Être ou ne pas être Charlie

O atentado do 7 de xaneiro contra a redacción de Charlie Hebdo. Le Journal irresponsable suscitou en España, ademais da condena unánime, un debate inesperado, mesmo en círculos progresistas, sobre os límites da liberdade de expresión no que algúns opinadores pecharon o seu argumentario cun categórico "non todo se pode dicir".

"Agradecería a semellantes aspirantes a censores que precisen aquilo “que non se pode dicir" e tamén as sancións que carrexarían as eventuais infraccións"

Ao tratar este asunto convén lembrar que os doce asasinados morreron por publicar, en distintos números do xornal caricaturas satíricas de Mahoma e o islam e que os asasinos abriron fogo ao berro "Allah Akbar" (Allah é o máis grande). Se a motivación da vingativa matanza é a ofensa ao profeta entendo que o "non todo se pode dicir" dos opinadores ten de interpretarse deste xeito: "non todo se pode dicir sobre o islam e as relixións". Sendo isto así agradecería a semellantes aspirantes a censores que precisen aquilo “que non se pode dicir" e tamén as sancións que carrexarían as eventuais infraccións. O "non todo se pode dicir" pon medo porque, de atérmonos ao contexto no que se proferiu, agacha o indecente e noxento implícito: "Buscárono!", que cualifica o xorne moral dos seus autores.

Paradoxalmente, aqueles que estimaron que Charlie Hebdo vulneraba os límites da liberdade de expresión son intelectuais enchoupados dunha cultura, a do século XX,  que, sobre todo a partir das vangardas, tivo como denominador común a súa capacidade de transgresión  do sagrado. Antonin Artaud preguntábase "É Deus un ser?" e contestaba, "si que o é, é merda"; un dos maiores pensadores e escritores do século pasado, Georges Bataille, non dubidou en escribir "Deus é un porco". Temos logo que entender que, en virtude do "non todo se pode dicir" hai que botar ao lume as súas obras? (as súas e, claro está, a de todos os dadaístas e surrealistas e, xa de paso, as do antisemita Céline). O máis probable é que quen cre que non se pode dicir todo pense, en realidade, que ás masas, ao pobo, ao vulgo, non se lles debe dicir todo e que tampouco convén que se lles permita dicir calquera cousa. Os praceres da transgresión teñen que ficar reservados ás xentes lidas para seguir sendo gorentosos! Puro e cínico despotismo ilustrado!

"A caricatura acompañou desde aquela ao combate anticlerical contra o poder da igrexa católica e achegou o seu gran de area ao establecemento dunha República laica"

En España o debate sobre os supostos excesos de Charlie Hebdo e os límites da liberdade de expresión producíronse ademais, inevitablemente creo, sen ter en conta nin a tradición cultural na que se sitúa o xornal nin o contexto sociopolítico, a República francesa, no que se publica.
Cómpre ter ben presente que a caricatura de prensa nace no héxagono coa Revolución Francesa ao abeiro de La Déclaration des droits de l'Homme et du Citoyen que consagra a liberdade de pensamento e de opinión como un dereito fundamental.  Como lembran Marie-Eve Thérenty e Guillaume Pinson, a caricatura acompañou desde aquela ao combate anticlerical contra o poder da igrexa católica e achegou o seu gran de area ao establecemento dunha República laica. Revistas como L'assiette au beurre (1901) xa se caracterizaban polo seu humor corrosivo e por un antimilitarismo moi militante. O humor sen concesións de Charlie Hebdo tamén afunde as súas raíces na subversión das vangardas e no seu culto ao escándalo, cómpre lembrar que o semanal Le Canard enchaîné, outro gran xornal satiríco, naceu en 1915 e seguía vendendo 400 000 exemplares en 2013.

A prensa satírica sempre se caracterizou pola crítica sen concesións e provocadora. A esaxeración e a irreverencia forman parte dos códigos do xénero

A prensa satírica sempre se caracterizou pola crítica sen concesións e provocadora. A esaxeración e a irreverencia forman parte dos códigos do xénero. No caso de Charlie Hebdo, o seu humor e a súa liña editorial non se entenderían, por suposto, sen os aires libertarios de Maio do 68. En definitiva, as súas caricaturas poden gustar máis ou menos, pero a burla ao islam nun periódico satiríco francés inscríbese nunha tradición de crítica á relixión e tamén nunha forma de transgresión que sempre distinguiu o xénero e que custou non poucos xuízos aos xornalistas e algunha censura (a igrexa católica interpuxo e perdeu 14 querelas contra Charlie Hebdo).

Hara-Kiri, o pai de Charlie Hebdo levaba por subtítulo Journal bête et méchant para deixar claro que alí se practicaba humor "groso e con mala pipa".  Así, os asasinos non só dispararon contra un grupo de debuxantes (que souberon elevar a caricatura á categoría de arte, é importante dicilo) senón contra unha tradición cultural coa que os franceses se senten maioritariamente identificados. Sen esta identificación co espiríto libre e transgresor que encarna Charlie Hebdo non se entendería a consternación colectiva que reinou no país os días seguintes ao asasinato.

