelo de primarias proposto. "Desborde" é a palabra clave.

Non son iguais os contextos políticos de Madrid ou Aragón, por exemplo, e outros lugares como Catalunya ou Galiza onde os procesos de confluencia entre Podemos e outros partidos están xa avanzados

Agora en Común xorde como unha iniciativa dos movementos sociais e dos sectores movementistas máis proclives á confluencia dentro de Podemos e doutros partidos de esquerdas como IU e EQUO. Trátase dunha aposta polo desborde, ela mesma desbordada dende o primeiro momento. @s que participamos do proceso rapidamente vimos como unha pequena iniciativa dunhas cantas decenas de persoas -tod@s activistas e militantes de base- ardía nun ámbito xa de por si inflamable.

A declinación de Agora en Común será distinta en cada territorio. Non son iguais os contextos políticos de Madrid ou Aragón, por exemplo, e outros lugares como Catalunya ou Galiza onde os procesos de confluencia entre Podemos e outros partidos están xa avanzados. Nos primeiros está case todo por facer. Nos segundos o reto pasa por afondar a confluencia expandíndoa e democratizándoa aínda máis se cabe.

Do que se trata é de aprender das vitorias municipalistas para crear unha sorte de segunda versión de Podemos, un Podemos en Común, que se presente con posibilidades reais de gañar as eleccións

Sen dúbida, o que se propón comporta riscos. E por iso non é só a prensa de esquerdas quen lle está a dar bombo, senón tamén a de dereitas. O paradoxo é que quizais esta última estea a lanzar pedras contra o seu propio tellado. Se sae ben, o bipartidismo pode perder o primeiro posto nas xerais. Pablo Iglesias ten razón. Non se trata de crear unha "sopa de siglas". Do que se trata é de aprender das vitorias municipalistas para crear unha sorte de segunda versión de Podemos, ou como un dos activistas de Ahora en común insinuou, un Podemos en Común, que se presente con posibilidades reais de gañar as eleccións, e coa potencia social e de mobilización abondo como para, unha vez na Moncloa, gobernar o cambio enfrontándose aos poderes fácticos. "Desborde" significa presentarse ás eleccións cun partido-movemento e non cun partido ao uso. Unha ampla coalición social, cun volume considerable de activistas que mobilicen a campaña electoral en cada barrio, en cada pobo, motivados pola renovación do "partido do cambio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.