“Que veñen os rusos!” Unha historia sobre a propaganda

Armand Mattelart, sociólogo e experto en comunicación, advertía nunha das súas máis recentes entrevistas que “a existencia dun gran número de medios de comunicación non asegura de por si a existencia dunha maior liberdade ou pluralidade, senón que pode favorecer unha máis fácil manipulación da masa”. Vendo a situación pola que está a pasar o xornalismo en España, non podemos máis que asentir ante esta afirmación. Cada vez é máis abafante a falta de independencia dos medios de comunicación, palpable na transmisión de todas as noticias. Pero España non é única neste fenómeno, pois en Europa e nos EEUU a situación é bastante similar.

“A existencia dun gran número de medios de comunicación non asegura de por si a existencia dunha maior liberdade ou pluralidade, senón que pode favorecer unha máis fácil manipulación da masa”

De feito, en EEUU un xornal como o The New York Times, que moitas veces serve de correa de transmisión da información da que se fan eco moitos medios en todo o mundo, foi o lugar de vulgares manipulacións e mentiras que vestían de información cando eran simple propaganda. Ben lembramos as armas de destrución masiva que este xornal afirmaba estaren no poder de Sadam Husseim (2002) ou diversas informacións falseadas sobre o tema de Siria (2013). Ambas as dúas novas foron asinadas polo xornalista Michael Gordon. Estas novas erróneas foron obxecto de retractación e da promesa de “comprobarmos mellor as fontes”. Pero parece que non foi así.

Este mesmo xornalista de novo tivo que retractarse por unha información publicada recentemente na que confirmaba en exclusiva a presenza de soldados rusos en Ucraína. A noticia, publicada por diarios de prensa escrita e retransmitida por radio e TV de todo o mundo, estaba baseada nunhas fotografías que chegaron á redacción do New York Times a través do Departamento de Defensa dos Estados Unidos. Finalmente resultaron ser falsas.

O Goberno de EEUU está ávido de argumentos para seguir adiante coa súa escalada militar e de sancións fronte a Rusia (como nos outros dous casos de ambiente pre-bélico en Irak e Siria), buscando na propaganda a súa xustificación

Parece que o Goberno de EEUU está ávido de argumentos para seguir adiante coa súa escalada militar e de sancións fronte a Rusia (como nos outros dous casos de ambiente pre-bélico en Irak e Siria), buscando na propaganda a súa xustificación. Neste mesmo sentido, Chomsky sinala que “é necesario reunir o apoio da poboación nas aventuras exteriores. Normalmente a xente é pacifista, tal como sucedía durante a Primeira Guerra Mundial,  xa que non ven razóns que xustifiquen a actividade bélica, a morte e a tortura. Por isto, para procurarse este apoio hai que aplicar certos estímulos; e para esa estimulación hai que asustar a xente”.

Os xornalistas serven de “relacións públicas”, que diría George Orwell, publicando o que máis interesa ao poder, con independencia da súa veracidade

Vemos como os xornalistas serven de “relacións públicas”, que diría George Orwell, publicando o que máis interesa ao poder, con independencia da súa veracidade. E no caso do conflito de Ucraína está moi clara a burda manipulación informativa.

En España dun xeito especial, estamos a asistir a unha perversión da realidade a respecto deste tema; de tal xeito que moitas veces as opinións, os prexuízos e a propaganda comezan a confundirse coa mesma realidade/información. De feito é moi común escoitar en radio e TV supostos expertos que comparan Putin con Hitler ou que din (como ocorreu a pasada fin de semana nun medio radiofónico) que “as ansias expansionistas de Rusia veñen dadas polo exceso de vodka”. Non é que estes argumentos sexan obscenos, senón que carecen de seriedade argumental porque o único que se persegue é demonizar Putin, e “legalizar” e “argumentar” a postura de EEUU e da UE (apoiando grupos neonazis).

Con independencia das críticas que a nivel interno suscite a democracia rusa, o certo é que neste conflito de Ucraína, non está xustificado que o tratamento mediático estea marcado por unha linguaxe máis propia da Guerra Fría que do momento histórico que estamos a vivir. Pervértese a realidade dos feitos, para convencernos de que Rusia está ameazando a paz e a convivencia en Europa. Todos a unha ao berro de: “Que veñen os rusos!”

