Non era só Cataluña

Pese a que esforzos non faltaron, tanto dende Madrid como dende Cataluña, o tema central desta campaña non foi a chamada cuestión territorial, senón os problemas que preocupan á meirande parte dos cidadáns: os da vida. Así, Mas non puido devolverlle o favor que Mariano lle fixera tres meses antes, xa que neste caso non conseguiu focalizar a campaña electoral. En parte, porque a irrupción de Podemos na pugna electoral rachou a retroalimentación dos nacionalismos central e periféricos, situando o momento político na superación dese impasse que estaba sendo letal para a cidadanía.

A cuestión territorial estivo si, a súa importancia non pode desdeñarse, menos aínda se centramos a ollada nos resultados de Podemos e as súas confluencias en Cataluña e Euskadi, pero as chamadas forzas do cambio deron a oportunidade, tanto a nacionalistas, como a non nacionalistas, de falar doutras cousas. Deste xeito, a formación morada foi quen de ampliar a axenda política e rebordar o monotema catalán dos últimos meses.

Primeiro, porque Podemos puxo o foco nas cuestións sociais: as garantías constitucionais para os dereitos, o desemprego, a corrupción, a situación económica, os desafiuzamentos, a pobreza enerxética, a emigración crecente de mozos e mozas do país, xa saben, eses temas que nos preocupan cada día, en Galiza, en Cataluña, en Euskadi, ou en Madrid. E en segundo lugar, porque propuxo unha fórmula nova de entendemento, unha alternativa democrática que axude a superar o anquilosado debate entre independentistas e “unionistas”. Unha saída que parte do recoñecemento da realidade plurinacional do estado, e que avoga polo dereito a decidir para que os pobos de España podan escoller cal é o encaixe xurídico que precisan. Convocar un referendo, pero apostar por gañalo con un si a permanecer xuntos; un proxecto que non fala de ruptura, senón de recomposición; unha proposta de unidade baseada no desexo das xentes de construír unidas. En definitiva, unha proposta que supón unha saída viable para os seus votantes máis nacionalistas, e un descanso para o resto do electorado.

A irrupción de Podemos en Galiza, e a súa configuración en torno a En Marea, máis o seu rápido ascenso amosan, por unha banda, a existencia dun espazo político que non acababa de atopar representación na estrutura de partidos existente (en Marea sumou 125.082 votos máis dos que perderon o PSOE, o BNG e EU xuntos) e que reclamaba unha axenda política novidosa, non necesariamente nacionalista, e con propostas concretas para dar resposta á situación de crise e emerxencia social, tanto no conxunto do estado como na nosa comunidade. E por outra, a súa capacidade para sumar e converter en forza transformadora e institucional o capital político acumulado, antes e despois do 15M, por parte de movementos sociais e instrumentos políticos previos, como AGE (nas eleccións europeas de 2014, dous anos despois do nacemento de Alternativa, Podemos xa case a igualou en votos en Galiza). Nun momento de espertar tanto da contestación social como institucional, Podemos capitalizou o descontento existente co firme propósito de transformar a indignación (dispersa, fragmentada e desenfocada) en proposta de cambio para conquistar o poder político. E todo iso nun tempo absolutamente récord.

En apenas uns meses, as Mareas acadaron o poder en tres das principais cidades galegas. Deste xeito, alcaldes como Xulio, Martiño ou Jorge, forman parte da coñecida nómina de "alcaldes rebeldes" que xunto con Ada, Manuela ou Kichi, por citar algúns, levan algo máis de medio ano demostrando que si que se podía, que era cuestión de vontade política facer as cousas doutro xeito. Na mesma liña, os resultados electorais do pasado 20D, situaron a En Marea como a segunda forza do país, conseguindo un grupo parlamentario propio en Madrid, e, ademais, facendo visible a existencia dunha alternativa factible ó turnismo PP-PSOE para o futuro goberno da Xunta de Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.