E a próxima semana...

Como era sabido, Sánchez tampouco logrou a investidura no segundo intento, ausencia de sorpresas, pois, que sinala, cando menos, dúas cousas.

A primeira é que de momento a política tampouco volveu ó Parlamento, polo menos non ó hemiciclo. Pese a que moitos queiramos ver na fragmentación da cámara a posibilidade certa de recuperar a democracia deliberativa, de momento seguimos vendo demasiados escanos baleiros, parlamentarios ocupados cos seus teléfonos móbiles, risas, murmurios e apupadas. Condutas máis propias de hooligans que de representantes dispostos ó diálogo. Por moito que o pacto e o consenso sexan verbas permanentes na súa boca, o certo é que cos seus comportamentos seguen diferenciando entre parlamentarios de primeira e de segunda ignorando a todos os representantes minoritarios. En definitiva, parece que nalgúns partidos aínda non entenderon que o bipartidismo morreu, e que no novo escenario non se trata de poñer catro onde antes había só dous, e que pese a que non lles interese nada o que din representantes electos de milleiros de cidadáns, a aritmética parlamentaria está tan axustada que hai que contar con todos. Ata agora, tristemente, poucos cambios, escoitar, pouco; falar, demasiado e dicir, case nada. Por isto, tamén, é preciso seguir reclamando unha necesaria feminización da política, unha cuestión que non só é de quen senón de como.

E a segunda é, que pese á insistencia de Sánchez, a semana que ven non teremos goberno, pero tampouco volveremos á casilla de saída senón que os diferentes equipos retornarán ás mesas de negociación con ánimos cambiados.

Todo apunta a que o vivido nos últimos días vai permitir superar a especie de “equilibro de Nash” no que se atopaban os líderes dos diferentes partidos. Con este termo faise referencia a unha situación acuñada polo matemático John Forbes Nash, Nobel de economía en 1994 e popularizado grazas á película Unha mente marabillosa, na que cada parte cre que non gaña nada mudando de postura mentres os outros non modifiquen as súas. Sen embargo, unha vez que o PSOE constatou a ineficacia da súa estratexia, tendo en conta que é o partido que ten o encargo de intentar formar goberno, verase empurrado a mover ficha para intentar desbloquear a situación.

Neste punto é probable que o PSOE xa asumira que o pacto con Ciudadanos non lle deu os réditos esperados. Pese ós seus esforzos de arrinconar a PODEMOS nunha suposta pinza co PP, que 219 deputados votaran non á súa investidura, invalida ese discurso. Máis de duascentas negativas que non só traslocen consideracións estratéxicas, senón tamén a necesidade de que os líderes podan explicar as decisións tomadas e que os seus votantes as podan entender. Pese a que a dureza do debate entre o PSOE e PODEMOS fai ver cada vez máis lonxe un pacto de esquerdas, o que non cabe desbotar é que o obxectivo das próximas negociacións non sexa un acordo de goberno per se, senón unha abstención que facilite gobernar.

E é que pese á sorpresa que isto poda producir entre os partidos do réxime do 78, os representantes electos de PODEMOS e as súas confluencias entenderon que os votantes das forzas do cambio non querían gatopardismo, senón un cambio de calado, de aí que non se trata de pactar un goberno a calquera prezo, é dicir, a entrada no goberno só tería sentido se servira para materializar un compromiso serio coas políticas demandadas. E isto non é posible pactando primeiro coa formación laranxa. Sánchez escolleu, e escolleu mal. Escolleu tamén 130 apoios onde podería ter escollido 161.

É certo que os números, aínda así, non chegaban, e que a correlación de forzas no parlamento dificulta un goberno de esquerdas, sen embargo, Sánchez tiña, cando menos dúas opcións sobre a mesa. Escolleu pacto laranxa, e a non ser que pretenda un pacto morado na segunda rolda, só pode fiar as súas opcións de futuro a unha abstención do PP ou de PODEMOS. Ou gran coalición ou lexislatura corta, en ambos escenarios deixaría marxe libre para que PODEMOS, pese a ter intentado superar esa etiqueta, se acabe por converter no verdadeiro partido hexemónico da esquerda. Un escenario, en definitiva, que para o PSOE só debuxa perdas (loose/loose) e que tampouco mellora se incluímos a posibilidade de novas eleccións, que se a alguén interesan menos é a un candidato que se sabe no punto de mira do seu partido.

Por iso, todo fai pensar que as futuras eleccións non están tan cerca como algúns pretenden e que nos dous meses que temos por diante,  Sánchez seguirá disposto a intentalo todo para saír electo presidente. E para iso, deberá seguir negociando acorralado entre dúas forzas centrífugas, a de toda a maquinaria do establishment que seguirá empurrando a prol da gran coalición, e a dunhas bases socialistas que esperamos se van resistir a colgar para sempre dúas das súas siglas. Dende a cidadanía, mentres tanto, agardemos que esta vez si, deixen a un lado o excesivo tacticismo e dende a coherencia política e programática se senten a negociar políticas por diante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.