Feijóo'20 e a negra década neoliberal na Galiza

Festa de toma de posesión de Feijóo en 2009 © Vieiros

Detráis de cada home
está oubeando un lobo.
Un lobo que te come
e ten comesto ó pobo...”

...A túa hora é esta:
colle a fouce, meu povo,
ergue a testa, protesta
e dempois mata ó lobo”

Derradeira vontade de Fuco Buxán, Celso Emilio Ferreiro (1973). Musicado por Suso Vaamonde (1977)

O 18 de abril, se non se materializa un cambio necesario, cumpriranse exactamente once anos da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta a cabalo dos incipientes e moi contundentes efectos sociais da crise-estafa en pleno derrube do zapaterismo maila súa réplica bipartita (PSdeG-BNG) no goberno galego, co-liderada polo tándem Touriño-Quintana. De non concretarse, afrontará a súa cuarta lexislatura alcanzando no rodopío do tempo a longa etapa de Fraga e deixando unha paisaxe ben diferente á que deixou en herdanza o paternalista animal político vilalbés. Alberto Núñez Feijóo ostenta importantes cargos de responsabilidade e dirección política desde 1991, aquí no país e na Administración Xeral do Estado: Insalud, Correos, Ministerio de Sanidade…case tres décadas percorridas da man do seu mentor Romay Beccaría, figura pata negra nacionalcatólica que afonda a raigame ideolóxica na ditadura de Primo de Rivera pola banda paterna e del mesmo sendo alto cargo tardofranquista. Alguén que inda hoxe fai parte do Consejo de Estado como letrado, aos seus 86 anos. O seu verdadeiro pai político.

Como case todo o mundo coñece, mais nunca sobra refrescar, Feijóo viaxou regularmente durante anos por media Europa co capo do contrabando Marcial Dorado exercendo de número dous de ¡Sanidade!, ás ordes do conselleiro Beccaría: por aquel entón (anos 90´s) xa detiveran a Dorado na Operación Nécora e por lavado de diñeiro. Sexa isto último exemplificador do ecosistema no que nace, medra e se reproduce certa tipoloxía de elite política autóctona como a que representa o dirixente d´os Peares. Segundo describe o xornalista Nacho Carretero en Fariña, por aquel entón a estreita relación entre a criminalidade organizada e o poder político na Galiza estivera a piques de convertela nunha Sicilia ibérica. Inesquecíbel aquel titular da entrevista que El País lle fixo ao cambadés no cárcere, ao estar cumprindo condena por narcotráfico: “Siempre supe que Feijóo llegaría lejos: transmitía honradez”. Don Vito Corleone tamén é un home íntegro, se ben o miras.

É proverbial, case unha lenda xa, a capacidade innata da “caste dirixente galega” pra aferrollarse ás estruturas político-administrativas do estado. Como tamén o é a súa deserción traicioeira aos intereses das clases populares, ollando na Galiza un “territorio” a espoliar e non unha cidadanía á que servir. Posiblemente o noso maior andacio histórico. Nesa liña atribúeselle ao ditador ferrolán Franco (polo hispanista inglés Paul Preston) unha sentenza, na altura dos anos da fame: “Yo no haré la tontería que hizo Primo de Rivera. Yo no dimito, de aquí al cementerio”. E así foi. Outros despois, coma Mariano Rajoy, foron expulsados pra sempre do exercicio do poder logo dunha moción de censura que o inhabilitaba debido á implicación directa na couza da financiación ilegal e o diñeiro negro como método corrupto consubstancial á práctica habitual da dereita española desde a instauración do estado franquista. Hixiene democrática. Iso si, foran case corenta anos brincando de institución en institución ata empoleirarse na cúspide do goberno central. Nos seus comezos e anos mozos estruxara os miolos redactando aqueles afamados libelos como rotunda declaración de intencións: “La desigualdad humana” e “La envidia igualitaria”, nos cales defendía vehementemente a desigualdade como algo inherente ao ser humano e que cumpría perpetuar. Todos eles deron sempre mostra, en maior ou menor grao, de evidente sociopatía.

