Europa, Estados e Nacións

O balbordo político e mediático que acompaña a cuestión do dereito a decidir en Cataluña, ao igual que o fixo no recente referendo escocés, impide analizar e comprender as razóns de fondo polas cales neste momento coinciden no tempo varios procesos similares na Unión Europea. Nunhas xornadas celebradas fai uns días en Santiago de Compostela, encol do artellamento territorial do Estado, puidemos escoitar algunhas reflexións interesantes procedentes do ámbito académico sobre esta cuestión.

Mentres a primeira globalización fora a dos grandes imperios, o actual período de apertura económica parecería seguir tendencias opostas

Un dos traballos presentados, neste caso polo profesor Jaume Ventura, apuntaba a que o actual proceso de globalización económica, ao contrario que o que tivera lugar entre finais do século XIX e principios do XX, coincide coa aparición dun número moi importante de novos países. Mentres a primeira globalización fora a dos grandes imperios, o actual período de apertura económica parecería seguir tendencias opostas. Sen embargo, como ben apuntou o autor, a grande diferenza reside na aparición de institucións políticas e económicas de ámbito internacional que, en moitos casos, substitúen aos Estados-nacións en funcións que lle eran básicas.

Aparecerían institucións como a OMC ou o FMI que regularían as transaccións económicas cada vez máis globais ou outras de carácter militar como a OTAN, que mudan significativamente o carácter e necesidade da función estatal de defensa. Evidentemente tamén se referiu o profesor a aparición da Unión Europea, mais posiblemente por falta de tempo coido que non lle prestou suficiente atención a este fenómeno que vai moito máis alá dunha mera alianza, asumindo xa competencias fundamentais como a política monetaria e un papel moi relevante en áreas como a enerxía, agricultura ou pesca. Deste xeito, no noso caso vivimos nos últimos decenios un encollemento dos servizos que outrora prestaban os Estados, aportando así a estabilidade necesaria para os territorios e persoas de cada un deles.

No caso español isto coincide coa aparición do Estado Autonómico, no que as CCAA pasan asumir boa parte dos servizos básicos do Estado do Benestar e outras políticas sectoriais. Isto é, das tres funcións do Estado que tradicionalmente identifica a Facenda Pública, grosso modo, a de estabilización recae xa en gran medida no eido superior (UE), a de redistribución sigue nos Estados pero cada vez hai máis forzas que levan á necesidade de situala tamén en Europa (para complementar así a de estabilización) e, finalmente, a de asignación de servizos públicos reside en boa medida nos ámbitos rexionais e locais.

Evidentemente todo isto non significa a fin do Estado Nación, nin moito menos, pois sigue existindo como provedor de funcións importantes e sobre todo como espazo de referencia cultural e simbólica de forte ancoraxe

Evidentemente todo isto non significa a fin do Estado Nación, nin moito menos, pois sigue existindo como provedor de funcións importantes e sobre todo como espazo de referencia cultural e simbólica de forte ancoraxe, en moitos casos polas políticas de uniformización que historicamente o acompañaron. Mais o certo é que as mudanzas sinaladas inciden no afloramento de discrepancias territoriais alí onde estaban latentes e onde as comunidades locais foron quen de impulsar os espazos propios de referencia cultural e política. Nacións pequenas e abertas, altamente competitivas e fortemente cohesionadas. Tomemos nota tamén en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.