En virtude do principio de laicidade non se poden exhibir crucifixos aparentes nos centros escolares franceses e tampouco veos

En canto ao contexto socio-político é preciso ter presente que a laicidade é un elemento fundamental do pacto de convivencia republicano que rexe a vida política e social en Francia. En virtude deste principio a igrexa fica netamente separada do estado e as conviccións relixiosas, morais ou filosóficas quedan  relegadas ao ámbito estritamente privado; teñen o status de simples opinións que os cidadáns poden expresar libremente, pero que no poden rexer a vida colectiva. En virtude do principio de laicidade non se poden exhibir crucifixos aparentes nos centros escolares franceses e tampouco veos.

A tradición republicana e o principio de laicidade fixeron que o uso da palabra pública sexa moi libre e particularmente crítico co poder. Xa nos anos 70 do século pasado na televisión pública os programas de humor non dubidaban en representar o presidente da República indo de putas no seu coche oficial; máis recentemente os xornalistas que entrevistaban o ex-primeiro ministro Jean-Marc Ayrault adoitaban espetarlle "Déronlle a vostede permiso para falar hoxe?". Lembro os xornalistas da Cadena Ser comentando cunha mestura de abraio e admiración o duro debate televisivo entre Hollande e Sarkozy anterior ás últimas presidenciais: "En España non estamos preparados para ese tipo de debate".

A irreverencia e a provocación de Charlie Hebdo teñen moito que ver coa súa militancia firme a favor do consenso republicano sobre a laicidade e ao modo en que se asocia ao uso libre e crítico da palabra pública

A irreverencia e a provocación de Charlie Hebdo teñen moito que ver coa súa militancia firme a favor do consenso republicano sobre a laicidade e ao modo en que se asocia ao uso libre e crítico da palabra pública. Facendo uso desa liberdade os seus debuxantes, Wolinski, Charb, Cabu, Honoré (catro dos asasinados, figuras míticas do humor en Francia) non deixaron de arremeter contra as institucións, contra os políticos, contra as relixións, en xeral contra calquera idea dominante ou, o que sería peor, considerada politicamente correcta. Desde esta óptica foi sempre, e agardo que o siga sendo, unha verdadeira empresa de demolición de símbolos, que fixo máis críticos e máis libres os seus lectores.

O xornal deuse a coñecer sobre todo trala publicación das famosas caricaturas de Mahoma, pero a súa historia é moito máis longa e ten entre o seu haber o feito de ter acompañado sempre todos os combates progresistas e ter contribuído en boa medida ao nacemento de Libération, un dos xornais de referencia da esquerda europea.

Nos últimos tempos soportou acusacións de islamofobia por insistir con caricaturas sobre a relixión e os usos e costumes dos musulmáns, pero non hai que esquecer que o obxectivo preferido das súas burlas sempre foron os extremistas do islam. Nas viñetas de Charlie Hebdo o profeta foi con frecuencia un pobre home máis ben simpático desesperado pola estupidez dos radicais: "Que duro ser amado por uns imbéciles!" exclama nunha delas.

Sobre as orientacións socio-políticas de Charlie Hebdo, Stéphane Mazurier conclúe na tese de doutoramento que dedicou á publicación: " [...] as posicións políticas de Charlie Hebdo son as dun xornal de esquerdas, pero para nada as dun xornal esquerdoso. En fin, nunha sociedade profundamente marcada pola sacudida de Maio do 68,  Charlie Hebdo está na vangarda das batallas de actualidade, como a denuncia da sociedade de consumo, a ecoloxía, o feminismo, o pacifismo, ou a emerxencia da contra-cultura. En suma, lonxe de ser unha publicación vulgar e escatolóxica, Charlie Hebdo pode ser definido como un xornal humanista" (Stéphane Mazurier, Bête, méchant et hebdomadaire. Une histoire de Charlie Hebdo (1969-1982)).

Sorprende que en España algunhas plumas presentasen o debate sobre a liberdade de expresión a raíz dos asasinatos en lugar de aproveitar para reivindicar aquí o uso irreverente da palabra que fai o xornal francés

Sorprende que en España algunhas plumas presentasen o debate sobre a liberdade de expresión a raíz dos asasinatos en lugar de aproveitar para reivindicar aquí o uso irreverente da palabra que fai o xornal francés. É posible que semellante actitude, mesmo entre os progresistas, teña moito que ver coa nosa historia, co peso de 40 anos de franquismo, co peso da Igrexa católica, co medo, consciente ou inconsciente, que nos transmitiron os pais da transición a que a liberación da palabra desemboque en violencia fratricida.

A miña solidariedade para cos 5 millóns de franceses que o día 11 reclamaban a berros na rúa o regreso de Voltaire

Pola miña parte non podo deixar de expresar a miña maior admiración ante a afouteza duns xornalistas que vivían, desde hai anos, ameazados de morte, cuxa redacción foi incenciada en 2011 polos yihadistas e que, malia todo, optaron por plantar cara. Charb, o director, que vivía escoltado, sabía ben que o seu periódico estaba decote nas bocas dos predicadores radicais, tanto en Francia como en Oriente medio, pero elixiu vivir sen medo... A miña solidariedade para cos 5 millóns de franceses que o día 11 reclamaban a berros na rúa o regreso de Voltaire.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.