Enquisas en tempos de mudanzas

A mocidade saíu á rúa e os partidos avellentáronse. Magnífica frase de El Roto que sintetizou como ninguén un dos meirandes logros do 15M. Dende ese momento parece que todo en España se volve vello demasiado rápido, consecuencia inevitable da realidade líquida que enunciaba Zygmund Bauman.

As enquisas tampouco escapan a esta veloz obsolescencia que o envolve todo. Así, no ritmo vertixinoso polo que transcorre a vida política nas últimas semanas, as enquisas avelléntanse antes aínda de que saian á luz.

Neste contexto cómpre cuestionarse acerca da pertinencia de poñerse a analizar os datos do último Barómetro do CIS cando o seu traballo de campo se realizou a principios de xaneiro. Porque miren que non teñen cambiado cousas nos últimos días: unha oferta de pacto de goberno progresista que colocou Podemos enriba da mesa demostrando unha habilidade única no tocante a dirixir a axenda e marcar os tempos do xogo político; un candidato a presidente que declina ante o xefe do estado presentarse á investidura pero non renuncia, si pero non ou o sino de Rajoy; novos e vergoñentos casos de corrupción no Partido Popular, aínda que tranquilos, o presidente en funcións dixo que a partires de agora non pasaban máis; un novo candidato que pese a todas as opinións contrarias e ás tensións internas do seu partido mantén a súa aposta pola presidencia, e seguro que aínda se me esquecen titulares.

Sen embargo, ávidos como estamos de información, o Barómetro do CIS dá pistas que os equipos dos diferentes partidos non deberían pasar por alto.

A primeira é que pese a que o panorama cambia dun día para outro, os resultados electorais non mudan tan rápido. É dicir, unhas novas eleccións non clarificarían o panorama. Todo indica que pese á dialéctica superadora do eixo esquerda dereita que propuxo Podemos, a fenda entre ambos polos permanece. Polo tanto, aínda que os datos apuntan a certa transferencia de votos entre os partidos que están dentro de cada un dos dous bloques, o cómputo total apenas variaría. O PP volvería ser o partido máis votado, máis dun 85% dos que o votaron teñen decidido que o farían de novo. De feito a fotografía apenas se move para ningún dos partidos. Neste momento teñen decidido que repetirían a súa elección o 84,7% dos votantes de Podemos, o 78’4% dos do PSOE, o 70’4% dos de Ciudadanos e o 65,9% dos de IU. Aínda que as transferencias entre os partidos son pequenas destacaría o 6,6% de votantes de Ciudadanos que irían ó PP e un 10,6% de votantes de IU que se irían a Podemos, ademais deberiamos ter en conta un 15,5% de votantes de ambos partidos que aínda non teñen decidido o seu voto.

Deste xeito, a lóxica ambición de Podemos de conseguir o sorpasso, reforzada pola tendencia alcista do partido dos círculos, debe compensarse co realismo e pragmatismo necesario para entender que non estamos en tempo de máximos senón de negociacións, e que ó máis que neste momento se pode aspirar dunhas novas eleccións é a mudar relativamente pouco o peso que cada un teña na mesa negociadora.

E a segunda é que a onda de cambio non se detén senón todo o contrario. Tanto Pedro Sánchez como os varóns socialistas farían ben en deterse a ler estes datos á hora de tratar de trasladar a vontade popular a un pacto de goberno. Especialmente aqueles que lles axuden a entender ó seu electorado, ó que cada vez parecen comprender ou escoitar menos. No que respecta á colocación na coñecida escala esquerda-dereita, a sintonía entre os votantes do PSOE e o aparato é elevada, o seu electorado sitúase nun 3,82 e colocan ó seu partido nun 3,98. A diferenza con Podemos tamén é reducida, colocan á formación morada nun 3,16 e a Izquierda Unida nun 2,94, isto é, os tres son partidos considerados bastante afíns á súa ideoloxía. Sen embargo, Ciudadanos é visto polos votantes socialistas como un partido de dereitas, sitúano nun 6,73. É dicir, a proposta dun pacto coa formación laranxa, anunciado como o preferido por sondaxes elaboradas para os medios, que apenas teñen representatividade estatística e que de seguro non van facer máis que repetirse nos próximos días, é evidente que gusta ós membros do establishment, pero cos datos que nos deixa o CIS, é dificilmente defendible como a opción máis querida entre os que o pasado 20D votaron por un cambio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.