O asalto á vivenda

Coa democracia exhausta, o Estado en liquidación e a sociedade en shock, esta nave á deriva na que a treboada neoliberal converteu o sur de Europa agarda a acometida final do gran capital. O Partido Popular, ese cabalo de Troia que a oligarquía meteu nas institucións coa complicidade consciente ou inconsciente de millóns de cidadáns, abriu definitivamente as portas de par en par ao saqueo dun sistema de benestar social que é patrimonio colectivo e que supón o máis gorentoso menú para quen manexa os fíos do mundo baixo a máxima de que onde hai unha necesidade hai un negocio.

Abonda unha ollada retrospectiva sobre o drama que viviron os pobos latinoamericanos nas últimas décadas do século pasado para vermos a fotografía nidia do futuro que o neoliberalismo trae desta volta á beira oriental do Atlántico

Abonda unha ollada retrospectiva sobre o drama que viviron os pobos latinoamericanos nas últimas décadas do século pasado para vermos a fotografía nidia do futuro que o neoliberalismo trae desta volta á beira oriental do Atlántico: reducido o Estado á súa mínima expresión, relegado ao papel de pagador disciplinado da débeda privada nacionalizada e de matón e sicario a soldo do capital transnacional, a prestación de educación e saúde, a concesión das pensións, a provisión de transporte e vivenda e a xeración e distribución da enerxía quedarán subordinadas de xeito exclusivo á lóxica esmagadora da maximización do beneficio económico dunha elite depredadora e reaccionaria. Os pobres serán máis pobres, os ricos serán máis ricos e unha escasa clase media asalariada, paranoica, asediada e aterrorizada loitará por non caer na pobreza e diferenciarse dos desherdados, sosterá en solitario cos seus impostos as ruínas do Estado e porá -agradecida ou resignada- o seu tempo, a súa enerxía, o seu coñecemento e o seu talento -e en definitiva a totalidade da súa anodina e deprimente existencia- ao servizo desa elite vilmente enriquecida, rebosante de propiedades e carente de escrúpulos, e do seu noxento modelo de explotación.

Se ben a deriva neoliberal ameaza por igual a todos e cada un dos elementos da estrutura do benestar que contribúen á xustiza social, centrareime nas implicacións das dinámicas económicas e políticas dominantes sobre o eido da vivenda e nalgunhas das medidas que como pobo asfixiado pola crise deberíamos esixir para evitarmos o suicidio colectivo.

O capital non interpretou nunca a vivenda como un dereito. Para o sistema hexemónico, a produción inmobiliaria é unha máquina de xeración e acumulación de plusvalía

O capital non interpretou nunca a vivenda como un dereito. Fóra de retóricas baleiras deseñadas en recoñecidos think-tanks e difundidas en prestixiosos xornais, a vivenda non tivo nunca un lugar nin sequer dentro da perversa apropiación que o neoliberalismo fixo dos dereitos humanos; para o sistema hexemónico, a produción inmobiliaria é unha máquina de xeración e acumulación de plusvalía. Nos anos da burbulla inchada por Aznar e sostida por Zapatero até que lle estoupou nos fuciños, esta histórica apropiación capitalista da vivenda estivo acompañada pola utilización masiva por parte da clase media do sector inmobiliario como reserva de valor, froito da magnificación que as dirixencias políticas, os poderes económicos, os medios hexemónicos de comunicación e as institucións crediticias fixeron da aspiración cultural española á vivenda en propiedade.

