Iemen, ruidosa e silandeira

Iemen © Moncho Iglesias Míguez

As rúas bombardeadas de Iemen non se semellan en nada ás nosas. Nin hai Zaras nin McDonalds nin Starbucks, malia ser o lugar onde a vestimenta tradicional é colorida, onde a comida rápida se cociña devagar e onde se descubriu o café

As rúas bombardeadas de Iemen non se semellan en nada ás nosas. Nin hai Zaras nin McDonalds nin Starbucks, malia ser o lugar onde a vestimenta tradicional é colorida, onde a comida rápida se cociña devagar e onde se descubriu o café. Ata hai pouco, a xente paseaba á sombra dos rañaceos máis vellos do mundo e mercaba no zoco, sempre gorecido por sombras de teas e fumes de infusións que serpeaban por paredes orladas de vidreiras rechamantes, e comía saltah, xakxuka ou a doce asida na rúa ou en restaurantes, e tomaba especias co café ou co té sen marca. E á hora da sesta descansábase, coas bocas cheas de qat, e á noitiña enchíanse as prazas para compartir silencios ou algarabías, paseos ou brincos e xogos ou lamentos.

Porque nesa terra unha vez bautizada como Arabia Feliz, houbo un tempo para a rexouba, que hoxe só semella fosilizada en estatísticas. Por esas cifras sábese que Iemen é un país pouco máis grande que España en extensión. Situado no sur da Península Arábiga, está rodeado da area do deserto de Arabia Saudita e Omán e mais das augas do Mar Vermello e o Mar Arábigo. Ten 35 millóns de habitantes e a ONU estima que das 400.000 persoas que morreron durante a guerra que comezou en 2014, un 60% faleceu por causas indirectas como a inseguridade alimentaria e a falta de acceso a servizos médicos. Os que sobreviven precisan axuda, pois máis do 75% están en risco de contraer algunha enfermidade ou de morrer de fame. Para alén diso, todas as diferentes partes do conflito violaron os dereitos humanitarios e o mar converteuse nunha vía de escape que en moitas ocasións afogou máis persoas das que rescatou.

© Moncho Iglesias Míguez

O mar é unha balsa para Iemen, un salvavidas que ás veces se pincha e perde todo esplendor. A súa brisa calma a calor, que é abafante nos meses de verán, e os seus peixes apagan a fame e as carencias de alimentos. Amais, as praias permiten soñar coa tranquilidade doutros momentos mellores e imaxinar que a calma da illa de Socrota talvez contaxie algún día todo o país

O mar é unha balsa para Iemen, un salvavidas que ás veces se pincha e perde todo esplendor. A súa brisa calma a calor, que é abafante nos meses de verán, e os seus peixes apagan a fame e as carencias de alimentos. Amais, as praias permiten soñar coa tranquilidade doutros momentos mellores e imaxinar que a calma da illa de Socrota talvez contaxie algún día todo o país. Este arquipélago iemení, Socrota, está preto do corno de África e coñécese como as Galápagos do Océano Índico. Con todo, non é o destino preferido da poboación peninsular, que tras a guerra optou polo mar para fuxir e achegarse a países de acollida como Xibutí, onde enseguida se construíron campos de refuxiados como o de Markazi, unha vila de tendas de campaña ancoradas na paz dun deserto liberador.

Porque os rescates á xente iemení, malia seren silandeiros, tamén existen. A pesar do bombardeo continuo e dos berros constantes dos estómagos baleiros, ninguén fala da xente de Iemen, nin das cifras. E ese calar podería estar inzado de pragas de estatísticas e resolucións e promesas, tantas que poderían ocupar ránkings de convites para axudar a quen foxe de inxustizas. Xa que algunhas delas son tan grandes como o murmurio que bisba entre o fusil e a metralleta ou o eco que tamborilan os avións de guerra e que se evapora dos tanques.

Amais de cultivar café, Iemen é unha leira inmensa de asentamentos que inventaron o futuro. Bo exemplo diso é Shibam, unha urbe amurallada onde agromaron os primeiros rañaceos do mundo, nunha cidade rebautizada como a Manhattan do deserto

Os tanques, como os avións e o armamento teñen unha pasarela, irredutible dende hai anos, na noutrora Arabia Feliz, nese oasis de area horizontal e vertical adornado por palmeiras e laranxeiras reflectidas en fiestras de vidros festivos, e alimentado de augas de chuvias, ríos e mares. A día de hoxe, moitas desas cristaleiras de luz son lúgubres lembranzas dun triste cemiterio de persoas e cascallos de hospitais e edificios que simbolizan a paz e a algarada esquecida entre boureos enfrontados.

Porque antes dos aplausos e das condenas, houbo un tempo no que as escrituras enchían secuelas cos fillos de Noé e os seus descendentes, unha vez establecidos á man dereita (il-iemen) dos montes da Arabia Feliz. E deles xurdiron reinados como o da raíña de Sabá e imperios de incenso, ouro e mirra que percorreron o mundo dacabalo de lendas e historias que se contaron a ambas beiras dos plantíos do café. Pois foi en Iemen onde unhas cabras bailaron por primeira vez ao rillar nuns grans de café e alí onde se ferveron as primeiras potas da beberaxe.

Iemen é semente de fábulas, como a que explica o descubrimento do café. Foi alá polo século xv que un monxe levou uns arbustos de café de Etiopía a Iemen e elaborou un licor que facía achegarse aos deuses a quen o tomase. Amais de cultivar café, Iemen é unha leira inmensa de asentamentos que inventaron o futuro. Bo exemplo diso é Shibam, unha urbe amurallada onde agromaron os primeiros rañaceos do mundo, nunha cidade rebautizada como a Manhattan do deserto.

