O chío de @marixaina

Marixaina, en realidade, chámase María. O que pasa é que poetizou o seu nome ao antecedelo dunha arroba. Adoita ir ás entrevistas de traballo cos pés na terra, sen nervios. Aquela sería para unha empresa do sector de consultoría, de avogados.

Estaba alí á hora á que fora convocada: 09:30h. Cando entrou na oficina, unha muller convidouna a sentar. Na sala non había máis aspirantes. Ao cabo de dez minutos saiu un home, duns corenta e pico, e mandouna pasar a un despacho. Marixaina sentou. O entrevistador pediulle que explicara o seu currículo e ela comezou a falar.  El decatouse de que algo non cadraba e, cun ton xardesco, díxolle: “Yo te estoy hablando en castellano, por si no te has dado cuenta”.

O entrevistador pediulle que explicara o seu currículo e ela comezou a falar.  El decatouse de que algo non cadraba e, cun ton xardesco, díxolle: “Yo te estoy hablando en castellano, por si no te has dado cuenta”

Ela freou, en seco, e caeu nese charco dos silencios incómodos. Atordada, cambiou ao castelán pero el xa non lle prestaba atención; para el, a imaxe de Marixaina xa estaba danada. “Te voy a ser sincero –espetoulle-. Vienes aquí hablando gallego y yo soy de Andorra; no debes suponer que la gente sabe gallego”. “En Galicia?”, díxolle ela. “Mira, te voy a dar un consejo: estamos en un momento en el que hay mucha demanda y poca oferta de trabajo. Con actitudes como la tuya no vas a ningún lado. Te recomiendo, por tu bien, que en futuras entrevistas no vayas suponiendo que la gente sabe gallego”.

Marixaina marchou de alí cargada cos nervios que antes non tiña e as palabras ancoradas na gorxa. O golpe durara cinco minutos. Saiu á rúa e agardou á noite para lanzar aquel chío, coma quen lanza unha pedra contra un espello cóncavo querendo recuperar a realidade.

En febreiro de 2015, tocoulle a Marixaina sentirse estranxeira na súa propia terra e abdicar, durante cinco minutos, da súa normalidade. A ela, que é de Rianxo.

É certo que non todas as persoas que sufren a discriminación lingüística son quen de contalo. Moito menos de denuncialo. Hai sentenzas xudiciais que constatan que esta humillación é real, pero nunca son suficientes para poñerlle freo. Son moitos os reprendidos ou os expulsados dos seus traballos por falar o idioma no que se senten cómodos. Pasoulle a Xesús da Torre en 2008, cando o director do hotel que o entrevistaba lle puxo como condición para acceder ao traballo que non falara galego cos futuros compañeiros. Ou á rapaza que en 2009, nunha tenda dun centro comercial compostelán, escoitou como a encargada sentenciaba: “Como veo que no sabes hablar español, no me interesa”. E tamén a Esther García en 2014, cando nun hotel asturiano lle recomendaban borrar do seu currículo o mérito de falar galego. En febreiro de 2015, tocoulle a Marixaina sentirse estranxeira na súa propia terra e abdicar, durante cinco minutos, da súa normalidade. A ela, que é de Rianxo.

Pero Marixaina non escribiu o chío pensando nese segmento relevante do empresariado galego que sente o idioma coma un elemento inútil para desenvolver a súa actividade. Nin sequera o fixo para combater o autoodio. Nin o cosmopaletismo altivo. Soltouno porque a impotencia foi medrando ao longo do día e quería liberala. E, aforrando dous caracteres dos 140, escribiu: “Hoxe, na Coruña, nunha entrevista de traballo de menos de 5 minutos dixéronme que non me ían contratar porque falaba galego. Así, tal cual”. 806 rechíos. 262 favoritos.

Ela ten as cousas claras: que naquel intre sentiuse pequena por ser galegofalante, que crerse superior por falar unha lingua ou outra provoca tristura e que, durante a conversa, Marixaina, María, non me ía descubrir os seus apelidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.