Flotel, engano ao naval ferrolán!

Foi de risa e segue sendo, a cascada de noticias sobor das promesas para o naval en Ferrolterra. Que se a VI fragata, que se flotel, dique flotante, que se gaseiros…

Todo aderezado para ser competitivos: reconversións, Zona de Urxente Reindustrialización, Zona Industrial en Declive, Plan Ferrol, convenios  con grandes custes de recortes para os traballadores. Con plans de competitividade, plans estratéxicos, industriais…, poderíamos seguir con todo tipo de nomes baixo distintos eufemismos, pero cos mesmos resultados… Nada de nada.

Navantia segue sen carga de traballo. Ferrolterra segue con perda poboacional, depresión económica. Afóndase o seu declinar

Navantia segue sen carga de traballo. Ferrolterra segue con perda poboacional, depresión económica. Afóndase o seu declinar…, as dúas administracións, únicas alternantes; socialistas e populares, non foron quen de dar saída a esta situación. Falla de vontade e incapacidade política!!!

O presidente da Xunta, Feijóo, instrumentaliza en plena campaña electoral que a situación pode reverterse coa construción dun flotel para Navantia en Ferrol…, un canto de serea. Xa van quince meses, e nada, aprazamentos. Pero o que é peor…, instala no maxín da xente que ése é o camiño para a salvación de Navantia nesta comarca. E crémolo…

Pois non, o flotel é un remendo curtopracista, explícome: tan só daría traballo durante un ano a 450 traballadores no mellor dos casos. Ferrolterra ía seguir no seu declive económico e poboacional e mesmo incrementaríase. Dado que os xestores políticos conseguirían facer ver que a xestión publica é ineficiente con respecto a privada, polas perdas que se ían ter. Pois case con seguridade devandito flotel sería adxudicado a Barreras e este subcontrataría a Navantia, co que isto supón: a baixa en custes para súa construción nesta comarca. Sabendo estes xestores políticos, que a estrutura de industria de Navantia non é a doada para facer este artefacto. É como se a Barreras se lle encargase facer o prototipo de embarcación, unha chalana, unha gamela… É este estaleiro o axeitado para este tipo de botes?

O flotel é un remendo curtopracista, explícome: tan só daría traballo durante un ano a 450 traballadores no mellor dos casos

Pois o mesmo pasa con Navantia respecto ao Flotel. Navantia Ría de Ferrol é un estaleiro pensado e preparado para facer grandes artefactos navais: dende plataformas petrolíferas, FSU (perforación, extracción e almacenamento de petróleo), FPSO (perforación,  extracción, almacenamento e refinamento de petróleo), BPE (buque de proxección estratéxica) unha pequena cidade flotante, fragatas, etc.

Pois ben, polo dito anteriormente, coa construción do flotel neste tipo de estaleiro, sería a longo prazo unha equivocación…, como se di popularmente “perderíase o calzón”. É un canto de serea. Unha vez máis os neoliberais “demostrarían” que o mellor, o máis rendible é a privada. Que non nos enganen, que non nos frustren máis!!!

É imprescindible que se levante o veto a construción civil, un dique flotante para seguir sendo puxantes no sector de reparacións navais, volver facer turbinas e abrirnos as alternativas dos parques eólicos flotantes

Foron capaces de poñernos no abismo. Queremos flotel? Menos dá unha pedra. Pero que se saiba a súa pretensión.

É imprescindible que se levante o veto a construción civil, un dique flotante para seguir sendo puxantes no sector de reparacións navais, volver facer turbinas e abrirnos ás alternativas dos parques eólicos flotantes.

De momento seguimos nas mesmas. Na de Na!!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.