"Maricón de merda"

"Claro que es marica, pero mira cómo camina!". "Eh tú ven aquí! ¿Eres maricón?". Cantas e cantos tivemos que escoitar nos anos de instituto cousas así, coñecemos o que é o aillamento nos recreos, as risas ás nosas costas, os desprezos por camiñar non sei de que extraña maneira, por ter máis amigas que amigos, por non xogar ao futbol nin ter destreza ao baloncesto...Canto tempo perdido e canta ansiedade consumida en atravesar as grosas portas dos armarios da ocultación. Qué altísimo prezo pagado tantas veces por levar adiante unha vida libre e coherente cun mesmo e cos demais. Ainda así, somos verdadeiros privilexiados quen vivimos a aceptación propia e allea da nosa orientación sexual como unha longa carreira de obstáculos, pero acadamos a satisfacción de algo tan sinxelo e ao tempo tan difícil: ser quen de vivir como somos.

Moitos dos que fumos adolescentes nos 90, atravesamos a xuventude e entramos na idade adulta nos 2000, vivimos os anos emerxentes dunha sociedade cada vez mais tolerante. Con amplísimas excepcións, con moitísimos casos de discriminación, agresións, acoso. Pero daba a impresión de que o conxunto da sociedade avanzaba en valores democráticos. Cando un lembra os anos de universidade lembra como deixou atrás unha Pontevedra bastante escura e  coñeceu un Santiago aberto e tolerante. Pero chegou a CRISE.

"Te crees el dueño de la calle, maricón de mierda". "Sidoso de merda, ainda me vas contaxiar". Acoso, intimidación, agresións, persecución, ameazas de morte. Isto pasou en Santiago no 2016. E na mesma semana outra agresión de sospeitosos tintes xenófobos.

E cando ducias de persoas nos concentramos no Obradoiro contra a LGTBIfobia temos que facelo ao tempo contra o terrorismo machista que volve a atacar. É terrible só pensar que ás constantes concentracións de rexeitamento dos asasinatos machistas teñamos que engadir cada vez con máis frecuencia actos de condena de máis ataques homófobos, xenófobos ou por calquera tipo de odio ao diferente.

Por iso poñámonos a traballar para previr. Sexamos escrupulosamente intolerantes con calquera manifestación machista, homófoba ou xenófoba. Na rúa ou nas redes sociais. Nos centros de traballo ou nos lugares de ocio. Nin xustificación nin restar importancia. Fagao quen o faga. Afastemos dunha vez as inútiles e vellas motivacións políticas e sectarias. Movámonos para rexeitar e condenar, pero tamén e por riba de todo para esixir unha xustiza contundente e uns gobernos que cumpran coa obriga non só de apoiar senón de dotar recursos para executar medidas co fin de previr actitudes e accións de homofobia e polo tanto garantir o dereito de todas e todos os cidadáns a vivir seguros e libres.

Non pode ser que a parella agredida esta semana en Santiago se estea a plantexar abandonar a cidade. Sería un signo terrible e unha mensaxe demoledora: os agresores ainda non foron chamados pola xustiza e os agredidos xa están pensando en fuxir da cidade porque non poden vivir tranquilos.

Tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Santiago teñen as ferramentas legais aprobadas no Parlamento e no Pleno para lanzar a mensaxe real e a máis efectiva ás vítimas das agresións coñecidas e ás que non se sinten seguras para denunciar: non estades sólos. Por iso pedimos que o Concello se persoe xa como acusación particular nesta e  en tódalas causas de agresións por LGTBIfobia. Mentres a Xunta non deixe de estar en mans do PP pouco ou nada podemos agardar, só seguir berrando ainda que sexa no deserto da indiferencia. Non pode ser así nun Concello que se proclama aberto e no que semella cada vez máis que estamos a vivir unha prolongación dunha noite de pedra que xa está a durar demasiado tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.