A política habitacional estatal aparentemente máis progresista nas últimas décadas foi aquela efémera Renda Básica de Emancipación de Zapatero, que na práctica non era outra cousa que a transferencia de cartos públicos aos insaciábeis petos dos propietarios rendistas

A política de vivenda española -que como é habitual sofre unha distribución competencial confusa froito da resistencia do goberno central a ceder integramente ningún dominio- vén sendo tradicionalmente, de xeito máis ou menos explícito, unha apoteósica e entusiasta celebración do dereito á propiedade privada e ao negocio, alén dunha das mostras máis claras de que as diferenzas entre os dous grandes partidos españois no eido económico están entre o sutil e o imperceptíbel. A política habitacional estatal aparentemente máis progresista nas últimas décadas foi aquela efémera Renda Básica de Emancipación de Zapatero, que na práctica non era outra cousa que a transferencia de cartos públicos aos insaciábeis petos dos propietarios rendistas aos que Marx e Engels adicaran no Manifesto comunista as seguintes palabras: “E cando a explotación do obreiro polo fabricante xa deu o seu froito, e aquel recibe o seu salario, caen sobre el os demais representantes da burguesía: o caseiro, o tendeiro, o prestamista, etc”.

É deprimente pensar que a única política transversal no eido habitacional en España nas últimas décadas teña sido a promoción oficial da depredación do territorio e do endebedamento hipotecario das familias, cos resultados físicos, económicos e sociais que todos coñecemos

Lamentabelmente, citar o Manifesto considérase hoxe rancio e desfasado, pero o certo é que cando nos meus primeiros meses como traballador remunerado tiña que destinar o 40% do meu soldo mileurista ao pagamento do aluguer do meu minúsculo piso -excluídas as facturas de auga, gas, electricidade, recollida do lixo e alumeado público, teléfono e internet- resultábame radicalmente actual e sentíame explotado, roubado e desposuído. Pero fóra dos desafortunados experimentos de Zapatero, a ausencia aparente de políticas de vivenda durante tantos anos foi e é unha política en si mesma, erixida sobre o principio neoliberal do laissez-faire e da renuncia do Estado a exercer o control sobre os excesos do mercado. É deprimente pensar que a única política transversal no eido habitacional en España nas últimas décadas teña sido a promoción oficial da depredación do territorio e do endebedamento hipotecario das familias, cos resultados físicos, económicos e sociais que todos coñecemos.

A nivel galego, a única excepción no ermo habitacional que vén sendo a Xunta foi aquel bipartito que poucos quixeron e queren defender e poucos souberon e saben valorar

A nivel galego, a única excepción no ermo habitacional que vén sendo a Xunta foi aquel bipartito que poucos quixeron e queren defender e poucos souberon e saben valorar. En 2005 o nacionalismo puxo en marcha un traballo coidadoso, integral, ambicioso e de calidade que se viu tristemente truncado en 2009 pero supuxo un enfrontamento valente e necesario entre o poder político e o económico. Durante os escasos catro anos que durou a Consellaría de Vivenda e Solo realizáronse proxectos de rehabilitación urbana baseada na vivenda social en réxime de aluguer, implementáronse políticas responsábeis de xestión do solo, avanzouse no regulamento da vivenda rural, construíronse vivendas de protección oficial e elaboráronse as innovadoras Normas do Hábitat que introducían na planificación habitacional elementos fundamentais na liña do dereito á vivenda digna intervindo, regulando e dotando de maior transparencia a un sector tan opaco, escuro e de obscenas plusvalías como é o da promoción inmobiliaria, cuxa avaricia, irresponsabilidade e conexións políticas se revelan hoxe, no seu proceso de crise e descomposición, con extrema crueldade. A política habitacional progresista posta en marcha polo Bloque durou o que durou o bipartito, e cando acordamos o Partido Popular destruíra todo o realizado e nos transportara de novo, desandando o camiño, ao ermo habitacional no que hoxe seguimos instalados.

A saída non a atoparemos na dación en pagamento; o que cómpre é determos definitivamente as execucións hipotecarias e mudarmos radicalmente a interpretación hexemónica da vivenda e as dinámicas de acceso á mesma

