Demasiados milagres

Supoñamos que finalmente se consuma a hipótese da candidatura unitaria –un Galicia avanza, A Marea Galega ou o nome que corresponda-. Supoñamos que esa candidatura enfila as dúas convocatorias –a das Xerais e a das Autonómicas- como formando parte dun único ciclo. E que todo o mundo entende que ese ciclo enfronta tarefas moi básicas: sobre todo A) aportar unha voz galega que evite un cambio constitucional que non teña en conta os intereses e aspiracións do país. Intereses e aspiracións que van dende o económico –Galicia podería saír prexudicada por depende que formas de financiamento e, máis en xeral por un bascular de España cara ao Mediterráneo- ata o campo das arelas nacionais –evitar que o país se dilúa perdendo aqueles trazos que a fixeron recoñecible no tempo-. E B) definir un proxecto de modernización propio que rompa coa mera inercia respecto dos ciclos da España central. Nun artigo anterior neste mesmo medio intentei achegar algúns eixos posible dese programa de modernización que debería ser o programa común dun goberno alternativo ao conservador.

Supoñamos que esa candidatura unitaria logra o milagre de poñer de acordo a forzas tan distintas e dispares como as que van de Podemos ao BNG, e todo o que queda no medio, enriba ou abaixo, ANOVA; EU, CxG, etcétera. E que esa Marea, ou como lle deamos en chamar, logra outro milagre aínda máis difícil:  que esa unidade se constrúa con bo rollo entre as partes contratantes e que logran incluír nesa corrente a xentes varias e diversas. En definitiva: xerar unha ilusión. E que os independentes teñen un papel de verdade, non puramente de floreiros e, indo máis alá, determinante, dado que terían que ser o aceite que engraxara unha maquinaria de mecanismos tantas veces enferruxados. Supoñamos que, por unha vez na vida, en Galicia é posible atopar, xuntos, claridade de visión e sintonía musical.

Supoñamos que, por unha vez na vida, en Galicia é posible atopar, xuntos, claridade de visión e sintonía musical

Sigamos soñando: supoñamos que esa Marea, ou como se chame, acada un notable éxito nas xerais –que Galicia xoga un papel serio no Estado por primeira vez- e que se converte, despois dunha notable vitoria nas eleccións galegas, no eixo central que articula un novo Goberno Galego que se deixa de gaitas e ponse mans á obra para construír un país. O que quere dicir evitar o desmantelamento da sanidade, da educación e do conxunto do sector público, atallar o paro e a pobreza, pero tamén impulsar unha transformación da atmosfera na que, de repente, tantas discusións absurdas queden obsoletas. Construír un país onde se poida respirar un aire confortable, no que os galegos se sintan incluídos, tamén os que non votaron por esa opción, e onde quede atrás ese capitalismo marulo que é capaz de vender todo, e a todos, por un prato de lentellas. Un país no que quede claro que o progreso e a modernidade viñeron tantas veces, entre nós, da man das xentes galeguistas e progresistas que tan alto prezo pagaron por manter alta a bandeira dun país que avanzando non quere facer tabula rasa do seu pasado nin da súa identidade. A nación non é o que quedou atrás, senón o que está por vir. 

Lograr isto está cerca do milagroso, e non fai falla ter as canas que me adornan para saber que está no ADN de moitas forzas o de non atender máis razóns que as que derivan da súa mantenza e dos intereses creados que foron agrandando máis e máis

Lograr isto está cerca do milagroso, e non fai falla ter as canas que me adornan para saber que está no ADN de moitas forzas o de non atender máis razóns que as que derivan da súa mantenza e dos intereses creados que foron agrandando máis e máis. Pero ese milagre está máis cerca que nunca por unha única razón. Nin Podemos, nin o BNG, nin ANOVA, nin EU, nin outros actores posibles son máis que fume no aire: poden desvanecerse se non saben interpretar ben as voces que escoitan. Todos eles corren grandes riscos: o de difuminarse ou desaparecer, o de facer o ridículo e, o máis grande de todos, o de condenarnos a todos a unha nova vitoria do que todos sabemos. Vitoria non só do PP, senón de Merkel e da tremenda estafa que aos pobos europeos o neoliberalismo lle está inflixindo e de Feijóo e de todos aqueles que Galicia non sexa máis que unha provincia escura e espesa, sen a luz do seu propio carácter.

Todos eles camiñan polo gume da navalla, mesmo aqueles que parecen máis sólidos ou que, neste momento, parecen máis favorecidos pola fortuna dos Deuses. Se non saben construír e non destruír, xerar concordia e non cerrazón, abrir camiños e non pecharse nunha habitación escura, poden verse vituperados por ese futuro que cada vez se acerca a máis velocidade. Exemplos recentes hai.

Se o milagre acontecer, un goberno galego de progreso terá que convivir con dous procesos non simétricos de reconfiguración política, o que levará a arte de gobernar a niveis nunca vistos por debaixo da estratosfera

Non sería un dos milagres menores dun goberno así que tería que coexistir coa recomposición de dous espazos. Dunha beira, o que por simplificar podemos chamar espazo Podemos. Ao final de todo, á esquerda, co PSOE estará Podemos. Non sabemos exactamente que significará iso en Galicia, pero sabemos que algo significará. Pero tamén sabemos –e para min resulta misterioso e sorprendente que isto non se faga explícito- que ANOVA non pode fundirse en Podemos sen máis, sen deixar que voe ao Averno a súa alma nacionalista, e tamén sabemos que está comezando a planear a posibilidade da implosión do BNG, perdido no seu labirinto. E que CxG é electoralmente pouco significativo. Todos sabemos, en definitiva, que o despiste dos nacionalistas e galeguistas de diversa condición é supino, e que non saben por onde tirar nas actuais condicións, e que non saben interpelar a ninguén fóra dos seus círculos, coa excepción das Mareas neste momento –un froito, creo eu, da realidade paralela na que se instalaron durante lustros-. O caso, en definitiva, é que, se o milagre acontecer, un goberno galego de progreso terá que convivir con dous procesos non simétricos de reconfiguración política, o que levará a arte de gobernar a niveis nunca vistos por debaixo da estratosfera.

En fin, que Galicia, terra onde a madurez política non sobra tería que comportarse cunha finesse extraordinaria, para que o cántaro non vaia a terra. Oxalá que nesta ocasión o leite chegue ao mercado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.