Esvaemento e asfixia do nacionalismo galego

Temos a espreita máis recortes e a multa por no cumprir co deficit, é dicir máis pobreza, aumento das desigualdades sociais e o desamparo para as novas xeracións. Unha situación económica complicada que precisaría de bos políticos pero que se vai afrontar cunha elite política decadente, incapaz de renovarse para paliar a readecuación do Estado na economía globalizada  O 26X o electorado expresou un medo que o levou a -non arriscar coas novas organizacións políticas, comportándose dun xeito conservador. Reforzando ao PP e non migrando o voto descontento do PSOE cara a Podemos. As novas organizacións políticas non foron quen de gañar a confianza necesaria para proseguir no fluxo ascendente. Unha vez recibidos os resultados, as diferencias entre as organizacións participantes redefínense, cada quen mira para o seu e prodúcese unha maior separación. As cesións que se xustificaban por estar nunha opción gañadora, agora tórnanse inevitábeis marcas para poder entenderse nun futuro próximo.

En Galicia o nacionalismo persiste en non tomar nota de que o seu electorado castiga. Nas Mareas as desavinzas internas e o xeito de resolvelas recordaron con demasiada claridade aos texemanexes da vella política, isto engadido a un progresivo distanciamento da rúa, e a desactivación das asembleas, convertidas nun  formal asentimento  do que os aparatos decidiron previamente, gañáronlle 64.227 desafeccións. Hai que sumarlle a esta perda de votos a perda gratuíta de identidade política ao ceder na formación dun grupo parlamentario propio.

No outro polo, o BNG asfixiase na súa propia doutrina, mostrándose incapaces de conectar co pais real e de mudar para que o nacionalismo sexa algo vivo en Galicia. A perda de 25.562 votos non afirma máis que o indiscutible proceso de extinción, en versión resistente, ao que se ve abocado. A crise nacionalista está aberta e a vista de todos, así que por máis que doa, permítaseme que poña o dedo na chaga

A irrupción de novos axentes políticos posibilita que moitas persoas poidan facer  da política un modo de vida. Esto acostuma a ocorrer cando a recambio nas elites non funciona e novas elites acceden a parcelas de poder. Fórmase entón unha sorte de oligarquía nas novas organizacións que tende a polarizar a división entre cadros e membros de base, gobernantes e gobernados. A lóxica da autoconservación leva a estas advenedizas elites a primar os seus intereses organizativos e persoais sobre os intereses xerais que din defender. O resultado é a autorreprodución no interior destas organizacións daquilo que critican como vella política, converténdose nunha organización sistémica máis. Pasado o tempo do mito fundacional, a participación, a horizontalidade e a transversalidade van esmorecendo até quedar soamente un aparato que utiliza retoricamente estas orixes para perpetuarse a calquera prezo.

O BNG contou sempre cun bo aparato ensarillado nas súas organizacións. O afán de perpetuarse levouno a un grao de rixidez que o distanciou da rúa e do seu electorado. Incapaces de incorporar as demandas sociais xurdidas estes últimos anos, e de ofrecer unha alternativa nacionalista críbel consúmense nunha estéril autoafirmación xerando unha crecente antipatía política.

As Mareas contan con aparatos moito máis febles, menos cohesionados, sen organizacións de masas e adicados case exclusivamente a fontanería de aproximacións e pactos. Atrás quedaron o protagonismo das asembleas e unha nidia identidade nacionalista. Participar dun movemento emerxente gañador xustificaba as indefinicións cando non contradicións. Con Podemos o futuro aparecía aberto e había que tomalo.

Pero todo isto cambiou o 26 X.  O fluxo gañador deixou de brillar e as diferentes organizacións que o conforman vense obrigadas a redefinirse e medir as súas forzas. Sen dúbida, a inminencia das próximas eleccións autonómicas ven a complicar este axuste, porque os aparatos adquiren moito máis protagonismo, xa que apenas hai tempo para revitalizar as organizacións mediante a apertura de procesos de decisión asemblearia

O gran perigo para as Mareas é que os aparatos primen seus intereses de autoreprodución, xa que poderían soportar a perda de moitos máis votos con tal de subsistir. Esto explica que se soslaie o problema da contradición interna entre nacionalistas e non nacionalistas, que se mobilicen tan controladamente as bases e que non se dubide en repetir a estratexia das Mareas, a pesares de ter constatado a baixada de apoios. Os intereses da elite-aparato primarían sobre os intereses do nacionalismo de esquerdas e entregaríanse, sen liderado, en mans dun proxecto estatal.

De feito, o veto a Beiras, supón a eliminación da única referencia simbólica nacionalista nidia fora do BNG. É dicir, que de ir adiante vai supor a renuncia a identidade política nacionalista que se esvaerá entre os alcaldes da Coruña e Ferrol, os deputados non nacionalistas e a incapacidade de distinguirse como nacionalistas galegos dentro e fora do pais.

Hai no nacionalismo unha decisión retardada desde fai moito tempo. Asumiuse que como non éramos maioría, habería que agardar a o ser para por en practica unha estratexia práctica de cara ao dereito a decidir, mentres, e como se demostrou cando se tivo poder, a solución foi comportarse como plenos autonomistas e postergar para un hipotético futuro o despregamento efectivo dunha estratexia soberanista.

Practicar hoxe unha política nacionalista implica abandonar a vía testemuñal e deixar de agardar tempos mellores para ser coherentes. Máis que teorizar ou recrearse en discursos do pasado, trátase de vivir a teoría no presente, baixar dos aparatos de marfil e socializar o dereito a decidir desde a rúa cunha ruta a curto, medio e longo prazo. A diferencia co vello nacionalismo márcaa a incorporación das demandas sociais xurdidas nestes últimos anos e a presentación dunha estratexia desde a base social, dirixida a exercer o dereito a decidir como remedio aos males do neoliberalismo que se aveciñan.

Finalmente, o maior perigo, o peor de todos é que os aparatos das Mareas amortezan a identidade nacionalista, refuxiándose nas hipotéticas garantías de subsistencia, que como elite lles poida procurar a marca Podemos, con quen podemos compartir traxecto, pero non proxecto nacional. Así que ou iniciamos un novo nacionalismo ou o que hai sumirase en si mesmo ou diluído en ambiguos proxectos estatais. Envolverse na bandeira e berrar independencia non serve de nada e introducirse nun discurso puramente retórico de nación sen nacionalismo tampouco. Os tempos son chegados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.