© Moncho Iglesias Míguez

Houbo un tempo no que as escrituras enchían secuelas cos fillos de Noé e os seus descendentes, unha vez establecidos á man dereita (il-iemen) dos montes da Arabia Feliz. E deles xurdiron reinados como o da raíña de Sabá e imperios de incenso, ouro e mirra que percorreron o mundo dacabalo de lendas e historias que se contaron a ambas beiras dos plantíos do café

Shibam, nome que fai referencia á súa altitude, é a capital da rexión máis extensa do país: Hadramut, «a morte chegou», así chamada por ter moitos mortos cada vez que había unha batalla. Cóntase que a fortificación naceu por mor das inundacións que obrigaron a xente a gorecerse das riadas. Escolleuse un cumio, a carón dun val, para así abastecerse e protexerse da auga a un mesmo tempo, amais de para albiscar o inimigo dende os seus muros. E para aproveitar o espazo, ideouse a construción en vertical, e de aí xurdiron, no século xvi, os primeiros edificios, de ata sete andares. Cuns tixolos de barro, ergueuse un labirinto habitado, con construcións pensadas para o beneficio de toda a comunidade. Así, os baixos dos edificios serviron de cortellos para os animais e as últimas plantas destináronse a centros de reunión. E para unir casas e facilitar posibles fuxidas, construíronse pontes e rodeáronse de mesquitas, escolas e todo canto era necesario.

Saná, que significa lugar fortificado, é a capital do país. Fundouna Sem, un dos fillos de Noé, ao retirárense as augas despois do diluvio universal. Por iso elixiu un val, a 2200 metros de altura, no que axiña se construíu un dédalo de adobe onde a poboación demandou necesidades que aínda se manteñen hoxe, como alfaias do pasado e regalos do presente. Aí están, en espenucas de edificios seculares, baños públicos nos que as masaxes son tan importantes como as charlas. E a estes lugares de descanso cómpre engadir unha rica ruta de cafés e salóns de té que acubillaron a mercadores da ruta Adén-Meca, amais de paisanos e investidores de incenso e ricas especias.

Durante séculos, Iemen produciu algúns dos produtos máis demandados: incenso, mirra, canela ou café, por exemplo

Porque durante séculos, Iemen produciu algúns dos produtos máis demandados: incenso, mirra, canela ou café, por exemplo. A resina que choraban as pólas e o tronco dunha árbore propia de Hadramut secábase para extraer logo incenso e mirra. Doutro arbusto obtense a canela, empregada para aromatizar carnes, evitar a súa putrefacción, e mesturar os sabores acedos e doces. O cravo e o cardamomo, sacados doutros arbustos, aromatizan os tés. E o pistacho, que é empregado en múltiples doces e que, conta a lenda, dá boa sorte a aquela parella que escoite o froito abrirse mentres está debaixo da árbore. Amais, o café logrou traspasar as fronteiras do mundo árabe e abandonou terreos de cultivo en Iemen, onde o estimulante máis prezado é o qat. As follas do arbusto que o producen son un estimulante que se masca despois do xantar e que paraliza o país nun acto social que pode durar toda a tarde.

© Moncho Iglesias Míguez

O feliz Iemen da raíña que namorou a Salomón, a raíña de Sabá, berce de civilizacións perdidas no tempo, está asolagada baixo o imperio da guerra e a ditadura do esquecemento

Así a todo, a felicidade que exportou Iemen deixou de ser marabillosa e sabían que sucedería. E ao mesmo tempo, pasan moitas cousas que se parecen demasiado ás que a nós nos acontecen: había amizades, familias, xantares, festas e funerais. Había preocupación e tamén houbo algún virus. Se levantabas a man, parabas un taxi e se tiñas coche e se estragaba, arranxábalo nun taller. Había fútbol nas fins de semana, que son xoves e venres, e tamén había baloncesto e balonmán. Pero están lonxe as súas ligas, os seus futbolíns e as súas preocupacións, que non contaxian nin fan cambalear os alicerces da nosa convivencia.

Nove anos e milleiros de bombardeos despois, o noutrora recuncho da alegría é apenas un oasis de desesperación que afoga en berros que resoan silencio. Con todo, a esperanza segue a alimentar o deserto, que devece por lugares e momentos de acougo

Porque o feliz Iemen da raíña que namorou a Salomón, a raíña de Sabá, berce de civilizacións perdidas no tempo, está asolagada baixo o imperio da guerra e a ditadura do esquecemento. Nove anos e milleiros de bombardeos despois, o noutrora recuncho da alegría é apenas un oasis de desesperación que afoga en berros que resoan silencio. Con todo, a esperanza segue a alimentar o deserto, que devece por lugares e momentos de acougo.

As rúas non bombardeadas de Iemen nunca se semellaron en nada ás nosas. Non había vendedores de melanina, porque tampouco esta era precisa. Nin había vídeos virais nin selfies nin tápers para ir ao traballo ou á escola. Agora tampouco, porque non hai luz a maior parte do día nin conexión á rede nin recreos entre as clases, nin traballos sequera. Seica non é máis cá imaxe non fotografada dun oasis agochado no deserto da Península Arábiga e non hai acceso ás súas terras ou xa non hai a quen lle interese conquistalas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.