Non viven neste mundo

Eu non son economista. Eu son un simple estudante de Educación Social e repartidor de comida a domicilio. Comecei a traballar cando estoupou a crise e toda a miña vida laboral está baseada na inestabilidade e mera subsistencia. Son, basicamente, un máis desta nova clase social chamada “precariado”, termo acuñado polo profesor Guy Standing. Quería aclarar isto para que se entenda que falo dende a mera experiencia vital, pero, como case calquera, sei identificar cando as cousas non van ben.

A recente negociación entre Unidos Podemos e o PSOE sobre unha suba de impostos ás rendas máis altas fixo que me atope escribindo estas liñas. A proposta de Unidos Podemos consistía nunha suba de impostos ás rendas superiores a 60.000 € ó ano. Mirándoo ben, 5.000 € brutos ó mes non é un mal soldo. É 10 veces o que gaña de media un repartidor de comida a domicilio. O goberno negouse a negociar con respecto a esa cantidade e estableceu o solo sobre o que aplicar a suba fiscal en 150.000 € anuais. Quen cobre esas cantidades estará gañando, como mínimo, 12.500 € brutos ó mes. Vós coñecedes a alguén que cobre esa cantidade? Eu, polo menos, non creo.

Segundo os datos de Gestha, esta suba só afectaría ó 0,46% dos declarantes, 90.788 contribuíntes exactamente. E namentres, centos de miles de millóns de euros seguen en paraísos fiscais grazas á “enxeñería” que fan as grandes empresas e fortunas do Reino de España.

Todo isto levoume a pensar que temos un problema moi serio: as persoas que toman as decisións políticas de maior relevancia no estado español non viven neste mundo. Non viven no mesmo mundo no que o soldo máis habitual non chega ós 1.000 € netos. Non viven no mesmo mundo no que a cifra de traballadoras e traballadores pobres cada vez é maior. Non viven neste mundo, porque de vivir nel, a negociación tería sido ben distinta.

O pouco que se poda recadar coa modificación do IRPF, aproximadamente uns 400 millóns en todo o Reino de España, só chega para cubrir pouco máis da metade do orzamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. En definitiva, seguimos financiando un modelo de demostrada ineficacia e a poboación segue na corda frouxa sen ningunha rede de seguridade debaixo.

E onde quedou o imposto á banca? Cando lin a nova de que o goberno quería implantar un imposto á banca veu á miña cabeza a imaxe do “Lenin de Tetuán” do que falan os humoristas Facu Díaz e Miguel Maldonado (No Te Metas En Política) cando refírense a Pedro Sánchez. Pero a miña ilusión durou pouco.

Coma sempre, a pouca valentía deste feble goberno acabou por eliminar esa posibilidade. E non era unha idea peregrina, xa que ata o FMI, que non é sospeitoso de esquerdista, recomendou este imposto para subsanar os danos causados por esta banca depredadora que nos levou ata aquí.

Precisamos un PSOE que non sexa un instrumento para as elites. Precisamos un goberno que faga política, que confronte a aqueles que nos levaron a esta situación. Recoméndolles que escoiten a Thomas Piketty, economista francés que asesorou ó Partido Socialista francés nas últimas eleccións presidenciais. Piketty defende que cando a taxa de retorno do capital é maior que a taxa de crecemento dun país, a riqueza concéntrase e a desigualdade aumenta. É precisamente o que está a pasar.

A xustiza social só será posible a través dunha redistribución efectiva da riqueza. De non ser así, rematará pagando, coma sempre, a clase traballadora. Por este motivo a Renda Básica Incondicional xorde con forza, porque con vontade política seremos capaces de crear un sistema fiscal solidario e efectivo que financie esta idea e forneza o Estado de Benestar, do cal a Renda Básica só é unha parte.

Para acadar o dereito a unha existencia digna de toda a cidadanía precisamos que aquelas persoas que nos representan vivan no mesmo mundo no que vivimos o resto.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.