Desmontando revolucións: Ucraína

A UE e os EEUU levan xa un tempo dando rédea solta ás súas ínfulas imperialistas levando a falsa bandeira da democratización, quitando presidentes (nalgúns casos ditadores colocados alí por estas mesmas potencias) para pór outros que sexan máis manexables. Dependendo do territorio, os motivos reais (non os que vende a propaganda mediática) son diversos, pero case sempre son principalmente dous: apropiación dos recursos naturais ou xeo-estratexia política.

A UE e os EEUU levan xa un tempo dando rédea solta ás súas ínfulas imperialistas levando a falsa bandeira da democratización

Libia, por exemplo, foi baixo a intervención da OTAN un territorio obxecto de democratización. Pero lonxe de levar a democracia a Libia, a realidade foi que algunhas empresas (especialmente europeas) tomaron o dominio dos pozos petrolíferos; os rebeldes (chamados demócratas polos medios de comunicación) campan ás súas anchas por Libia, violando mulleres e asaltando cidades e pobos, facendo deste país un territorio sen lei. O amigo Gaddafi, que tiña amplos contactos e amizades no entorno europeo e nos Estados Unidos, de repente pareceu  un demo.

Todas as revolucións 2.0 dos últimos tempos seguen un mesmo guión: dende Libia a Exipto, pasando por Venezuela (as revoltas anti-chavistas) e chegando a Ucraína, todas parecen cortadas polo mesmo patrón

Todas as revolucións 2.0 dos últimos tempos seguen un mesmo guión: dende Libia a Exipto, pasando por Venezuela (as revoltas anti-chavistas) e chegando a Ucraína, todas parecen cortadas polo mesmo patrón. É moi clara a similitude das revolucións organizadas en América Latina, nos países árabes e agora en Ucraína. Un grupo de rebeldes escolle unha praza, xeralmente situada na capital do país en cuestión, e resiste violentamente (abastecido con armas); esta praza será bautizada polos medios de comunicación occidentais praza da liberdade. Estes mesmos medios contarán repetidamente as atrocidades e a represión violenta da policía, e finalmente o grupo rebelde tomará o poder. Triunfa o golpe de Estado (orixinado nunha suposta rebelión civil espontánea), aínda que detrás de todo isto podemos ver outras mans executoras. Os medios de comunicación de xeito unánime serán os portavoces da propaganda, pervertendo a realidade para revestir o que é imperialismo como liberación e democratización dos pobos.

Pero os casos de Venezuela e Ucraína son os que están de maior actualidade e ademais teñen unha diferenza substancial coas revoltas do mundo árabe, xa que tanto no caso do acoso a Venezuela como no tema da deposición de Yanukóvich falamos de presidentes escollidos democraticamente. E o que é máis grave: no caso de Ucraína, esa oposición (que os medios en España chaman libertadores) está en grande medida composta por neonazis, apoiados política e economicamente polos Estados Unidos e a UE (nun papel subordinado ao dos EEUU). Caso chamativo o de EEUU, que ten por lei prohibida a axuda económica a gobernos resultantes de golpes de Estado. É dicir, de acordo coas enmendas aprobadas hai uns  anos á lei  de 1961 sobre a prestación de axuda ao exterior, “as autoridades estadounidenses teñen prohibido proporcionar asistencia financeira ao goberno de calquera Estado, no caso de que o seu presidente legalmente electo fora derrocado nun golpe militar ou mediante decisión ilegal”.

Segundo informan algunhas axencias de comunicación rusas, parece que o papel de EEUU neste golpe de estado en Ucraína foi máis aló

Segundo informan algunhas axencias de comunicación rusas, parece que o papel de EEUU neste golpe de estado en Ucraína foi máis aló. De feito, en decembro de 2013, de volta da súa viaxe de Maidán, a axudante do Secretario norteamericano de Estado, Victoria Nuland, declarou en Washington: “Investimos na revolución de Maidán 5.000 millóns de dólares", dos que 815 millóns foron xustificados polo artigo sobre "financiamento da democracia e dos programas de intercambio". E non sendo suficiente isto, tempo máis tarde transcendeu que o Goberno de Obama gastara en Ucraína 184 millóns de dólares en proxectos supostamente relacionados “co desenvolvemento da sociedade civil e dos dereitos humanos".

Ademais, sempre segundo estes mesmos medios, a Axencia de Seguridade de Ucraína deixou ao descuberto unha vinculación directa entre eses fluxos financeiros e a organización de disturbios no centro de Kiev e noutras cidades de Ucraína. Despois de levar a cabo unha investigación, chegouse á conclusión de que os cartos foron transferidos á Embaixada de EEUU en Kiev por vía diplomática. Pola súa parte, a Embaixada de EEUU fixo a transferencia ás oficinas centrais das organizacións A Liberdade e Nai Patria, dúas das organizacións implicadas nos disturbios de Kiev. 

