Inicio do curso político

Senllos anuncios de actos de inicio o curso político en setembro, alegran a vida dos galegos e galegas. Como se en agosto parasen. Mais é moi significativo da forma de facer política dos partidos en Galicia, escenifican o inicio de actividades políticas rendindo pleitesía ás súas casas madre no Estado. Máis que un acto de reforzo da autonomía política galega é un acto de escenificación de  que a doma e castración segue moi presente na actualidade. Queda moi bonito engadir o G ó nome, máis a dose de dependencia é moi grande. É tan significativo que o PSOE e o PP contraprográmanse os actos o mesmo día, pensando so na política de Estado e nada na Nosa Terra.

Mentres as franquicias galegas non se sacudan esta forma de actuar, non poden afirmar que acreditan no autogoberno galego. Temos que entender dunha vez por todas que temos que decidir nós para que Galicia ocupe o lugar que lle corresponde na configuración do Estado e de Europa, sen teimas de independencia, para iso está quen está e se relaciona con Bildu e a CUP.

Porén, xa que veñen, imos darlle algúns recados e deberes para este novo curso político:

  • Deixen de enredar coa investigación de Angrois e desfagan a súa entente por dignidade.
  • Non constitúan unha nova entente no Marisquiño.
  • En Galicia no tema dos portos somos iguais que valencianos e asturianos.
  • Deixen vir algunha das moitas competencias que temos sen entregar.
  • Traballen en Madrid para a total aplicación do Estatuto de Galicia.
  • Traballen para que se ordene o tema aeroportuario.
  • Conten con galegos do sector na negociación da PAC.
  • Conten con galegos do sector na política pesqueira.
  • Non xoguen co AVE.
  • Empecen a falar xa dunha compensación de débeda histórica para Galicia.
  • Protexan a riqueza que supón ter idiomas propios.
  • Fomenten a eurorexión con Portugal e as relacións coa lusofonía.
  • Fagan algo co Centro Galego de Bos Aires.
  • Fagan algo con Sargadelos.

Isto é só para este primeiro trimestre de curso, Galicia precisa moito máis, Galicia precisa tamén políticos que non teñan que dar novidades fora, e que non dependan na súa acción das políticas de Estado borbónicas e centralistas.

Un cansa de que veñan a Galicia a actos do seu partido para xantar polbo con cachelos, a falar de Cataluña e a pouco máis, mentres os franquiciados aplauden.
Por certo, coido que os de C´s Galicia, están pensando en  por un lazo amarelo a toda a Muralla de Lugo como rechamo para que veña o líder ó seu inicio de curso, imos vendo.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.