No 2009, logo da campaña electoral máis suxa que recorda esta terra e onde os principais poderes mediáticos e económicos desataron a súa furia contra Touriño e Quintana, ascende ao poder autonómico un perfil tecnócrata. O golpe do sector do birrete ao da boina xa se consumara no seo interno do PPdeG ante a desaparición política e finalmente física de Don Manuel. Ningún complexo o da nova dereita urbana galega, mimetizada á mantenta coa madrileña máis ca nunca anteriormente. É ilustrativo que unha das primeiras grandes apertas e felicitacións que recibe no acto da toma de posesión como novo presidente da Xunta sexa a de Ignacio Galán, homólogo seu na transnacional enerxética Iberdrola e responsable último do proxectado atentado ecocida contra o patrimonio natural dos Canóns do Sil. Unha aperta fraternal con alguén que tiña no maxín esnaquizar o espazo natural da contorna onde el naceu. Sen reparos, nin sentimentalismos…

O noso vento non é noso...e por iso temos un concurso eólico ilegal mentres renunciamos a xerar arredor de 10.000 empregos obtendo 70 millóns de euros pra os servizos públicos e aproveitando pra pagar menos na factura da luz. Somos un país excedentario no enerxético que ten os prezos ao consumo máis elevados do estado. Ou que recibe, por exemplo, as pensións máis baixas. Nalgures existe unha meiga chuchona...

Desde aquel 2009 foi recibindo aloumiños a esgalla da prensa cipaia local, até hoxe: xabón e máis xabón nos medios públicos e privados subvencionados. Na práctica é o pobo quen inviste na súa propia desinformación nun lugar onde, como sabe o xornalista Anxo Lugilde e moitas outras (“En Galicia existe un problema gravísimo de libertad de información” https://www.eitb.eus/…/anxo-lugilde-analisis-elecciones-ga…/ ), algunhas e algúns son represaliadas por denunciar a manipulación.

Feijóo foi pioneiro erguendo a bandeira da austeridade dogmática, e inaugurando un ciclo e relato de época pra todo o estado diante das esixencias aos pobos do Sur que proviñan da Troika europea. Un executor avanzado das duras políticas empobrecedoras pra grandes masas de poboación. Cos efectos petando ás portas das casas e nun país coma o noso, palabras coma austeridade, aforro e traballo duro encaixan ben de primeiras. Inda máis o fan logo da apariencia de desbaldimento que proxectaron os medios mainstream sobre o goberno bipartito: aquela reforma, mesas e cadeiras nun despacho oficial! aquel encontro furtivo nun iate cun empresario! conectaban co imaxinario e “sentido común galego” pola memoria de séculos de fortes privacións e sacrificios. Faltaba a letra pequena do conto: esa austeridade unicamente afectaría aos d´abaixo, coma sempre, a través de retalladas orzamentarias nos servizos públicos que impactaban na calidade de vida da clase traballadora. Da outra beira da península xa se coñecía a belle èpoque particular do PP de Valencia onde o motor dos beneficios duns poucos funcionaba a pleno rendemento a golpe de traxes e bolsos último modelo, jaguars, comisións en obra pública, fastuosos eventos e prebendas de todo tipo. Cousa que, como a burbulla inmobiliaria manda, antes ou despois implosiona deixando ao seu paso un escenario coma o que se viu naquela terra mediterránea. Na do tristemente desaparecido Rafael Chirbes, que describira de xeito maxistral os estragos da barbarie neoliberal e seus efectos antisociais.

Austeridade como receita e a promesa de reverter “as políticas radicais do nacionalismo galego”: nos imponen el gallego, bilingüismo harmónico e toda canta mentira e eufemismo fixese falta que xustificase comezar un proceso de analfabetización masiva na lingua e cultura propias prás vindeiras xeracións. O patrocinio da desmemoria e da desnacionalización galega desde as institucións de (cativo) autogoberno, incumprindo e deturpando o sentido último pra o que foron concibidas. Con istes dous eixos basilares, made in FAES, gañábase favores e contrapartidas fóra: mallar no noso pobo sempre foi premiado na Corte. Nesta campaña que vén agocharase, no máis posible, calquera referencia ao partido podre substituíndoa por simboloxía celta ou discurso en chave galega. Un mes. O lema: “Galicia! Galicia! Galicia!”. Cada día máis linda...

