En tempos difíciles

Son tempos difíciles e sábeno mellor ca ninguén tantas galegas e galegos que non ven claro que futuro lles ofrece un sistema económico empeñado en repetir receitas fracasadas, cuxo custe sempre corre a cargo dos mesmos.

Son tempos difíciles nos que dirixentes europeos dos Estados membros continúan a  sacralizar a estabilidade e o déficit, aínda a costa de que iso supoña, como no caso do Estado español, un recorte cifrado en 40.000 millóns de euros, un axuste brutal que só afondará na recesión económica e na ausencia de investimentos que actúen como incentivo para a creación de emprego.

Son tempos difíciles porque a crise converteuse na escusa, na moeda de cambio para aplicar políticas ultraliberais que, con presa e sen pausa, desmantelan un estado de benestar que tanto custou construír. Crise como comodín do que se bota man para facer a poda de dereitos que parecían intocables: sanidade pública e de calidade, educación cos mesmos requisitos, protección social, cobertura para o desempregado, pensións que manteñan o poder adquisitivo, reducións salariais xeneralizadas baixo a consigna de traballar máis por menos, flexiseguridade obsesiva.

Son tempos difíciles porque os potentes altofalantes do status quo pretenden convencernos de que este vieiro que impoñen os mercados, coa inaceptable complicidade dalgunha asentada dirixencia política, é o único posible. Convencernos de que é inútil revelarse, protestar, indignarse, propoñer alternativas non só máis xustas e solidarias, senón tamén máis eficaces.

Pero nestes tempos difíciles non hai cabida para a resignación senón que, máis ca nunca, é imprescindible usar todos as ferramentas de pensamento e actuación, de acción e de traballo, todos os mecanismos para loitar por unha sociedade xusta socialmente, solidaria, das persoas. Cuestionando con propostas alternativas, como as que defende o BNG, o paradigma neoliberal que nos afoga e reclúe en calexas con muros. Porque os muros tamén poden quebrarse formulando propostas, como facemos dende o nacionalismo e dende a cidadanía galega.

E neste momento no que o poder do capital improdutivo quere impor a súa visión como única posible, a chegada de Praza Pública tamén servirá para enriquecer o panorama informativo do noso país, un medio innovador que, ademais,  aposta pola nosa lingua. Os meus parabéns a todas e todos os que o facedes posible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.