Galiza nun Estado español para o século XXI

Xuntanza da Executiva do BNG despois das eleccións municipais do 28M © BNG

O escenario que deixan as eleccións municipais do pasado domingo 28 de maio abren, coido, un período interesante para o nacionalismo galego se a dirección da súa organización de referencia, o BNG, é quen de xogar con astucia as súas cartas

O escenario que deixan as eleccións municipais do pasado domingo 28 de maio abren, coido, un período interesante para o nacionalismo galego se a dirección da súa organización de referencia, o BNG, é quen de xogar con astucia as súas cartas.

Os apoios ao nacionalismo galego non deixaron de medrar nos últimos catro anos como consecuencia da súa capacidade para resistir (e ser coherente) nos peores momentos, cando as enquisas (2015-2016) prognosticaban incluso a súa saída do Parlamento galego.

Hoxe, a situación é ben distinta. O BNG ten un liderado forte que é quen de atraer cara á esfera do nacionalismo moitas persoas que antes o miraban con receo, e iso é un capital que a organización non debe desaproveitar.

Esa simpatía cara ao nacionalismo (e, se se quere, tamén cara ao galeguismo) coincide co que pode interpretarse como un cambio de ciclo político no resto do Estado. A convocatoria de eleccións xerais por parte de Pedro Sánchez para o 23 de xullo é unha medida acertada e, sobre todo, unha oportunidade de ouro para o nacionalismo galego, que a posibilidade de colocar no debate xeral a súa idea, isto é, a dialéctica entre a España do século XX e o Estado español posible do XXI.

Coido que é o momento de que as nacionalidades históricas evolucionen necesariamente cara a un Estado plurinacional ou federal (é cuestión de matices)

O Plan Ibarretxe e o Procés foron iniciativas fallidas que provocaron certa frustración entre as capas soberanistas. Coido que é o momento de que as nacionalidades históricas evolucionen necesariamente cara a un Estado plurinacional ou federal (é cuestión de matices). Ten que abrirse necesariamente ese debate, mais non sobre a falacia de que, na práctica, o Estado español xa o é polo seu suposto nivel de descentralización. Galiza, como Comunidade Autónoma, é fornecedora dos máis importantes servizos sociais (incluída a sanidade ou a educación) e, polo tanto, precisan dunha Facenda propia que, con toda a autonomía, permita atender estas necesidades. É o momento de asumir os principios fundamentais do cupo vasco. Este sistema de financiamento suporía unha mellora na prestación dos servizos sociais e tamén un achegamento ao rural galego.

Nos vindeiros comicios do 23 de xullo, polo tanto, Galiza necesita enfocar un debate que outras forzas “constitucionalistas” van intentar levar cara a outro lado

É o momento, pois, de descentralizar e de desterrar, dunha vez por todas, os mitos que espalla con tanto éxito a política madrileña que se quere extrapolar a todo o Estado. Madrid é o que é fundamentalmente pola súa condición de capital.

Nos vindeiros comicios do 23 de xullo, polo tanto, Galiza necesita enfocar un debate que outras forzas “constitucionalistas” van intentar levar cara a outro lado. A posibilidade de ter máis peso no Congreso é moi real e, para que sexa o máis forte posible, nada máis acertado, ao meu ver, que a candidatura que lidere o BNG sexa ampla e xenerosa, como vén facendo, e se abra a sectores que miran con simpatía e con convicción os postulados nacionalistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.