Se escoitamos con atención os medios de comunicación, chegaremos á conclusión de que foi Rusia a que comezou o conflito porque quere invadir Ucraína: pero nos medios advirten que Putin non só quere apropiarse de Ucraína senón tamén de Europa.

Despois do golpe de Estado, a incoherencia dos EEUU e da UE deixa moi claras as intencións reais desta “revolución” que dende logo está moi lonxe de mellorar a calidade democrática en Ucraína

Ata o momento foron a UE e os EEUU os que abertamente estimularon e apoiaron unha “revolución” conformada en gran parte por forzas neonazis (financiadas algunhas delas con cartos de EEUU), para subverter a orde democrática. Despois do golpe de Estado, a incoherencia dos EEUU e da UE deixa moi claras as intencións reais desta “revolución” que dende logo está moi lonxe de mellorar a calidade democrática en Ucraína. Podemos sospeitar que Ucraína (e en especial Crimea) é (era) ideal para a instalación de bases militares da OTAN, sumándose a outras xa instaladas noutras rexións pertencentes á elite da antiga Unión Soviética. A OTAN e EE.UU. están organizando actualmente a máis ampla concentración de armas e combatentes no Cáucaso dende a II Guerra Mundial.

En todo caso, como xa advirten diversos analistas, no caso de que Rusia dea respostas ás sancións impostas, os máis afectados serían os Estados da Unión Europa, mais non así os EEUU, que verían neste peche de relacións comerciais con Rusia unha opción de negocio en Europa.

Pero seguindo co tratamento mediático desta crise e pasando á suposta revolución do Maidán, que derrocou un goberno elixido democraticamente e que gañou as eleccións con 12 millóns de votos (con un millón de votos de distancia a respecto do segundo candidato). Para os medios de comunicación, o goberno lexítimo é un goberno autoproclamado, non apoiado en ningún resultado electoral. Chega con que UE e EEUU poñan o selo de “democrático”. Así, EEUU non fala da ditadura de Arabia Saudita (onde non se respectan os mínimos dereitos elementais pero é un estado amigo) mentres esixen sancións contra outras nacións que interesan. Nos medios de comunicación non houbo nin unha soa mención ao Golpe de Estado, que mediante o uso da neo- lingua se converteu en revolución.

Os medios tamén outorgan toda a lexitimidade a un goberno saído dunha revolta violenta, non avalado polas urnas e que está a levar a cabo políticas tan polémicas como eliminar a oficialidade do idioma ruso en certas zonas de Ucraína

Os medios tamén outorgan toda a lexitimidade a un goberno saído dunha revolta violenta, non avalado polas urnas e que está a levar a cabo políticas tan polémicas como eliminar a oficialidade do idioma ruso en certas zonas de Ucraína, cando é a lingua propia de preto dun 36% dos ucraínos (segundo datos da Institute of Sociology of the National Academy of Sciences de Ucraína) e levando a cabo unha auténtica persecución da cultura rusófona.

Outro aspecto interesante é saber por que aqueles rebeldes do Maidán que derrocan un goberno democrático son “liberadores e demócratas” (a pesar do seu corte neonazi) mentres os pro-rusos que apoiaban o presidente deposto (e que están a defenderse dos ataques do novo goberno) son terroristas. Que diferenza hai para falar duns como liberadores demócratas e doutros como terroristas?

Isto son soamente algúns dos exemplos que de xeito superficial pode percibir un espectador crítico coa información que recibe. Pero o tema de Ucraína non é o único ámbito no que a falta de pluralidade dos medios de comunicación é rechamante; bastou ver o tratamento das revoltas violentas en Venezuela, ou falando en clave da política española o tratamento das Marchas da Dignidade ou a transmisión do discurso oficial a respecto da saída da crise e a recuperación económica.

“A verdade é o que é, e segue sendo verdade aínda que se pense ao revés” (Antonio Machado)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.