España e Chávez: a historia non nos absolverá

Os trece anos de presidencia de Hugo Chávez en Venezuela e o desenvolvemento da revolución bolivariana pasarán á historia como o maior fenómeno político mundial do que máis cousas contaron os medios de comunicación para, paradoxalmente, desinformar da realidade. Comecemos polas odiosas comparacións.

O desenvolvemento da revolución bolivariana pasará á historia como o maior fenómeno político mundial do que máis cousas contaron os medios de comunicación para, paradoxalmente, desinformar da realidade

Mentres en España votabamos gobernos que levaron a un 21,1% da poboación por baixo do limiar de pobreza e disparaban ao 45% a pobreza infantil, o Hugo Chávez estigmatizado nos nosos medios reducía a pobreza de Venezuela un 44%, segundo datos da CEPAL, o que supuña que cinco millóns de venezolanos deixaron de ser pobres.

Venezuela ocupou, por cuarto ano consecutivo, o primeiro posto rexional en apoio á democracia, cun 77% de respaldo popular que se demostra cunha participación electoral de máis do 80 %, o 55% da cal votou a Chávez nas últimas eleccións presidenciais. En 1998 a participación era tan só do 54%. En España, en cambio, un 86% asegura que a situación política é mala ou moi mala e un 93% de españois está a favor de modificar a Constitución. Nas últimas eleccións xerais a abstención, xunto co voto nulo e o branco, sumaron o 30%, e Mariano Rajoy foi presidente do goberno polo apoio ao seu partido de tan só o 22% dos españois.

Hugo Chávez subiu o gasto social ao 60% de todos os ingresos nacionais percibidos, en España, en 2010, foi do 25,7% do PIB

Mentres Hugo Chávez subiu o gasto social ao 60% de todos os ingresos nacionais percibidos, en España, en 2010, foi do 25,7% do PIB. Cando España converteuse no país con máis desigualdade social da eurozona, Venezuela, entre 1998 e 2008, viu unha diminución do 17'9% desta desigualdade social, segundo a CEPAL.

Mentres 14 millóns de venezolanos acceden a alimentos subsidiados polo Estado e o 61% da poboación venezolana comprou este ano alimentos en puntos de venda do Estado, en España aumenta o IVE dos alimentos do 8 ao 10% e decenas de miles de cidadáns dependen da caridade de comedores sociais privados para subsistir.

Durante 2011 o goberno venezolano repartiu 146.022 vivendas entre os máis empobrecidos. En España, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, prodúcense 526 desafiuzamentos diarios.

Grazas a estas políticas, Hugo Chávez foi o líder político que máis apoio foi logrando nas urnas e nas rúas do seu país durante máis dunha década pero, curiosamente, é o que sufriu en España máis editoriais críticos, máis insultos, máis acusacións de ditador, máis mentiras e máis conspiracións mediáticas para derrocalo. Ao final os medios lograron o seu obxectivo: que Hugo Chávez tivese unha mala imaxe en España. Segundo o Barómetro do Real Instituto Elcano de decembro de 2010, Chávez era con diferenza o líder peor valorado polos españois: recibe un 1,7 nunha escala de 10.

Non son os españois quen deben elixir o presidente venezolano, son os venezolanos, e estes non eran reféns dos medios españois porque podían apreciar cada día as súas políticas

Pero non son os españois quen deben elixir o presidente venezolano, son os venezolanos, e estes non eran reféns dos medios españois porque podían apreciar cada día as súas políticas. Non é a primeira vez que a valoración dun líder político é moi diferente fora que dentro do seu país. Mentres os cidadáns soviéticos maldicían a Mijaíl Gorbachov, ao que responsabilizaban do derrube da súa confederación e o fin das axudas estatais, a opinión pública internacional, grazas á campaña mediática mundial, vía no último presidente soviético o home que levaba a democracia á Unión Soviética.

Sen dúbida a opinión pública que posúe máis rigor e coñecemento do líder é a que vive baixo as súas políticas e non a que as coñece a través de medios de comunicación. Polo tanto podemos afirmar que as vítimas do crime mediático non foron nin Hugo Chávez nin os venezolanos. Foron os cidadáns españois, aos que se lles negou a posibilidade de coñecer e comprender o que sucedía en Venezuela.

Na historia de Venezuela, de toda América Latina, e no recordo de todos os homes e mulleres do mundo que buscasen a verdade entre as tebras desinformativas dos grandes medios, Hugo Chávez quedará como o líder que mellorou como ninguén as condicións de vida dos venezolanos máis desfavorecidos, que impulsou dun modo xa irreversible a unidade latinoamericana e que deu ánimos e esperanzas á humanidade de que un mundo máis xusto, fóra do capitalismo, é posible. Por iso os venezolanos seguíanlle votando e a súa revolución seguirá adiante. Moitos españois quedaron sen saber todo iso. Ese é o crime mediático do que a historia non nos absolverá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.