Mirar cara adiante

A astrónoma Henrietta Swan Leavitt Dominio Público

O momento no que se vive, sempre é o mellor do mundo. Ou tamén podemos dicir que Todo tempo pasado foi peor. Non son afirmacións particulares. Certamente, escoitamos a persoas maiores evocar a xuventude, incluso a infancia. Quen me dera volver a aqueles tempos…hai quen di. 

Escribo desde un punto de vista social e científico. Neste aspecto hai un avance, unha evolución, que nunca se detén. Á marxe de saudades persoais, a verdade é que se vive hoxe mellor que antes. 

A Terra móvese, xira sobre si mesma e arredor do Sol, a nosa estrela. Nesa órbita que fai, temos calor cando está máis preto do Sol e frío cando está máis afastada. O que teimou Galileo para demostralo! Lembrade. Case lle custou a vida. Porque o poder eclesiástico dicía que a terra non se podía mover. Todo, como as súas ideas, eran firmes. Dogmas inamovibles. Deus arriba, o inferno, aos nosos pés. Se a terra se movese, todo o pensamento se viría abaixo. 

Obrigaron a Galileo a desdicirse. E piu se move, dicía pola calada. Móvese, teimaba, Galileo porque estaba seguro da súas observacións. 

Hoxe sabemos moitísimo máis, non só da terra, senón do Universo, onde todo se move. Da nosa Galaxia, e outras e outras. O universo está en expansión. Henrietta Leavit, brillante astrónoma, unha xudía máis no mundo científico, descubriu a forma de medir as distancias a galaxias moi afastadas. Revolucionou a astronomía. Lauren Gunderson, na obra de teatro Silent Sky, conta a súa vida e a loita titánica para ser unha científica no seu tempo. Estes criterios retrógrados tamén se moveron. 

Ampliouse enormemente o coñecemento, e a técnica elaborou uns telescopios con máis alcance e precisión. Incluso podémonos permitir buscar o planeta idóneo, noutra Galaxia. A estrela máis próxima ao Sol é Próxima Centauri, a 4’2 anos luz da Terra. Un dos planetas que orbitan esta estrela, parece que ten unhas condicións similares ao noso. Como só se encontra a uns 40 billóns de kms de nós, a un tiro de pedra a escala cósmica, sería o ideal para instalarnos nel cando a terra se volva inhabitable.

E haberá, daquela, quen evoque os seus anos pasados na Terra!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.