Electróns libres (a cabeza non para)

1. Escribir: proceso de poda.

2. Escribo porque leo, pero non leo porque escribo.

3. A literatura deserta do exército da obxectividade.

4. As conviccións son política; as contradicións, literatura.

5. A literatura didáctica resulta nociva por exceso de hixiene.

6. Cando les unha novela na que prevalece o didactismo ideolóxico sobre a acción narrativa, semella que che zumbase un abesouro no oído.

7. O poema sabe aquilo que o poeta ignora.

8. Un verso bo, abrolla; un poema excelente, cávase.

9. Antes do poema, escasean as palabras; ao remate, case todas estorban.

10. O poema, ante todo, permite.

11. O poema é a alegría do inverno (definición espontánea dun alumno de 1º da ESO).

12. Hai versos que actúan como bombonas de osíxeno; outros que, por moito que se turre por eles, serán sempre piscinas sen auga.

13. Tan necesaria é a pausa no fútbol como o silencio no poema.

14. Pasear osixena os versos.

15. O cadáver do poeta maldito exhala necrofilia.

16. Mellor confiar na papeleira de reciclaxe ca no murmurio das musas.

17. Estilo vulgar, boca con chicle.

18. Reescribirse supón un duelo de esgrima contra as rutinas do estilo.

19. Un best-seller non deixa de ser unha hamburguesa con tapas en vez de pan.

20. No tren, novelas de misterio; nos avións, películas de catástrofes.

21. A literatura son electróns libres en eterno movemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.