Mais a realidade é que a década negra neoliberal trouxo unha chea de consecuencias letais prá viabilidade do país que moitas e moitos aspiramos acadar: hoxe Galiza ten menor peso demográfico, económico e político que hai unha década. Hoxe o aforro das caixas (en orixe entidades financieiras de economía social, sen ánimo de lucro) foi malvendido a capital estranxeiro, privando de ferramentas propias a empresas e particulares e deixando aboado o terreo ao capitalismo máis salvaxe. Patriotas constitucionalistas violentando a letra e o espírito da Constitución da mesma maneira que fan un uso espúreo e perverso dos resortes (por poucos que sexan e condicionados que estean) que o Estatuto de Autonomía habilita pra potenciar as fortalezas do país.

As liñas mestras da súa xestión deseñáronse na primeira lexislatura: desgaleguizar Galiza. Desde aquela Feijóo limitouse a persistir nelas, con resultados realmente desalentadores por eficaces: desde o comezo da década negra neoliberal a débeda pública galega multiplicouse por sete (nun 135%), arredor dos 4.700 euros per cápita. No ano 2008 non chegaba aos 1.500 euros os que cada galega e galego debiamos. Nesta década neoliberal as provincias do interior sofreron un agravamento do proceso de perda poboacional, coa significancia que ten pró abandono e perda do patrimonio e riqueza material e inmaterial, amáis dos riscos económicos, culturais e de equilibrio territorial que representa. A masa poboacional non deixou de avellentarse (a taxa de natalidade decreceu a ritmo maior ca nos 25 anos anteriores). Ata a taxa de mortalidade se disparou nun 2% desde o 2008. A porcentaxe de risco de pobreza no país ronda o 20% e sitúase, á par de Cantabria, como a comunidade peor posicionada na franxa norte peninsular. A situación de vulnerabilidade económica de milleiros e milleiros de familias é alarmante, contando arredor de 600.000 persoas en “risco de exclusión” a finais de 2019 segundo datos-UE. Na década neoliberal a privatización e precarización da Sanidade Pública levounos a, por exemplo, dispor de dez hospitais menos. Un premeditado ataque á saúde pública asistencial, especialmente á Atención Primaria, que leva un 12% da partida destinada á Sanidade cando os expertos recomendan chegar ao 25% pra un óptimo funcionamento. O deterioro da saúde pública na Galiza non é produto do azar, se non que vén da man ben visible daqueles que a viron coma unha oportunidade de facer negocio. Aos que Feijóo deu cobertura legal e política.

Galiza encadea tres anos de desaceleración económica. Entre 2008 e 2014 destruíronse máis de 2000.000 empregos e tan só se recuperaron 97.000. Foise recuperando o saldo migratorio, mais durante estes anos emigraron moitas e moitos máis cidadáns galegos dos que chegaban de fóra...se ben é certo tamén que ultimamente melloraron cuestións como a relativa ao desemprego, na tónica da recuperación xeral. Deixando moitos temas á marxe, esta é a panorámica xeral dun país e dun pobo en “vías de extinción”, que vai resistindo como resistiu durante séculos: co poder político-administrativo na súa contra. A capacidade de travestismo político do actual presidente non é pequena e, inda que o PP estea en horas baixas, na sala de máquinas do PPdeG saben ben que o perfil sociolóxico do seu votante e potencial votante nada ten que ver co do PP en España. E tamén saben explotar as debilidades dunha oposición con dificultades pra estruturar unha alternativa necesariamente plural e multipartita, mais tamén necesariamente máis crible e cohesionada do que hoxe semella. As urnas están abertas mais, a día de hoxe e a falta da enésima campaña electoral nestes últimos tempos, é unha incógnita o feito de que vaia ou non producirse unha onda de entusiasmo popular suficiente pra derrotalo. O principal inimigo da oposición é a súa desmobilización. No entanto, Feijóo chegou ao poder coa participación máis alta da serie histórica cun 64,4%. Veremos o que acontece neste domingo de ramos que fixeron cadrar coas eleccións en Euskadi co fin de diluír a atención e o debate de ideas arredor de nós.