Daquela, que facer? En que dirección podemos remar para mudarmos este vello modelo habitacional depredador de persoas e territorios por un novo marco que teña o dereito colectivo á vivenda digna no centro no canto de servir á voracidade do mercado? O feito de que a proposta máis radical presente hoxe na axenda mediática hexemónica sexa a dación en pagamento por execución hipotecaria deixa clara a situación na que está o debate. A efectos fiscais, a condonación da débeda por desafiuzamento interprétase como un ingreso percibido polo desaloxado, e por tanto os desposuídos da súa vivenda deben pagar milleiros de euros de impostos por uns cartos que nunca tiveron nos seus petos. O desafiuzado pasa, coa dación en pagamento, de deber cartos ao banco a deberllos a Facenda, coa única excepción humanitaria dos maiores de sesenta e cinco anos cuxa vivenda requisada sexa a habitual e das persoas en risco de exclusión que cumpran os requisitos contemplados no Código de Boas Prácticas Bancarias. Non é esta por tanto a solución ao problema. Na emerxencia habitacional española, co número de execucións hipotecarias en aumento -malia o hipócrita discurso oficial-, co activismo asfixiado e criminalizado e cos afectados guindándose desesperados e abandonados polos balcóns, a saída non a atoparemos na dación en pagamento; o que cómpre é determos definitivamente as execucións hipotecarias e mudarmos radicalmente a interpretación hexemónica da vivenda e as dinámicas de acceso á mesma.

En primeiro lugar, e de xeito inmediato, deberíamos esixir a posta ao servizo da cidadanía con fins sociais da bolsa de vivenda baleira en posesión da banca rescatada con crédito europeo

En primeiro lugar, e de xeito inmediato, deberíamos esixir a posta ao servizo da cidadanía con fins sociais da bolsa de vivenda baleira en posesión da banca rescatada con crédito europeo, quer a través de medidas activas -vía expropiación-, quer por procedementos pasivos -vía impostos-. Estamos literalmente a pagar os pratos rotos dos bancos mentres nos botan das nosas casas e reteñen unha cantidade escandalosa de vivendas baleiras e uns prezos ficticios. Por canto tempo imos tolerar este insulto? A continuación, un goberno que actuase como servidor do pobo e non como testaferro do poder financeiro mundial debería nacionalizar a banca responsábel da desfeita do mercado inmobiliario -xa o fixo Suecia en 1992, case sen custo, tras o estoupido dunha burbulla semellante á nosa- e crear organismos públicos que desen soporte á necesaria provisión de vivenda accesíbel. Desgraciadamente estas medidas, por seren necesarias e eficaces, son imposíbeis dentro da actual estratexia de austericidio da Unión Europea en xeral e da Eurozona en particular.

Un goberno que actuase como servidor do pobo e non como monicreque do capital transnacional debería descargar a responsabilidade sobre a banca e non sobre a cidadanía. Non obstante, e malia o protagonismo das institucións financeiras na desfeita a través das súas prácticas crediticias depredadoras, do seu apoio á voracidade dos promotores e da súa voráxine especulativa co solo e coa vivenda, o discurso oficial europeo teima en culpar da situación ao gasto público e receita austeridade. Non se tomou -nin está na axenda tomar- medida ningunha para regular o mercado do solo e da vivenda tras a hecatombe. Ningunha! Isto é indignante.

Non abonda con medidas meramente correctoras sobre un mercado libre do solo e da vivenda; é necesario o control público total do solo para acadarmos un marco político e económico habitacional coherente, eficaz e socialmente xusto e sustentábel

En calquera caso, non abonda con medidas meramente correctoras sobre un mercado libre do solo e da vivenda; é necesario o control público total do solo para acadarmos un marco político e económico habitacional coherente, eficaz e socialmente xusto e sustentábel. Isto obviamente non está no debate político español nin na axenda mediática que o dirixe, pois a interpretación do solo como unha mercadoría coa que comerciar libremente para extraer un beneficio económico persoal é un lugar común no imaxinario europeo e representa un dos maiores triunfos culturais do capital. Pero, podemos acaso construír unha política habitacional centrada no interese das maiorías sobre a base dun manexo mercantil do solo ao servizo dunha economía ficticia, sendo este o recurso fundamental para a produción do espazo construído? Parece difícil a elaboración de novas fórmulas de vivenda que poñan fin á emerxencia habitacional sen racharmos coas vellas regras de xogo do capitalismo, e sen dúbida o prezo do solo é unha das máis importantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.