“Non me convenza, emocióneme”

Máis aló das matemáticas electorais, da política ficción dos “que pasaría se?”, “que pasaría se Podemos tivera ido con Izquierda Unida?”, “que pasaría se En Marea tivera ido con Nós?”, “que pasaría se tiveramos circunscricións electorais grandes que posibilitaran un reparto de escanos máis proporcional?”, é o momento de facer balance, e non só dos resultados, senón da intensa campaña electoral que acabamos de pechar.

Xa ninguén dubida que acabamos de asistir a unha campaña histórica, non só era grandilocuencia comparar este momento con 1978, vendo os resultados podemos afirmar que a historia política en España e en Galiza, xa mudou. Xa non serán dous, senón catro, ou mellor, dez, dez partidos con representación parlamentaria que van contar. Porque co axustado dos números a cámara vai ser o que algúns esqueceron hai décadas, un espazo de discusión e encontro, de diálogo, de negociacións, de buscar consensos, en suma, o espazo da política. Falan do risco da inestabilidade, escusas de mal perdedor, porque en vez de inestabilidade tamén podían falar de diversidade, de diálogo, de construír xuntos, de sumas e non de restas, xa non hai unha maioría clara que poda impoñer o seu criterio ás minorías, e iso supón, sobre todo, un gran paso de calidade democrática.

Calidade democrática, tamén, porque neste novo Parlamento van entrar máis mulleres que nunca, serán case o 40%, e rozarán o 50% no caso dos representantes de Podemos. E democracia radical porque moitos dos asentos do hemiciclo van estar ocupados por cidadáns, persoas normais, coma ti, coma calquera de nós. Persoas que decidiron que era o momento de autoorganizarse, de dar un paso adiante, profesores, parados, xuízas, traballadoras sociais,  escritoras, activistas... que non só van dar un toque de color e frescura necesario ó parlamento español, senón que van poñer sobre a mesa os temas que nos interesan: desafiuzamentos, recortes sociais, dereitos constitucionais, corrupción, desemprego e encima poden facelo coa sensibilidade que outorgan idiomas distintos: galego, catalán, euskara, castelán, e todos traballando por un obxectivo común, que a política volva poñer ós cidadáns no centro.

E non só gañamos en calidade democrática. Este proceso, iniciado xa polo 15M, supuxo tamén ilusión e emoción. E isto non é menor. “Non me convenza, emocióneme” dicía Toni Puig, experto en comunicación política. Porque chegados a este punto todos sabemos, máis ou menos, de que lado estamos, que valores compartimos e que cor nos gusta máis, pero había tempo que ninguén conseguía facer soñar. E neste proceso tivemos moitas ocasións de emocionarnos, primeiro coa xente que quería facer algo, miles de persoas que querían contribuír, no que fose preciso a cambiar as cousas, e logo políticos novos que nos regalaron frases para o recordo, que nos fixeron crer que era posible, e centos de miles de persoas que nos bares falaban de política por primeira vez, e finalmente onte, vendo a miles de persoas que acudiron ás urnas ilusionados, convencidos que esta vez si, que esta vez era diferente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.