Non sei como estará o “estado da cuestión” alá polo 2024, mais se non se reverten radicalmente boa parte das políticas públicas neglixentes e ineficaces en tantos eidos...seguramente consolidemos de xeito temerario un modelo sustentado na perda continuada do número de habitantes e falantes do idioma, con menos publicacións e creacións culturais en galego, cun feroz devalo do sector primario (perdéronse tres de cada dez empregos) e industrial, cun desesperante desleixo e a destrución impune do patrimonio natural e material, cun despoboamento rural que, entre algúns outros, supón maiores riscos de lumes e máis virulentos, con turistificación e crecentes problemas de acceso á vivenda digna nas vilas e cidades (especialmente prá mocidade. En Vigo o prezo medio supera os 700 euros ao mes), coas múltiples agresións ao territorio que doen no peito coma navalladas, coa desatención na protección e promoción da cultura propia mentres a Cidade da Cultura continúa sendo unha saca sen fondo, continuación do espolio e permanente atraco a man armada na AP9...Así pois e con este panorama, a día de hoxe, o presidente de todas e todos os galegos permítese preguntarse publicamente porqué as mulleres da comarca de Verín teiman en querer parir en Verín. Case lles caería máis preto Ribadeo, supoño. É o mesmo señor que se preguntaba nos albores do seu mandato porqué a todas as vacas lles poñen nome de muller. 

Neste treito non todo foron derrotas...déronse moitas batallas sociais e logrouse algunha vitoria popular, como a paralización do proxecto da megaminairía contaminante en Touro por lembrar unha das máis destacadas. A idea era pulverizar as esperanzas dunha vida digna en toda unha extensa comarca, nunha agresión a gran escala á natureza e á xente sen precedentes. Mariñeiros e labregos organizados e en pé de loita esixiron os seus dereitos, produciuse a articulación da auto-organización en sectores coma o sanitario ou o dos traballadores dos medios públicos, etc...

Alén do escenario que debuxa a asfixiante política institucional, a resistencia e a espranza seguirá, coma sempre, “no abaixo”: aí é onde se tece/n comunidade/s e se acadan pequenas e meirandes vitorias. É aí onde salvagardamos a cultura e a lingua a pesar de todo ou se constrúen as alternativas e a posibilidade dun novo sentido común e dunha futura recuperación nacional cun horizonte de soberanía, xustiza e liberdade pró noso pobo. Obxectivamente urxe un cambio político que atenúe, no posíbel, todas estas eivas e “veas abertas de Galiza” nun contexto internacional tan problemático coma o que tocou vivir nesta sorte de encrucillada histórica na que asoman a orella os vermes do neofascismo.

Fronte á gota malaia da des-orde neoliberal existe esa outra Galiza progresista e a que se auto-organiza e loita: as maiores mobilizacións sindicais do estado español prodúcense aquí, así como se manifesta a forza rebelde dun vigoroso e punxante movemento feminista. No 5-A coñeceremos cal das dúas gaña no taboleiro electoral, sempre estreito medidor pra entender a complexidade da realidade física, social e política dun país tan contraditorio como sometido hoxe ás disciplinantes regras impostas pola ofensiva antidemocrática que a dereita e a ultradereita españolas quixeran reduplicar.

Ao Antón Sánchez, loitador incansable e un dos mellores representantes das clases subalternas e desa Galiza rural esmorecente e insubmisa que, no Parlamento e nas rúas, resistiu ao longo destes anos contra a maquinaria colonial, neoliberal e antigalega. Un das e dos que máis e mellor traballo de control e desgaste infrinxiron a Feijóo, primeiro con Alternativa Galega de Esquerdas, e na lexislatura que agora remata.

Antón Sánchez © Xurxo Guitián

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.