A Embaixada de EEUU fixo a transferencia ás oficinas centrais das organizacións A Liberdade e Nai Patria, dúas das organizacións implicadas nos disturbios de Kiev

Pola súa parte, a UE tamén tivo un papel importante. Seguindo o despropósito engadido ao anterior, temos a filtración da conversa coñecida en semanas pasadas entre o ministro de Asuntos Exteriores estonio e a xefa da diplomacia da UE. Nesta conversa parece entenderse que os francotiradores (que os medios de comunicación afirmaban que foran contratados polo goberno de Yanukóvich) foron contratados en realidade pola oposición, polo que os manifestantes asasinados por eles recaerían sobre o goberno. Do mesmo xeito, nesta conversa parece dilucidarse que parte do material en armas e chalecos anti-balas dos civís rebeldes chegou dende o exterior. Curiosamente os medios de comunicación, que tanta atención puxeron sobre os francotiradores contratados supostamente polo goberno para asasinar civís e manifestantes indefensos, non fixeron o mesmo para desmentir a noticia e dar a coñecer esta conversa, e se o fixeron restaron toda importancia.

Deixando de lado estes aspectos, e centrándonos nas consecuencias deste golpe de estado, en Ucraína temos a declaración por parte do parlamento da rexión autónoma de Crimea sobre a súa independencia e anexión á Federación Rusa. Descoñezo se a UE e EEUU tiveron en conta esta cuestión á hora de apoiar esta revolución.  Esta proclama de independencia vai acompañada da celebración dun referendo sobre tal cuestión. Pero tanto a UE como especialmente os EEUU xa mostraron a súa oposición, que resulta curiosa tendo en conta a posición da UE e de EEUU noutras ocasións.

Segundo John Kerry, a independencia de Crimea non é posible porque a “separación de Crimea está prohibida pola constitución de Ucraína” (unha constitución feita polo goberno golpista). Pero ocorre que EEUU no caso de Kosovo aceptou a declaración de independencia proclamada de xeito unilateral por Kosovo (sen respaldo dun referendo) e sendo esta independencia contraria á constitución Serbia e á Resolución 1244 do Consello de Seguridade da ONU, ademais de ser Kosovo un territorio de enorme valor sentimental para os serbios. Como vemos, os EEUU e a UE usan a legalidade internacional e a lexitimidade democrática á súa conveniencia.

O outro actor neste baile é Rusia, outra potencia imperialista que (en coincidencia cos seus intereses) neste caso aparece como garante da democracia considerando ilexítimo o goberno de Kiev. Curioso que nos últimos tempos teña que ser Rusia a que garanta a defensa da legalidade internacional e a lexitimade democrática, cando a nivel interno a súa democracia en moitos aspectos dista de ser exemplar. Pero dende logo, menos exemplar é a actitude dos EEUU e da UE nesta crise.

Curioso que nos últimos tempos teña que ser Rusia a que garanta a defensa da legalidade internacional e a lexitimade democrática, cando a nivel interno a súa democracia en moitos aspectos dista de ser exemplar

Cabe facer unha reflexión sobre a hipocrisía de Europa e EEUU e sobre a súa irresponsabilidade. En primeiro lugar dar rédea solta e cartos a forzas neonazis e violentas, non tendo en conta que estas forzas son ou poden tornarse incontrolables, chegado o momento. En segundo lugar, non é lóxico pensar que estas manobras próximas á fronteira rusa (xa que EEUU tampouco permitiría ás súas portas inxerencias de Rusia ou outra potencia) darían lugar a tensións e  problemas diplomáticos. En terceiro lugar, aquí o  menos importante é o futuro de Ucraína, como se fose unha partida de Risk. Por último, agora de que vale clamar pola ilegalidade do referendo e da independencia de Crimea, cando eles están apoiando un goberno golpista, que por si mesmo é ilegal e ilexítimo? E que dicir dos medios de comunicación, que é agora cando mostran de xeito máis descarado que son a voz do seu amo?

Queda preguntar para a reflexión do lector: cal sería a actitude da UE e EEUU se o golpe de estado fora dos pro-rusos, ou indo máis aló, de forzas de ultra-esquerda?

“Non hai xuramento entre leóns e homes nin entre lobos e cordeiros, porque son encarnizados inimigos” (A Ilíada, de Homero)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.